Mareas

Rachar co tapón xeracional

Xulio Ferreiro: “Vivimos sometidos aos plans de xentes sen escrúpulos pero a Marea representa a ilusión dunha onda de cambio a moitos niveis que xa se observa na incomodidade que reflicten as caras de Rodrigo Rato ou Julio Flores”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou nun acto coa Mocidade, na que presentou á plataforma cidadá que encabeza “como unha fórmula para rachar o tapón xeracional” e apostou por maiores vínculos entre Concello e Universidade

Silvia Cameán, número catro da lista da Marea, denuncia que “o poder utiliza a precariedade e o desemprego para aplastar á mocidade” e afirma que “as mulleres novas son dobremente vítimas”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou nun acto no Campus de Elviña coa Marea da Mocidade, durante o cal apostou pola plataforma cidadá que encabeza como “unha candidatura ilusionante pensada para que a cidadanía volva tomar as riendas da súa vida”. “Vivimos sometidos aos plans de persoas sen escrúpulos, aos que nada importa o sufrimento da xente, pero a situación está mudando; a cidadanía fartouse e a Marea representa ese cambio, esa onda imparable aquí e alá que xa se reflicte na temerosa e incómoda faciana de Rodrigo Rato ou Julio Flores”, engadiu.

O cabeza de lista da plataforma cidadá afirmou durante a súa intervención ante mozos e mozas da Marea da Mocidade “descoñecer en que momento no Estado español se decidiu que só poden facer política os maiores de 50 anos”. “Eu pertenzo a unha xeración á que lle prometeron un gran futuro pero que agora na súa maioría sobrevive como pode, sen poder organizar unha vida, sufrindo o desemprego ou saltando de contrato temporal en contrato temporal á vez que descobren que ter un posto de traballo xa non garante unha existencia digna. Mentíronnos, como ben saben os nosos maiores, que se deixaron o lombo para legarnos un porvir que se viu abaixo pola cobiza dos poderes económicos e políticos. A todas estas persoas, dunha e outra idade, diríxese a Marea. Como tamén a aqueles rapaces e rapazas que teñen ante si un horizonte incerto. Como profesor universitario, eu vexo a alumnado que remata a carreira e vén despedirse desesperanzado. Pois agora, comezando polas municipais, é o momento de rebelarse, de lanzar a mensaxe de que non imos permitir que isto continúe así, que hai Marea”, afirmou Ferreiro, que ofreceu a lista que encabeza como ferramenta “para rachar co tapón xeracional” e tamén apostou por afondar nos vínculos entre o Concello e a Universidade, “que agora viven de costas”.

Pola súa parte, a número catro da lista da Marea, Silvia Cameán, tamén interveu no acto, onde denunciou que “o futuro que o actual modelo deixa á mocidade resúmese en tres palabras: paro, precariedade e miseria”. “A precariedade é a arma que utilizan os poderosos para aplastar á xuventude, á que atacan non só no eido laboral senón tamén no educativo, poñendo a Universidade ao servizo dos mercados para convertela nun instrumento clasista e elitista”, indicou a candidata da Marea, que se definiu como “dobremente vítima” pola súa condición “de persoa moza e de muller, ás que o PP quere devolver ao ámbito doméstico, para poñelas a servir sen dereito a unha vida propia ou ao desenvolvemento laboral”.

Have your say