Saltar ao contido

Os resultados do 20D demostran que só unha candidatura de unidade popular, construída de abaixo a arriba, pode desaloxar o PP da Xunta en 2016

 

Onte tivemos unha primavera en decembro. A coalición En Marea, que representa as políticas do cambio, obtivo 6 escanos no Congreso, dous senadores e foi a segunda forza máis votada en Galicia, con preto do 25% dos apoios. Suficiente para formar, por primeira vez na historia, un grupo parlamentario galego nas Cortes. A rebeldía democrática segue o seu curso, respalda o noso goberno municipal e xa ten voz nas institucións do estado.

Na cidade da Coruña, tras seis meses de goberno da Marea Atlántica, o espazo do cambio suma 9.000 votos máis que nas municipais, en parte grazas ao gran aumento da participación, mentres o PP e o PSOE perden 16.000 e 15.000 votos respectivamente con respecto a 2011. Fica claro que o apoio recibido pola Marea nos comicios de maio non foi casualidade nin sorte, senón froito do desexo da veciñanza da Coruña de abrir as institucións a máis participación, máis democracia e a unhas políticas centradas na xente. Desde María Pita, estamos a demostrar que é posible.

No conxunto de Galicia, o Partido Popular foi o máis votado, pero obtivo os seus peores resultados nunhas eleccións xerais. Nunca, desde que deixou de ser Alianza Popular, baixara dos 11 escanos e dos 700.000 votos neste país. E onte ficou con dez representantes no Congreso e pouco máis de 600.000 apoios. A súa caída é máis evidente se temos en conta que perderon cinco escanos e 250.000 votos con respecto ás eleccións de 2011. A expresión “vitoria pírrica” inventouse para casos coma este.

Houbo primavera en decembro, e non marchará aínda. O longo ciclo electoral que estamos a vivir continúa en 2016, coas eleccións ao Parlamento de Galicia e dun novo goberno na Xunta. Os resultados de onte demostran que só unha marea unida e lidarada pola cidadanía, construída desde abaixo a arriba e radicalmente democrática pode constituírse como alternativa a Alberto Núñez Feijóo e poñer as institucións autonómicas ao servizo do 99%. En Galicia, para a xente, hai Marea. Ten que haber Marea.

Que non pare a primavera democrática