Saltar ao contido

Un trámite administrativo legal e normal, sobre o que o PP tenta botar sombras.

Cando o PP perdeu o goberno, tamén perdeu a memoria. Xa non lembra que un reparo, que non deixa de ser unha obxección, unha advertencia, pode responder por exemplo a que un contrato remata e hai que seguir prestando un servizo, aínda que sexa a golpe de factura, mentres non entra en vigor o seguinte. Neses casos, Intervención avisa para que a situación se corrixa. Non son facturas “ilegais” nin “gardadas no caixón”.

As facturas irregulares, en sobres e en caixóns, son as que sostiñan a trama corrupta da Gürtel, que tan ben coñecen e tanto tratan de ocultar baixo bandeiras. Será por iso que, unha vez máis, a aínda voceira do PP coruñés, Rosa Gallego, volve trabucarse.

É dicir, cando unha empresa ten un contrato co Concello, e este caduca, o habitual é manter o servizo e pagalo directamente con facturas, mentres o novo contrato non está listo. A outra opción sería deixar de prestar o servizo, o cal carece de sentido.

E por que houbo tantas facturas en 2016? A maioría corresponden a tres motivos:

  1. Parques e xardíns. O contrato rematou en decembro de 2015, pero a súa renovación quedou en suspenso. O PP adxudicárallo a unha nova empresa, pero os servizos xurídicos municipais expresaron dúbidas sobre a viabilidade económica da oferta. Finalmente, e cun recurso administrativo da empresa polo medio, foi renovado o 16 de outubro de 2016. En definitiva, até que o novo contrato non estivo en vigor, o que se atrasou polos motivos antes comentados, pagáronse 13,8 millóns en facturas con reparos.
  2. Subministración eléctrica. O contrato herdado polo goberno da Marea Atlántica está dividido en tres lotes, dous deles cun ano de duración e outro de prórroga. Debido a isto, en 2016 non foi posible renovar o contrato en canto expirou, xerando así facturas con reparos (38,19% do total), como xa pasara con outros gobernos.
  3. Copa do Rei de Baloncesto. O PP deixou asinado un convenio coa Federación Española de Baloncesto para a adaptación de varias instalacións deportivas da cidade á celebración de este evento. Pero non deixou partida nos Orzamentos para afrontalas. Dado que as contas municipais foron obxecto de bloqueo por parte da oposición, foi necesario afrontar os compromisos con facturas que xeraron reparo (o 7,56% do total).

O Partido Popular fíxoo en varias ocasións durante o seu mandato en María Pita, aínda que agora perdese a memoria e empregue alegremente a palabra “ilegalidade”:

  • En novembro de 2011 rematou o contrato de mantemento dos semáforos, e estivo sen renovarse ata marzo de 2014. Durante eses dous anos e medio, o Concello seguiu pagando o servizo con facturas con reparos. 90.000 euros ao mes. Un total de 2,4 millóns.
  • En abril de 2012 rematou o contrato do mantemento da paxareira de San Diego, e non se renovou ata 2013. Todo ese tempo pagáronse as facturas con reparo, por uns 5.900 euros ao mes.
  • En xullo de 2012 rematou o contrato de mantemento de instalacións deportivas, que non se renovou ata novembro dese ano. As facturas, con reparos, seguiron chegando nos meses intermedios, e foron pagándose.

Que é unha factura con reparos?