Mareas

Proposta alternativa da Marea Atlántica para o Ofimático

A Marea Atlántica presentou esta mañá no Rexistro Municipal da Coruña unha alternativa de solución ao Ofimático que permitiría evitar os desafiuzamentos en San Vicente de Elviña, que xa deixaron unha familia sen vivenda o pasado 27 de novembro.

A ponte prevista sobre Alfonso Molina, ademais de cara (4 millóns de euros), tecnicamente complexa e pouco útil para o tráfico que xeraría a ocupación do polígono de vivendas do Ofimático, condena este núcleo de poboación á súa desaparición. A Marea Atlántica propón prescindir desa ponte, deixar Elviña fóra do ámbito afectado e mellorar, a cambio, o nó de comunicacións de Matogrande. Sería máis económico e sinxelo, beneficiaría o conxunto da circulación na zona e, sobre todo, evitaría o enorme impacto social en San Vicente de Elviña.

O polígono do Ofimático, lembra a Marea Atlántica na proposta presentada no Concello, adoece de inseguridade xurídica —logo das sentenzas do Tribunal Supremo en 2009 e do Contencioso nº 4 da Coruña este mes—, provoca un enorme impacto social en San Vicente de Elviña e é insustentable, tanto dende o punto de vista económico como dende o punto de vista urbanístico. É gravoso, tanto para a cidadanía implicada como para o Concello da Coruña, e carece de interese público, pois pretende construír 2.400 novas vivendas nunha cidade con máis de 19.000 inmobles baleiros.

A proposta alternativa da Marea Atlántica, no canto de conectar directamente o Ofimático coa arteria de Alfonso Molina, complicando aínda máis a circulación e incrementando a inseguridade, propón comunicar o futuro polígono de vivendas cun nó xa existente en Matogrande que pode ser mellorado. Cun custo notabelmente inferior ao da ponte de Elviña, a ampliación da rotonda de Matogrande —xunto coa reformulación da circulación nesa zona— resolvería as necesidades do Ofimático e melloraría ao mesmo tempo a circulación do conxunto da cidade nun punto tan estratéxico da rede viaria.

Xoán Mosquera, voceiro da Marea por Outro Urbanismo -unha das asembleas temáticas da Marea Atlántica- explicou esta mañá que «por primeira vez na historia do conflito do Ofimático se presenta unha proposta que alivia ao mesmo tempo todas as fontes de tensión, e permite facerlle fronte ademais ao drama dos desafiuzamentos en San Vicente de Elviña».

 

Podes descargar e ler a proposta completa aquí:

Proposta Marea Atlántica para Ofimático 15-12-2014

 

photo_2014-12-15_13-03-45

4 comments

  1. Falo como integrante e xestora da Cooperativa Galega de Vivendas “Parque Ofimático”:

    Vaia por diante que coincidimos nos vosos plantexamentos, pero non podedes vir agora descubrindo a pólvora e atribuíndovos dúas propostas que xa hai anos o movemento cooperativo puxo sobre a mesa, por certo, alegando en tempo e forma ó planeamento e aproveitando os cauces legais. Para iso non fan falta roldas de prensa.

    Xa na primavera de 2013, cando había que facelo, a nosa cooperativa alegaba que habería que deixar a ponte e os asentamentos de Elviña para outro momento e, tamén que había que reorganizar os nós de unión con Matogrande. Por iso se recolle a día de hoxe na Moficiación do Plan Parcial en trámite e na ampliación de Fomento sobre a rotonda do edificio Proa . É máis, queremos ir más alá e soterrar as vías de Adif que separan os dous barrios, e moitas outras cousas máis.

    E solicitamos todo iso e participamos no proceso como hai que facelo, sen desprestixiar a terceiros polo camiño e sen terxiversar ou mentir sobre información que se lle da a cidadanía. Invalidades as vosas propostas dende o momento que falades do Ofimático en termos de “loita política” empregando vocablos coma “disparate”, “inseguridade”, “insostibilidade” “vivendas baleiras” e bla bla bla…Parecedes Negreira, ou Barcón, ou Carril, ou…Que saibamos, o ámbito de San Pedro de Visma estase a desaloxar igualmente, e non o andades a desprestixiar de semellante xeito (claro, ahí todo se fai máis ás caladiñas, controlado enteiramente polos de Aproinco, e con Amancio poñendo cartiños, je).

    Espero que o oportunismo extemporáneo da proposta non teña que ver só cunha campaña publicitaria previa á chegada o venres de Ada Colau e Manolo Rivas, ou como medio de captar catro votiños aproveitando a moda dos desfiuzamentos. Todas as propostas son benvidas para solventalos problemas da cidadanía, pero por favor, en tempo, en forma, e consensuadas coa veciñanza. E a veciñanza somos todos, non só os residentes de Elviña, senon tamén as cooperativas libres, as cooperativas de VPO, os promotores privados non asociados, os 12 de “Parque Ofimático 2010” , e se me apuras, o Yáñez de Aproinco.

    Por favor, non vos comportedes como calquer partido político común. Non vos convirtades nun máis, e falade con todos, para axudar a mellorar as propostas. Aproveitade que o sistema de xestión é de “cooperación”, veña.

    Adicado en especial a Xoán Mosquera, antiguo compañeiro de carreira.

    Responder
    • Existen certas diferencias entre a proposta de conexión entre Matogrande e o Ofimático da Cooperativa de Vivendas “Parque Ofimático” e a proposta da Marea Atlántica. Son cuantitativamente poucas, mais cualitativa e conceptualmente fondas:

      1.- Os promotores non son veciñanza, senón axentes urbanizadores. A lexitimidade dos seus intereses e dereitos non poden considerarse nun mesmo plano que os da xente que ten tecida a súa vida nese lugar durante varias xeracións. Non negamos os dereitos dos promotores, mais son diferentes dereitos, e mais alá deles a Marea pon por riba o interese xeral da cidade.

      2.- O representante dunha das cooperativas amosou o seu interese en opinar no debate sobre o Ofimático. Seguindo os habituais cauces de solicitude e incorporación aos Grupos de Traballo e Mareas, participou nun destes debates deixando clara a súa postura sobre a execución da ponte coma “irrenunciable” para os seus intereses. Calquera outra voz dos diferentes axentes promotores do Ofimático tivo a mesma oportunidade de participar nesa decisión. Comprobamos de novo que a opinión dos promotores non é un bloque e amosa intereses e demandas contraditorias.

      3.- Pese a que consideramos e reiteramos coma irracional a execución dun polígono de 2.400 vivendas nunha cidade con 19.000 vivendas baleiras, e aínda por riba coa declarada intención de moitos dos promotores de non exercer a medio prazo o seu dereito á edificación, non propuñamos a paralización das obras do Ofimático, senón a súa racionalización e diminución dos custes de urbanización. Os promotores tamén sairían gañando coa porposta lanzada dende Marea Atlántica.

      4.- A solución de conexión con Matogrande incluída na alegación da Cooperativa Galega de Vivendas é sustancialmente diferente á proposta por Marea Atlántica para ese mesmo punto do Ofimático. A de Marea Atlántica plantea que esta conexión acade o máximo potencial como unión ao sistema xeral viario da cidade, concentrando a obra proposta (de menor orzamento que a proposta pola Cooperativa Galega de Vivendas) na mellora do nó de Matogrande. Ademais de acadar unha maior versatilidade na elección dos traxectos por parte dos futuros habitantes do Ofimático, resólvense os actuais problemas que ese nó ten hoxe para os seus usuarios, que é o conxunto da cidade e a rexión urbana.

      Esta proposta quere recoller un principio do urbanismo que a Marea Atlántica desexa para a cidade: un problema local e particular pode ser resolto mellorando a eficiencia dunha peza (viaria) que emprega toda a cidade. A atención no interese xeral debe ser un xeito de resolver contradicións entre intereses particulares.

      Responder
  2. Parece unha boa proposta.
    Están a organizar unha concentración pola conservación de San Vicente de Elviña e contra os desafiuzamentos, pero é só unha hora despois do comezo da conversa de Manuel Rivas e Ada Colau.
    https://www.facebook.com/events/780826138632343

    Responder
  3. É xusto¡¡¡¡¡ pero tambem que poidamos faguer as nosas vivendas os cooperativistas (traballadores) que temos dereito a unha vivenda pola que pedimos 40000€ a un banco ai 6 anos..estamos a pagar con intereses,e pagando alquiler ao mismo tempo porque non temos vivenda…..por non decir que o propio ayuntamiento a min debeme 9000€ e nom mos paga….Marea cambeadeo Xa¡ igualdade pra todos¡¡ Nom somos Amancio os autonomos pero estou seguro que entre todos sumamos mais coidadenos somos carne de cañon da crise¡

    Responder

Have your say