Saltar ao contido

Programa

Prezada veciña, prezado veciño

O futuro da Coruña está nas túas mans. Que non te confundan: o 28 de maio non está aínda escrito. Ti decides que cidade queres para a próxima década. Como che gustaría vivir e moverte no día a día. Onde cres que debería empezar e acabar a cidade. Que imos facer para liderar, dende  aquí, unha alternativa á emerxencia climática. Como repartir a riqueza que producen o noso traballo e as nosas ideas. Como imaxinamos A Coruña e que imos facer para construíla.

A Coruña pódeo todo, pero hai que escoller. Podemos baixar os alugueres, rehabilitar pisos baleiros e construír vivenda pública ou deixar que sexan os promotores inmobiliarios quen decidan onde imos ter casa e onde non. Fundar unha empresa pública de transporte ou depender vinte anos máis dunha compañía peor que a anterior para ir ao hospital, á facultade ou ao traballo. Producir a nosa propia enerxía verde e crear emprego e oportunidades de innovación na transición ecolóxica ou seguir  hipotecando ás vindeiras xeracións. Darlle poder aos barrios ou regresar ao modelo que os esqueceu. Un porto aberto ou outro couto privado á beira do mar. Nunca dá igual. Sempre hai que escoller. As cidades escóllense.

Hai quen promete milagres e padriños. Tamén haberá quen anuncie a invención da pólvora ou pretenda facer pasar estas eleccións por un simulacro das xerais. Na Marea Atlántica ofrecemos ideas, honestidade e traballo. Temos a cabeza, o corazón e as mans na Coruña. Xa nos coñeces. A nosa é a única papeleta que non lle ten que pedir permiso a ninguén. A forza política que nunca converte cidade en refén da política. Gobernamos catro anos e fomos leais á cidadanía outros catro dende a oposición. É a hora de volver. A hora da política cercana. Precísase valentía. E ninguén mellor ca nós para implantar as nosas propias políticas.

Eu xa tomei unha decisión. Escollo A Coruña. Quero ser alcalde e arremangarme, á fronte dun goberno progresista, para traballar os próximos catro anos por unha cidade xusta, verde, feminista e democrática. Coñezo ben a miña cidade e quero continuar o que Xulio Ferreiro empezou.

O 28 de maio, escolle A Coruña.

Xan Xove

Candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña