Novas da Marea

Principios básicos da Marea Atlántica

Hai marea. Claro que hai marea. E músculo cidadán. Viñeron a confirmalo onte no Paraninfo da Universidade da Coruña unhas 400 persoas. Xuntámonos para non esquecer o camiño andado dende que publicamos o manifesto o pasado 15 de xullo e para dar outro pequeno paso de xigante no proceso: a presentación dos principios básicos da Marea Atlántica, produto do debate e o esforzo colectivo dos grupos de traballo e as mareas.

Lemos o documento, lembramos cara a onde imos e por onde pasaremos, explicamos como nos organizamos e como se pode participar, sumando, na aventura gozosa de facernos cargo da vida en común. Escoitamos a voz das mareas, a voz da Agra do Orzán, da Cidade Vella, da Marea Feminista, da Marea da Mobilidade, da Marea por Outro Urbanismo. A voz de Begoña, de Alicia, de Mónica, de Xoán, as voces de Marcos e Roberto. Mesmo escoitamos as que veñen de fóra, da Marea de Fóra, da Coruña dispersa polo mundo, e non sempre por vontade propia.

Os principios básicos da Marea Atlántica son catro: garantir unha vida digna para todas as persoas, construír unha economía xusta e sustentábel, forxar democracia e participación cidadá e selar un compromiso ético, un novo contrato entre a cidadanía e os seus representantes. O que segue, precedido por un limiar, é o texto completo dos principios básicos.

 

Por que é necesaria a Marea Atlántica?

A Marea Atlántica nace como unha plataforma cidadá para trasladar ao eido institucional os valores que caracterizan a nosa cidade e as súas xentes: os dunha vila atlántica e heteroxénea, de carácter aberto, avanzado, solidario, tolerante e igualitario.

Afastada do modelo dominante de cidade —dirixida por unha minoría que goberna para se enriquecer e servir os seus propios intereses—, a Marea Atlántica álzase coa intención compartida de poñer fin a esta situación, de xuntar esforzos e ilusións para sementarmos unha cidade aberta e solidaria, unha cidade para todas.

Fronte a un modelo de xestión urbana baseado na corrupción, a especulación e o dispendio traducido en faraónicos investimentos na construción, o imperio dos centros comerciais, a privatización dos servizos públicos ou as recualificacións de terreos, chegou o momento de cambiar o xeito de facer política. É necesario activar a participación da veciñanza nas decisións que nos afectan, rematar coa separación entre gobernantes e gobernadas: cómpre forxar democracia.

A Marea Atlántica naceu o 15 de xullo do 2014 cun manifesto, asinado nos seguintes meses por máis de 2.800 persoas. Este manifesto orientou o abalar da Marea neste tempo: “Este sistema non deixa de crear inxustiza e desigualdade”, “Non estamos sós nin soas. E tampouco acabamos de chegar. Precédennos movementos plurais e moitos anos de mobilización e organización dende abaixo”. Velaí compases do ruxido da Marea que balizan a dirección e a calidade da rebelión democrática que leva dentro. Son as liñas vermellas do que chamamos o “proceso de confluencia liderado pola cidadanía”.

O proceso da Marea Atlántica crea así unha fiestra aberta á participación de todas as persoas que compartan este desexo común, das xa organizadas en partidos e movementos sociais e das que simplemente senten a necesidade de cambiar o estado de cousas, sempre coas regras de xogo e o liderado da cidadanía. O programa deste proceso navegará grazas ás contribucións de todas aquelas persoas que formemos parte da Marea. Con todo, xa desde o inicio temos claros uns principios básicos sobre os quealicerzar este noso proxecto colectivo: xustiza social igualitaria, sostibilidade, participación cidadá e transparencia.

 

1. Garantir unha vida digna para todas as persoas.

A Marea Atlántica vén para loitar pola defensa dos dereitos sociais.

Os últimos anos de Crise-estafa empeoraron a situación económica dun grande número de persoas, veciños e veciñas da cidade, incapaces xa de cubriren as súas necesidades máis básicas. A prioridade de todo goberno municipal debe ser a de poñer fin a semellante situación, empregando para iso todos os seus recursos e competencias, mesmo ampliando o marco de actuación destas e activando a interlocución con outras institucións públicas responsables. O noso obxectivo é garantir o acceso a unha educación, unha sanidade e unha vivenda dignas. Garantir, en definitiva, o dereito a unha vida digna.

A vivenda é un dereito, non un negocio. Os índices de vivenda social, quer en propiedade, quer en aluguer, son completamente irrisorios e insuficientes para atender as necesidades da xente. A construción de vivendas é xestionada tan só polo sector privado, é dicir, xestionada con fins especulativos e de lucro. Este modelo —un dos causantes da burbulla inmobiliaria, cerna da actual crise económica— é insostible. Poñer en marcha políticas encamiñadas a facilitaren o uso social do parque de vivendas baleiras sería unha solución. Ningunha medida está de máis cando se trata de acabar cos desafiuzamentos.

Reclamamos unha sanidade pública, universal e gratuíta. A saúde non pode ser un produto de consumo máis, senón un dereito ao alcance de todos e todas. É preciso atender as necesidades de todas as persoas, especialmente daquelas con risco de exclusión social. Debemos frear o proceso en curso de privatización da sanidade e implementar máis recursos na atención sanitaria.

O acceso a unha educación pública, universal, gratuíta e de calidade é un dereito fundamental. Sen educación non hai posibilidade de crear unha sociedade máis xusta e igualitaria. Os centros educativos públicos están cada vez peor dotados e máis masificados. O goberno municipal debe esixir ao goberno autonómico a atención das súas responsabilidades nesta materia; deixar de favorecer modelos de educación privada; responder aos requirimentos daquelas persoas que non poden enfrontar gastos en material escolar e, asemade, pular por un modelo que se provea das prazas de educación infantil precisas para atender as necesidades da veciñanza, dos seus cativos e cativas.

Así mesmo, é hora de promover políticas de solidariedade de cara ás persoas que teñen máis difícil cubrir as súas necesidades básicas de auga, luz e alimento. Nese marco de actuación, xulgamos indispensable facilitar e promover a igualdade e a integración social en todos os ámbitos, como garantes de cohesión e liberdade.

Entendemos que a consolidación dunha vida digna pasa tamén por outro tipo de principios substanciais, como a defensa do laicismo, o feminismo ou a transmisión do legado e da memoria.

 

2. Unha economía xusta e sustentable.

A Marea Atlántica defende unha economía social ao servizo da xente, guiada polos principios da solidariedade e a sustentabilidade.

O actual sistema económico está deseñado para asegurar o beneficio duns poucos a costa do benestar da maioría. As políticas de privatización e subcontratación dos servizos públicos levadas a cabo non produciron máis que corrupción, precarización do traballo e, finalmente, o encarecemento do prezo final dos servizos. Como consecuencia, urxe fiscalizar e inspeccionar a xestión das concesionarias dos servizos municipais privatizados. Unha medida como remunicipalizar certos servizos volveríaos tamén máis eficaces, baratos e accesibles.

Queremos unha política fiscal progresiva, na que prime o aforro enerxético e o emprego de enerxías renovables. Cremos no pulo da creatividade e nas iniciativas de economía social que, ademais de protexeren o comercio de proximidade —característico da nosa cidade—, son quen de manter postos de traballo sostibles onda un tecido barrial de calidade.

Vivimos nun Concello con necesidades de financiamento. Urxe unha auditoría exhaustiva das contas, dos investimentos ás empresas municipais, xa que en parte derivan de inercias de gasto irracional, opaco e contrario aos intereses da cidadanía. E como consecuencia, cómpre reducir ao mínimo o endebedamento do Concello con entidades bancarias así como o gasto en cuestións de interese partidista (gastos políticos, asesores, persoal eventual, cargos de confianza…). Acabar cos soldos millonarios no Concello, cos gastos desproporcionados en representación, dietas e publicidade, é de xustiza.

 

3. Democracia e participación cidadá.

A Marea Atlántica quere dar voz á cidadanía. Para que as decisións que afectan á cidade, as tomemos en común.

A democracia é un exercicio cotián, constante. Non podemos permitir que unha minoría decida por nós —e da maneira en que o fai: durante catro anos e a porta pechada— as políticas que nos afectan. Por esta razón, propoñemos reactivar os mecanismos que permiten, na maior medida posible, a toma de decisións por parte da xente.

Para garantirmos o dereito a decidir, hai que establecer antes canles de acceso á información o máis sinxelas posible, e someter a actuación do Concello aos principios da publicidade e a transparencia. Resulta procedente coñecer con precisión, mediante unha auditoría cidadá, o estado real das súas contas; facer de dominio público todos os datos importantes da institución. A aposta por orzamentos participativos parécenos, neste sentido, prioritaria.

No marco dun novo Regulamento de Participación a cidadanía será quen de coparticipar na toma de decisións municipais, en especial en relación cos Orzamentos (orzamentos participativos) e os investimentos.

A prol dunha participación cívica efectiva, o Concello ha promover iniciativas de autoorganización cidadá: asociacións de veciños e veciñas, centros sociais e culturais, formas de ocio e deporte de base ou cooperativas de consumo.

 

4. Compromiso ético.

A Marea Atlántica persegue outra maneira de facer política, da xente e para a xente; de maneira limpa e transparente.

O actual sistema de representación democrática semella deseñado para afastar a cidadanía da participación política e facilitar, deste xeito, a corrupción. A Marea Atlántica nace coa intención de acurtar a distancia entre representantes e representadas e de converter á veciñanza na verdadeira protagonista da política municipal, entendendo sempre que por riba de calquera compromiso coa lei, está o compromiso ético coas persoas. Para acadar este fin non abonda con confiar na boa vontade dos cargos electos, senón que avogamos por establecer un compromiso ético vinculante coa cidadanía que garanta o mantemento dos seus principios.

A fin de evitar a profesionalización da política, os cargos electos da Marea Atlántica poderán exercer a súa función durante un máximo de dous mandatos e han cobrar un soldo acorde co traballo e responsabilidade exercidos, sempre axustado aos principios de aforro, servizo público e solidariedade cos e coas que menos teñen. Os seus ingresos e patrimonio publicaranse anualmente e evitarase a acumulación de responsabilidades.

Os cargos electos da Marea estarán obrigados a someter a súa actuación ao principio de transparencia e a facilitar a participación cidadá na súa toma de decisións, así como a dar conta periódica ante a cidadanía do seu exercicio público. A Marea Atlántica dotarase dos mecanismos precisos para facilitar a revogación inmediata dos cargos electos que incumpriran estes compromisos coa veciñanza.

 

Principios básicos da Marea Atlántica

Have your say