Saltar ao contido

“Foi unha reunión institucional, correcta e nun ton moi afable” explicou Ferreiro ante os numerosos medios aos que atendeu na mesma praza de María Pita.

 

Xuntanza Ferreiro e Negreira

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo unha xuntanza o 2 de xuño no Pazo de María Pita co alcalde en funcións e cabeza de lista do PP, Carlos Negreira, na que durante máis dunha hora trataron a grandes rasgos diversos temas relacionados co Concello, nun diálogo que no ambas partes afondarán esta mesma semana en canto o rexedor en funcións teña constancia directa do anunciado apoio ao candidato da Marea dos grupos municipais de PSOE e BNG.

Xulio Ferreiro adiantou que “en principio, en canto teña a confirmación directa da maioría favorable á miña investidura como alcalde, existe a disposición por parte do goberno en funcións de comezar en breve conversas e facilitar informes” para o traspaso de poderes.

Así mesmo, o candidato da Marea Atlántica desvelou que nestes días a plataforma cidadá manterá xuntanzas co resto de grupos municipais para tratar diversas cuestións programáticas e concretar o seu apoio á constitución dun goberno “que a Marea ten a intención de asumir en solitario” malia que esa decisión non depende exclusivamente da formación, que obtivo 10 concelleiros e concelleiras nas pasadas eleccións municipais e que tamén quere dialogar antes da investidura coa representación electa do PP. Nestes días, a Marea tamén pechará unha estrutura de goberno para os próximos catro anos, segundo Ferreiro.

Primeira reunión institucional de Xulio Ferreiro con Carlos Negreira