Regulamento de Primarias Abertas

Regulamento de Primarias Abertas da Marea Atlántica para as eleccións municipais de maio de 2015

Descargar o Regulamento en pdf

PREÁMBULO

A Marea Atlántica naceu como expresión dun desexo común: o da revolución democrática. Un desexo de democracia para as nosas vidas, para a cidade da Coruña, pero tamén un desexo de democracia para a Marea Atlántica. A democracia que queremos comeza por nós mesmas, e desde nós mesmas parte un regulamento que afiance o espírito democratizador da Marea Atlántica.

ARTIGO 1. OBXECTO E CONVOCATORIA

  1. O presente Regulamento ten por obxecto regular o proceso de elección, a través de primarias abertas á cidadanía, da candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de maio de 2015 na cidade da Coruña.
  2. O Regulamento desenvolve os acordos incluídos na Proposta de Consenso de Primarias e Programa Participativo aprobada por aclamación na Marea Alta da Marea Atlántica, fase final da Marea Viva, o 7 de febreiro de 2015.
  3. O Regulamento foi aprobado pola Rede, a asemblea xeral da Marea Atlántica, o 12 de febreiro de 2015.
  4.  Correspóndelle ao Grupo de Traballo de Coordinación, por delegación da Rede, a convocatoria oficial das Primarias Abertas da Marea Atlántica, segundo o calendario previsto no artigo 2 do presente Regulamento.

ARTIGO 2. CALENDARIO

1. O calendario das Primarias Abertas da Marea Atlántica será o que segue, e de ser modificado por cuestións técnicas deberá manter a súa orde e estrutura:

12 de febreiro
Data límite de aprobación do Regulamento de Primarias e conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral

17 de febreiro
Data límite de preparación dos formularios de inscrición, avais, candidaturas, listas, etc.

18 de febreiro

Convocatoria oficial das Primarias e apertura de praza de inscrición para voto non presencial.

24 de febreiro

Data límite para a presentación de candidaturas á cabeza de lista e listas abertas.

25 de febreiro

Proclamación provisional de candidaturas e listas e comunicación de erros para a súa subsanación.

26 de febreiro

Presentación e resolución de alegacións e subsanación de erros.

27 de febreiro

Proclamación definitiva de candidaturas e listas e inicio de campaña.

2 de marzo

Data límite para asinar o manifesto e peche do prazo de inscrición para o voto non presencial.

6 de marzo

Fin da campaña.

7 e 8 de marzo

Votación telemática e nos colexios electorais.

9 de marzo

Publicación de resultados provisionais.

9 e 10 de marzo

Presentación e resolución de alegacións aos resultados provisionais.

11 de marzo
Proclamación definitiva dos resultados e da candidatura.

12 de marzo
Presentación pública da candidatura da Marea Atlántica.

ARTIGO 3. SUFRAXIO ACTIVO

3.1. Dereito ao voto

  1. No proceso de Primarias Abertas de Marea Atlántica terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que resida, ou residise nos últimos cinco anos, na cidade da Coruña, e que asinase o manifesto da Marea Atlántica entre a súa publicación e o 2 de marzo de 2015.
  2. Todas as persoas deberán probar que residen ou residiron na Coruña cun dos seguintes documentos: DNI con enderezo na cidade, certificado de empadroamento ou factura onde consten o nome do titular e o enderezo. No caso de voto presencial, o documento presentarase no intre de exercer o dereito. No caso do voto telemático, abrirase un prazo para o envío da documentación correspondente entre os días 18 de febreiro e o 2 de marzo.
  3. A Marea Atlántica obrígase a garantir o segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.

ARTIGO 4. ASPIRANTES

4.1. Requisitos para ser candidata/o

  1. Será elixible calquera persoa con residencia na Coruña que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e cumpra ademais os seguintes requisitos imprescindíbeis:
    1. Ter asinado o Manifesto da Marea Atlántica, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
    2. Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica.
    3. Declarar por escrito que cargos ocupa en organizacións políticas ou sindicais e comprometerse a abandonalos no caso de resultar elixida.
    4. Estar en posesión dos avais que estabelece o presente Regulamento.
    5. Declaración xurada de non estar incurso en todas e cada unha das causas de exclusión.
  2. O Órgano de Arbitraxe Electoral porá a disposición de toda a cidadanía os formularios oficiais correspondentes, que deberán ser entregados en tempo e forma, unha vez cumprimentados, a través do correo electrónico primarias@mareatlantica.org ou presencialmente no local da Marea Atlántica en R/ Marqués de Pontejos, 7 – Baixo, entre o día 18 de febreiro de 2015 ás 23.59 horas e as 23.59 horas do 24 de febreiro de 2015 en horario de 20.00 a 21.00 horas.

4.2. Criterios de exclusión

  1. Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
    1.  Ser cargo electo nalgunha outra Administración pública distinta do Concello da Coruña.
    2. Ter ostentado algún tipo de responsabilidade como representante nos anteriores gobernos municipais da Coruña.
    3. Formar parte de candidaturas distintas á da Marea Atlántica que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
    4. Estar imputada por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
    5. Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
    6. Non ter entregado en tempo e forma a documentación esixida.
  2. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.

A concorrencia dalgunha destas causas de exclusión ao longo do proceso determinará a anulación da candidatura.

4.3. Avais

  1. Terán a condición de avalistas as persoas activas en grupos de traballo ou mareas e con plenos dereitos políticos na Marea Atlántica a día 5 de febreiro, data de peche do censo da Marea Alta.
  2. Cada avalista poderá avalar unha persoa para a cabeza da lista e outras tres para o resto da candidatura, e nunca poderá avalarse a si mesmo/a.
  3. Os avais deberán ser formalizados empregando o formulario oficial e entregaranse acompañados dunha fotocopia do DNI da persoa avalista.
  4. Correspóndelle ao Órgano de Arbitraxe Electoral a potestade de validar os avais entregados en tempo e forma e segundo se estabelece no presente Regulamento.
  5. No caso de que o Órgano de Arbitraxe Electoral detecte que unha mesma persoa avala máis dunha persoa para a cabeza de lista e/ou máis de tres persoas para calquera outro posto, comunicarallo ao mesmo tempo que se fai pública a relación de candidaturas. A persoa avalista deberá subsanar o erro antes da proclamación definitiva.
  6. Para presentarse a cabeza de lista, a persoa aspirante precisa de 15 avais. Para concorrer a calquera outro posto da lista, a persoa aspirante precisa de 5 avais.
  7. Os avais, así como toda a documentación entregada polas persoas candidatas, serán custodiados polo Órgano de Arbitraxe Electoral.

4.4. Compromisos asumidos pola Marea Atlántica coa persoa aspirante

  1. A Marea Atlántica, a través do Órgano de Arbitraxe Electoral, garantirá un trato igualitario na difusión de todas as candidaturas e a igualdade de oportunidades en todo o proceso.
  2. A Marea Atlántica porá a disposición da persoa candidata os recursos telemáticos comúns da plataforma para a promoción da súa candidatura.
  3. A Marea Atlántica garantirá o respecto á intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
  4. A Marea Atlántica porá a disposición da persoa candidata os respectivos formularios para a presentación de avais.

ARTIGO 5. CANDIDATURAS E LISTAS ABERTAS

  1. As persoas que aspiren a encabezar a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2015 presentarán candidaturas individuais, avaladas por 15 sinaturas segundo o estabelecido no presente Regulamento. Estas persoas non poderán acompañar o seu nome de ningunha marca.
  2. As persoas que aspiren a ocupar calquera outro posto distinto do primeiro na candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2015 presentaranse integradas en listas abertas, cunha denominación escollida polos seus integrantes.
  3. As listas abertas serán paritarias e estarán compostas por entre 4 e 10 persoas (4, 6, 8 ou 10) e presentaranse ordenadas do 1 ao 10 en cremalleira de xénero.
  4. Ningunha candidatura en lista aberta poderá empregar na súa denominación referencias directas ou indirectas a organizacións políticas formalmente constituídas.
  5. As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de concorrer a un posto do resto da lista. No caso de que unha persoa sexa aspirante a ser cabeza pero non parte da lista e non resulte elixida non formará parte da candidatura da Marea Altántica para as eleccións municipais.

ARTIGO 6. IGUALDADE DE XÉNERO

6.1. Garantías de igualdade de xénero

  1. As listas abertas deberán cumprir criterios de paridade (50%) en cremalleira.
  2. O voto só pode ser emitido de xeito totalmente paritario e en cremalleira.
  3. No caso de que o resultado non sexa acorde ao principio da paridade total, o Órgano de Arbitraxe Electoral corrixirá a lista para facer cumprir tal principio, facendo pública a súa resolución.

ARTIGO 7. ARBITRAXE

7.1. Organismo para a supervisión do proceso electoral

  1. Crearase un órgano de supervisión do procedemento de Primarias Abertas denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.

7.2. Conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral

  1. O Órgano de Arbitraxe Electoral estará conformado por unha persoa de cada organización política confluente na Marea Atlántica que así o solicite e un número equivalente máis un de persoas sen adscrición partidaria.
  2. A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral será designada e referendada por consenso pola Rede, ou no seu defecto por maioría.
  3. A composición do Órgano de Arbitraxe Electoral decidida pola Rede debe ser paritaria.
  4. Como mínimo, debe formar parte do Órgano de Arbitraxe Electoral unha persoa do Grupo de Traballo de Ferramentas con voz pero sen voto.
  5. A data límite de conformación do Órgano de Arbitraxe Electoral é o 12 de febreiro de 2015.

7.3. Incompatibilidades do Órgano de Arbitraxe Electoral

  1. Non poderán formar parte do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas que sexan candidatas a formar parte da lista ou a encabezala.
  2. As persoas que forman parte do Órgano de Arbitraxe Electoral non poderán facer campaña nin solicitar o voto para ningunha candidatura ou lista.

7.4 Causas de expulsión do Órgano de Arbitraxe Electoral

  1. Serán expulsadas do Órgano de Arbitraxe Electoral aquelas persoas incorran nalgún dos seguintes supostos:
    • Aquelas que soliciten publicamente, e por calquera medio, o voto para unha candidatura.
    • Aquelas que cedan a persoas alleas a dito órgano calquera tipo de dato persoal de terceiros.
  2. A expulsión rexerase polo mesmo mecanismo de toma de decisións que afecta a todos os actos do Órgano de Arbitraxe.

7.5. Competencias do Órgano de Arbitraxe Electoral

  1. Garantir o cumprimento deste Regulamento.
  2. Poñer ao dispor das persoas interesadas os formularios correspondentes para a presentación de avais, candidaturas e listas, incluídos os compromisos de cumprimento do Código Ético e renuncia aos cargos que se ocupan en organizacións políticas e sindicais no caso de resultar elixidas.
  3. Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña.
  4. Aprobar as candidaturas presentadas.
  5. Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
  6. Revisar os avais e a documentación acreditativa de residencia na cidade.
  7. Elaborar un documento de consideracións para as persoas candidatas que conteña as recomendacións e límites para levar a cabo a campaña electoral.
  8. Designar e formar as persoas que actuarán como interventoras e asistentes durante o proceso de votación telemática asistida, quedando excluídas do papel de asistente as persoas que formen parte dalgunha candidatura.
  9. Designar unha persoa en representación do Órgano de Arbitraxe Electoral que forme parte do Grupo de Traballo de Coordinación da Marea Atlántica con voz pero sen voto durante todo o proceso electoral. Ese posto de representación pode ser rotativo.
  10. Validar ou anular os avais presentados.
  11. Validar ou anular as candidaturas e listas presentadas.
  12. Elaborar resolucións a respecto dos conflitos e queixas que se podan producir nas inscricións, o contido dos avais e candidaturas.
  13. Instar ao grupo de Coordinación da Marea Atlántica a executar o réxime sancionador.
  14. Interpretar baleiros do presente regulamento.
  15. Realizar a corrección de xénero sobre o resultado final que garanta a paridade total e a cremalleira na candidatura da Marea Atlántica.

7.6. Mecanismo para a toma de decisión do Órgano de Arbitraxe Electoral

  1. O Órgano de Arbitraxe Electoral adoptará as súas decisións por maioría dos seus membros. No caso de ser instado a executar o réxime sancionador, o Grupo de Traballo de Coordinación tamén deberá adoptar as súas decisión por maioría dos seus membros.

7.7. Mecanismo sancionador

  1. Existirán dous niveis de infracción: leve e grave.
  2. Dúas infraccións leves suporán, ao igual que unha grave, a anulación da candidatura.
  3. Terán a condición de infraccións leves os seguintes supostos:
    1. A non comunicación ao Órgano de Arbitraxe Electoral da celebración de actos públicos en que se solicite o voto para unha candidatura, durante o proceso previo e durante a propia campaña.
    2. A solicitude de voto a través calquera medio de comunicación fóra do proceso de campaña.
  4. Terán condición de infraccións graves os seguintes supostos:
    1. A celebración de actos públicos en que se solicite o voto durante o proceso previo á campaña de primarias.
    2. A difusión de mensaxes ofensivas sobre outras candidaturas.
    3. A solicitude de voto durante a campaña a través de medios de comunicación privados, públicos ou comunitarios, non entrando en dita consideracións os perfís en redes sociais.
    4. A edición de material propagandístico solicitando o voto para unha candidatura.
    5. A utilización das ferramentas orgánicas de comunicación dunha organización política, ou da propia Marea Atlántica, solicitando o voto durante o proceso previo e durante a propia campaña.

7.9. Procedemento sancionador do Órgano de Arbitraxe Electoral

  1. O Órgano de Arbitraxe actuará como organismo sancionador de oficio ou a instancia dunha parte. Poderán presentar queixas diante do Órgano de Arbitraxe relativas á actuación doutros candidatos/as as persoas participantes no proceso de primarias.
  2. Unha vez detectada ou denunciada unha infracción, o Órgano de Arbitraxe dispón de 24 horas dende o inicio das actuacións instrutoras para escoitar á persoa denunciada e, de habela, á denunciante. A persoa denunciada terá dereito, ademais, a presentar, en idéntico prazo, alegacións escritas a respecto da conduta baixo investigación.
  3. Durante este proceso, a persoa denunciada ten dereito a presentar unha alegación motivada.
  4. Tras escoitar ás partes, e acordar, no seu caso, as dilixencias probatorias que estime precisas, o Órgano de Arbitraxe emitirá unha resolución, que deberá ser comunicada á persoa denunciada e, no seu caso, denunciante. No caso de que a resolución recolla a existencia dunha sanción e realice unha proposta de sanción comunicaraa tamén ao Grupo de Traballo de Coordinación.
  5. Á vista da proposta de sanción, a persoa afectada poderá presentar alegacións diante do Grupo de Coordinación no prazo de 24 horas. Recibidas as alegacións, ou rematado o sinalado prazo, o Grupo de Coordinación emitirá a resolución definitiva, confirmando ou modificando a proposta remitida dende o Órgano de Arbitraxe.

ARTIGO 8. VOTACIÓN

8.1. Tipo de votación

  1. A votación nas Primarias Abertas da Marea Atlántica estará dividida entre o primeiro posto, que se vota por separado, e o resto da lista, sendo obrigatorio votar no apartado da lista, permitíndose para o cabeza da candidatura o voto en branco.
  2. As candidaturas individuais para o primeiro posto da lista aparecerán na pantalla ordenadas de esquerda a dereita en orde aleatoria ou sorteada polo Órgano de Arbitraxe Electoral. As listas abertas que compiten polo resto da lista aparecerán na pantalla presentadas en columnas e ordenadas de esquerda a dereita co mesmo sistema que no caso anterior.
  3. No acto de votación, cada elector/a deberá de xeito obrigatorio escoller 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando a paridade de xénero en cremalleira.

8.2. Reservas de postos

  1. A lista de titulares da candidatura da Marea Atlántica será completada con persoas de consenso que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados un máximo de 4 postos ao final da lista.
  2. No caso de que sexa necesario completar a candidatura, sexan os postos titulares ou suplentes, por consenso na Rede.

ARTIGO 9. CAMPAÑA ELECTORAL

9.1. Dereitos e deberes das persoas candidatas

  1. Dereitos das persoas candidatas:
    1. As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte da Marea Atlántica.
    2. Dereito a acudir ante o Órgano de Arbitraxe para denunciar as irregularidades que considere gravosas para o proceso.
    3. Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas pola Marea Atlántica para a promoción de candidaturas. No devandito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 140 caracteres e un texto maior, de 500 caracteres, onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das listas nestes espazos terá unha orde aleatoria. Así mesmo, os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas, facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
    4. Dereito a solicitar o voto para a súa candidatura a través dos seus propios perfís en redes sociais.
    5. Dereito a celebrar actos públicos durante a campaña nos que se solicite o voto para dita candidatura, toda vez que estes sexan previamente comunicados en tempo e forma ao Órgano de Arbitraxe Electoral.
  2. Deberes das persoas candidatas:
    1. Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.
    2. Deber de actuar acorde a este Regulamento e ás resolucións do Órgano de Arbitraxe Electoral.

9.2. Garantías de igualdade de oportunidades

  1. Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade en medios de comunicación.
  2. A Marea Atlántica ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa.
  3. Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto, como así contempla o réxime sancionador.
  4. Estará prohibida a edición de material propagandístico físico para a promoción dunha candidatura, como así contempla o réxime sancionador.
  5. O Órgano de Arbitraxe Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.

9.3. Calendario da campaña electoral

  1. A campaña electoral comezará o 27 de febreiro e rematará o 6 de marzo.

ARTIGO 10. SISTEMA DE VOTACIÓN

10.1. Sistemas de votación

  1. As dúas votacións que se levarán a cabo durante as primarias da Marea Atlántica irán guiadas por tipos de conteo distintos.
  2. A votación da cabeza de lista estará regulada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura.
  3. No caso de existir unha soa candidatura a cabeza de lista, só se permitirán dúas opcións: votar o/a candidato/a ou votar en branco.
  4. No caso de existir dúas ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora debe emitir tantos votos como opcións haxa ou votar en branco. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida —no caso de que haxa tres candidatos/as— suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1.
  5. A votación á composición da lista estará regulada polo reconto Dowdall.
  6. O elector ou electora ordenará as súas opcións para a composición da lista, pero neste caso e de xeito obrigatorio do 1º ao 12º. Os puntos outorgados, en lugar de ser consecutivos como no caso anterior serán así: 1 punto, 1/2 punto, 1/3 punto, 1/4 punto, 1/5 punto, 1/6 punto, 1/7 punto, 1/8 punto, 1/9 punto, 1/10 punto, 1/11 punto e 1/12 punto.
  7. Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto do 50% entre homes e mulleres en cremalleira non poderán ser emitidos.

ARTIGO 11. XORNADAS ELECTORAIS

11.1. Lugares e formas de votación

  1. Votarase telematicamente e de maneira privada ou de maneira telemática asistida nun espazo adaptado a tal efecto.
  2. Habilitaranse un ou máis espazos a efectos de colexio electoral, segundo decida o Órgano de Arbitraxe Electoral, nos que se votará a través dun ordenador. Nos devanditos colexios estarán persoas do Grupo de Ferramentas para facilitar a votación e do Órgano de Arbitraxe Electoral para garantir a limpeza do proceso.
  3. Celebraranse dúas xornadas electorais consecutivas os días 7 e 8 de marzo.

11.2. Seguridade do proceso

  1. Ademais das ferramentas de seguridade que oferta a ferramenta telemática, o Órgano de Arbitraxe velará pola seguridade do proceso.

11.3. Escrutinio

  1. O escrutinio será realizado pola propia ferramenta telemática e publicado para a súa impugnación, se procede, en todas as ferramentas comunicativas da Marea Atlántica.

ARTIGO 12. PROCLAMACIÓN DA CANDIDATURA

12.1. Publicación e proclamación da candidatura

  1. A candidatura será proclamada polo Órgano de Arbitraxe o 11 de marzo de 2015.
  2. Os resultados publicaranse o 9 de marzo de 2015. Abrirase un prazo de alegacións entre os días 9 e 10 de marzo de 2015.

 

Formularios: