Concello

Comisión de Facenda

O desbloqueo dos Orzamentos ten un prezo: 5,6 millóns en recortes

Eugenia Vieito: “Temos que afrontar unha redución de ingresos inxustificada, que non ten oubro obxecto que obstaculizar a acción de goberno”

As negociacións co PSOE permiten minguar o recorte que a oposición propuxera a comezos de semana, de case 11 millóns. Non son as contas desexadas, pero permiten traballar para a maioría social

 

Hoxe, logo da celebración da Comisión de Facenda, esta mesma mañá, foi posible chegar a un acordo para a aprobación definitiva dos Orzamentos 2017 do Concello da Coruña. Pero tivo un prezo: 5,6 millóns de euros en recortes inxustificados de ingresos. 5,6 millóns que non se poderán empregar en políticas para maioría social. E que se introducen retorcendo o sentido do trámite de alegacións.

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, saudou “o desbloqueo da situación”, pero lamentou que “as que se aprobarán non serán as contas desexadas. Os recortes aplicados non teñen xustificación real,máis alá do mero afán de obstaculizar a acción do goberno, mesmo despois de ter superado unha cuestión de confianza”.

“Tras un proceso de negociación co grupo socialista, dende o Goberno local fomos capaces de mitigar o recorte de máis de 11 millóns de euros no proxecto orzamentario propostos a principios de semana por PP e por PSOE”, destacou a titular de Facenda

 

Os datos ao detalle

En base ás votacións de reclamacións efectuadas na Comisión da Facenda, o proxecto orzamentario experimentará un recorte na previsión de ingresos de 5,6 millóns de euros e unha estimación no incremento do gasto de 1,6 millóns. No que atinxe ás baixas de ingresos destacan catro millóns de euros procedentes de non estimar os ingresos por dividendos da Empresa de Augas da Coruña Emalcsa. “Este recorte foi proposto polo PP e semella ter como único obxectivo privar ao Goberno local dos ingresos dunha empresa 100% pública,e que eles si tiveron cando gobernaban”, analizou Vieito.

O recorte na previsión de ingresos vén motivado ademais por unha redución de 1.650.000 euros no que atinxe á previsión de recadación por distintos tributos municipais. Ademais, entre as reclamacións aprobadas hoxe tamén figura outra que contabiliza un incremento da previsión de gasto de máis de 1,6 millóns de euros correspondente ao pago de facturas relacionadas co servizo de transporte público. Trátase dunha alegación introducida polo Partido Socialista.

 

O PP terá que explicar os seus recortes

“Non nos parece de recibo que a cidadanía da Coruña teña que soportar uns recortes desta magnitude no orzamento municipal cando ademais o noso proxecto presupostario xa superou unha cuestión de confianza. Non todo vale”, comentou Vieito, quen non obstante manifestou que “por compromiso coa veciñanza, cremos que é necesario que o proxecto orzamentario para 2017 se aprobe xa, e iso foi o que conseguimos hoxe nesta comisión”.

“Supoñemos que o PP sairá a dar a cara no momento no que a cidadanía pregunte por que se lle decidiu aplicar un recorte neste orzamentos que afectará a programas e intervencións demandadas, e explicará por que decidiu forzar esta situación”, recordou.

Have your say