Novas da Marea

30_08_18_XiaoVarela_GomezReino

Xiao Varela insta ao PP a non obstaculizar o diálogo entre o Concello da Coruña e o Goberno no Estado sobre o futuro do Porto

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, anunciou a presentación de varias iniciativas na cámara e pediulle ao goberno de Pedro Sánchez “lealdade” e que “A Coruña non teña un trato diferente ao de Valencia”

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e o concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, presentaron este xoves unha serie de iniciativas rexistradas na Cámara Baixa para esixir ao Goberno a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, tal e como se fará co Consorcio Valencia 2007. Ambos os dous lembraron que as novas normativas da UE para axudas a obras portuarias e ao réxime financeiro dos portos, permiten aplicar as axudas que supoñan unha quita efectiva da débeda no caso coruñés.

 

 

“Nós levamos tres anos reclamando para o Porto da Coruña un futuro diferente ao que marca a especulación urbanística recollida nos convenios de 2004. E o ocorrido en Valencia demostra que, como dixemos desde o primeiro momento, é posible conseguilo”, afirmou Xiao Varela. Neste sentido, o edil pediulle ao PP “que se deixe de bufonadas” e “non obstaculice o diálogo entre o Concello da Coruña e o Goberno do Estado” en relación ao futuro do borde litoral.

“Durante tres anos o PP estivo mentindo en xuntanzas de alto nivel, co presidente de Portos do Estado e da Autoridade Portuaria, onde dicían que a quita non era posible. Parécennos moi ben o seu cambio de postura pero pedimos que non dificulten o traballo co Goberno”, denunciou Xiao Varela, e engadiu que a Marea Atlántica defenderá unha moción sobre este asunto no próximo Pleno do Concello, o 10 de setembro.

Lembrou, ademáis, que “logramos mudar o taboleiro de xogo, con cambios reais como a paralización da poxa dos terreos da Solana. Demostramos que só cómpre vontade política”. E lembrou, ademais, que “a recuperación do porto é unha cuestión de cidade, non nunha loita partidista. Non é necesario vender os peiraos para tapar a enorme débeda da Autoridade Portuaria”.

Gómez-Reino: “Pédimoslle lealdade a Pedro Sánchez”

Pola súa banda, Antón Gómez-Reino indicou que non pode ser que “a Valencia se lle permita unha cousa e a Galicia non. Hai uns meses fixemos presidente do Goberno a Sánchez, agora solicitámoslle que actúe con lealdade e sen condicións con esta demanda ao respecto da débeda do Porto da Coruña”, anunciou o voceiro.

Desde En Marea reclámaselle ao Goberno que, máis alá da condonación da débeda, atendan outras peticións do Concello da Coruña con respecto á xestión do Porto. En varias iniciativas, entre as que destaca unha Proposición Non de Lei, defenden a creación do consorcio público solicitado hai tempo polo goberno municipal, e no que participarían o Ministerio de Fomento, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria da Coruña e o propio ente local. Do mesmo xeito, insistiu na necesidade de financiar a conexión ferroviaria do Porto Exterior, para garantir a súa viabilidade.

“Non pode ser que sexa a cidadanía da Coruña a que pague os excesos doutros tempos, de gobernos do PP e PSOE”, denunciou Gómez-Reino. “Nos próximos meses débese chegar a un acordo sen partidismos. Todo o que ten que ver co porto e a reformulación do modelo urbano é un desfío fundamental como cidade”, sentenciou.

Have your say