Concello

PP e PSOE únense para rexeitar as propostas da Marea Atlántica

Non ofreceron ningunha alternativa, pero votaron contra as tres proposicións do goberno para o horario dos plenos, o reparto de retribucións e a organización das comisións do Concello

Pleno de Organización do Concello da Coruña

 

Este sábado, no Pleno de Organización do Concello da Coruña, PP e PSOE votaron conxuntamente para bloquear todos os puntos da orde do día propostos polo grupo municipal da Marea Atlántica, que si contaron co respaldo do BNG. Nin o cambio de horario dos plenos, nin a organización das comisións informativas, nin o reparto das retribucións contaron coa súa aprobación. Porén, non presentaron ningunha alternativa nin foron quen de explicar o por que do seu rexeitamento.

En primeiro lugar, bloquearon o cambio de horario das sesións plenarias, que pasarían a ser os luns ás cinco da tarde, para facilitar a asistencia da cidadanía. A voceira do PSOE, Mar Barcón, dixo estar a favor desta modificación que permitiría abrir os plenos á xente, pero logo o seu grupo procedeu a votar en contra, xunto ao PP.

O mesmo fixeron ambas as formacións no relativo ás comisións informativas, a xunta de voceiros e as comisións especiais, nas que todos os grupos teñen unha presenza proporcional á súa representación no pleno e cuxas presidencias se repartirían do mesmo xeito: cinco para a Marea, cinco para o PP, tres para o BNG e unha para o BNG. Nunca antes en Maria Pita tivo a oposición tanta presenza, pois a Marea estende este criterio a todos os órganos colexiados, incluídos os consellos de administración das empresas públicas, á mesa de contratación e mesmo á xunta de goberno local.

O terceiro punto da orde do día, sobre as retribucións, asistencias e indemnizacións dos membros da corporación, correu igual sorte. Foi rexeitado cos dez votos en contra do PP e os seis do PSOE, pese ao apoio da Marea e o BNG. A proposta consistía en fixar o salario do alcalde en 40.000€ brutos anuais e 35.000€ para oito dos concelleiros e concelleiras do goberno, reservando catro dedicacións exclusivas para o PP, tres para o PSOE e unha para o BNG, todas elas de 35.000€. Os grupos poden dobrar o número de dedicación converténdoas en parciais de 17.500€.

Só os representantes do PSOE na negociación concretaron nos días previos ao pleno a súa discrepancia, que finalmente se converteu en bloqueo: queren que todos os seus concelleiros teñan un soldo do Concello —27.000€ para cinco deles e 17.000€ para o sexto— pero dedicación parcial, de maneira que poderían compatibilizar ese salario co do seu posto de traballo habitual.

A falta de acordo esixe prolongar unhas negociacións nas que o principal obstáculo parece ser o reparto das retribucións que xa dificultan o aforro sobre o custo do goberno deseñado pola Marea Atlántica. Legalmente, en caso de que non exista entendemento a día 20 de xullo, quedará en vigor a norma deseñada pola anterior corporación municipal.

 

Have your say