Novas da Marea

18402160_1550376448307477_8233284369666174053_o

O PP contra o ben común na fachada atlántica da Coruña

As administracións do Partido Popular mudaron as palabras, pero non as intencións. O seu protocolo pretende blindar a especulación urbanística nos peiraos da Coruña.

Cunha man sacan unha foto e sinalan aos terreos portuarios do centro; coa outra, asinan un acordo que deixa a porta aberta á venda de 370.000 m2 en San Diego.

O Partido Popular quere roubarlle á Coruña os terreos da súa fachada marítima, coa mesma técnica que adoitan usar os trileiros. O PP, o partido máis corrupto de Europa, coa man esquerda faise unha foto para distraer, chea de promesas de titularidade pública, e coa dereita asina un protocolo no que blinda esa especulación urbanística que tantos sobres en B lles deu no pasado. Como a mobilización cidadá lles impediu ir de fronte coa operación inmobiliaria, tentan recuperala agora baixo a mesa dun pacto de gravatas.

Este venres o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, fixo público o pacto que a Xunta, o Ministerio de Fomento, Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria non lle quixeron amosar nin á prensa nin á cidadanía. E cumpre as peores previsións. Baixo unha capa de pintura que quere imitar a defensa do público, blíndase a operación mercantil nos peiraos interiores deseñada nos tempos de Paco Vázquez, Álvarez Cascos e o daquela delfín de Fraga, Alberto Núñez Feijóo, ameazando ao Concello con sancións se non colabora.

Limítase a facer que a Xunta poña parte dos cartos que antes se ían conseguir cunha poxa entre construtoras. Pon 20 millóns sobre a mesa, fóra das súas competencias, a cambio de reservarse un 51% dos terreos de Calvo Sotelo e Batería para vetar calquera decisión sobre o seu futuro e revela pouco, moi pouco, a respecto dos peiraos de San Diego, a peza maior da operación especulativa, case 370.000 metros cadrados edificables. Como os trileiros, sinalan ao centro coa man esquerda mentres coa dereita venden os barrios.

Nada foi casual nesta estafa de fume e espellos, tampouco a data. Escolleuse para contraprogramar o Foro Cidadán Tecendo Litoral, que comeza dentro de seis días, unha iniciativa honesta para deseñar participadamente un plan de futuro para a fachada marítima da Coruña. Un espazo de escoita e debate cívico, aberto á cidadanía, no que participan voces plurais, desde o ámbito académico ao económico. A Xunta e o Goberno do Estado recibiron un convite para estar na apertura o pasado 2 de marzo. Nunca responderon. Preferiron sacar unha foto e armar un número de carteiristas.

Catorce anos e dúas fotos de señores con traxe

A estampa que ofreceron Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta; Íñigo de la Serna, ministro de Fomento; José Llorca, presidente de Puertos del Estado; e Enrique Losada, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, foi todo un retrato do peor da política. Un exemplo de partidismo e unha traizón á cidade, e non só por deixar fóra ao Concello, aos axentes sociais e a toda a cidadanía.

Catro señores con traxe a medida e moitos quilómetros de moqueta no historial reúnense nunha sala pechada, lonxe das rúas da cidade que non se molestan en coñecer, e asinan papeis nos que hipotecan o futuro da Coruña. Comparecen nunha rolda de prensa sen preguntas, explican o que queren e marchan sen escoitar nin responder. Nin sequera asinan os papeis. Falan de conservar o público, pero o certo é que non mudan unha coma dos acordos que en 2004 foron aprobados sen ningúnha transparencia nin participación pública, coa fin de vender a cidade.

tira_porto

Porque en 2004 houbo outra foto, doutros catro señores con traxe caro e zapatos gastados pola moqueta. Eran Francisco Vázquez, alcalde da Coruña; Francisco Álvarez Cascos, ministro de Fomento; Manuel Pose, alcalde de Arteixo; e de novo Alberto Núñez Feijóo, daquela conselleiro de Política Territorial. O chapapote do Prestige aínda estaba nas praias e o famoso Plan Galicia prometera un Porto Exterior na Coruña. E estes catro señores acordaron pagalo coa venda dos 430.000 metros cadrados que ían quedar libres en primeira liña de costa.

Este plan de 2004, incorporado ao PXOM en 2013, declárase vixente no protocolo asinado. Pasa por construír 4.000 novas vivendas en San Diego, en edificios de ata dez alturas, e por encher Calvo Sotelo e Batería con hoteis e centros comerciais de ata 9 pisos. Isto é o que o PP quere para A Coruña e o que a cidadanía rexeitou na rúa o ano pasado, con mobilizacións que remataron na manifestación do 7 de maio. O que foi rexeitado pola Marea Atlántica, PSOE e BNG en numerosas mocións do pleno municipal.

As administracións do Partido Popular amosaron a súa verdadeira cara en decembro de 2016, cando todos os seus representantes votaron a favor de vender os terreos da Solana no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Agora disimulan obrigados polo rexeitamento cidadán, pero non mudaron de opinión, como non devolveron as escandalosas dietas que cobraron por tomar aquela decisión contraria ao ben común. Naquelas dúas horas de festival inmobiliario, xente como Beatriz Mato, presunta conselleira de Medio Ambiente e presunta candidata do PP á alcaldía da Coruña, cobrou 747,88 euros, máis que o salario mínimo. Volvemos esixirlle que devolva eses cartos.

Desinterese no interese xeral

“Os portos non teñen interese en facer cidade, só en pagar as súa débedas”, dixo José Llorca, presidente de Puertos del Estado, cando a deputada de En Marea Alexandra Fernández lle preguntou no Congreso pola súa desleadade coa Coruña, esta mesma semana.

“É hora de devolverlle ás cidades o moito que os portos demandaron delas”, dicía unha ministra de Fomento (Ana Pastor), noutra cidade (Valencia) e noutro ano (2007). Daquela, un goberno do PP no Estado cedeulle de balde 400.000 metros cadrados de terreos portuarios que quedaran sen uso a un goberno municipal do PP. O agravio comparativo coa Coruña é tan enorme que resulta incomprensible.

Está claro que non pensan devolverlle nada á Coruña, pero A Coruña non é unha cidade mansa. Desde a Marea Atlántica, sumarémonos a todas as iniciativas e mobilizacións para protexer a fachada marítima da especulación inmobiliaria. E traballaremos sempre para que o futuro do litoral coruñes o decidan as xentes da Coruña, non catro señores con traxes caros e carnés do mesmo partido.

Have your say