Saltar ao contido

A Coordinadora da Marea Atlántica agarda que tanto o executivo estatal como o PSOE “sexan quen de rectificar, actuar pensando nos intereses da cidadanía da Coruña e favorecer a condonación da débeda da Autoridade Portuaria”

O novo regulamento da UE de axudas a obras e réxime económico dos portos marítimos permite mecanismos para unha quita desta débeda

A Coordinadora da Marea Atlántica lamenta profundamente a actitude que está a amosar o PSOE coruñés nas últimas horas con respecto aos lexítimos intereses da veciñanza da cidade e ao futuro da súa fachada atlántica. Resulta “difícil de comprender” que desde A Coruña “se xustifique e se avale” que o goberno do Estado condone a débeda de 350 millóns de euros do Consorcio Valencia 2007 e non a da Autoridade Portuaria —moito menor, de 200 millóns, e ligada á construción do Porto Exterior de Punta Langosteira—, despois de apoiar co seu voto todo o contrario no Pleno da Corporación hai algúns meses.

As manifestacións realizadas estes días dende as filas do executivo estatal e esta mesma mañá dende a agrupación socialista resultan “decepcionantes” para gran parte da veciñanza, e dende logo para a Marea Atlántica, e son “un primeiro revés ás expectativas depositadas nun cambio de goberno que debía ser un sopro de aire fresco tras anos de desigualdades e recortes nas que a xente do común tivo que soportar no lombo o peso da crise”. Tal e como indicou a Coordinadora nunha misiva enviada á propia agrupación socialista da Coruña inmediatamente despois da moción de censura, “Pedro Sánchez recibiu no Congreso o apoio incondicional de moitas forzas políticas diferentes para converterse no presidente do Goberno e iniciar unha nova etapa nas institucións do Estado”. Apelando a ese espírito, a Marea Atlántica espera que sexa capaz de rectificar e recoñecer que existen mecanismos legais que permiten a condonación da débeda da Autoridade Portuaria e, por tanto, que afastarían a sombra de especulación sobre os terreos portuarios, patrimonio de todos e todas as coruñesas.

Dobre vara de medir en Valencia e na Coruña

A este respecto, a voceira da Marea Atlántica, Sabela Pérez, manifesta a necesidade de que “o Partido Socialista, e especialmente o da Coruña, explique cales son as razóns e o amparo legal que xustifica que o Executivo do Estado sexa quen de condonar un préstamo a un Consorcio, pero non pode facer o propio cunha Autoridade Portuaria, sendo ambas entidades públicas estatais e sometidas ao mesmo réxime orzamentario”. “Entendemos que non hai ningún motivo que xustifique que unha débeda sexa condonada e sobre a outra nin se poida falar, que é o que pasaba cando gobernaba o PP, nin se poida condonar, que é o que lamentablemente parece agora co PSOE”, insistiu.

Segundo recorda o tamén voceiro da Marea Atlántica, Xan Xove, “aquí do que estamos a falar é de vontade política, de estar ou non estar á altura do que a cidade espera e necesita do Goberno do Estado, xa que o feito de que o préstamo que o ICO lle entregou ao Consorcio Valencia 2007 fose para financiar obras para a Copa América de Vela e non a construción dun porto exterior coma o de Punta Langosteira é irrelevante nesta ecuación”.

A Marea Atlántica sostén que a vontade política debería aparecer, aínda se cabe, con moita máis forza no caso coruñés, tendo en conta que as débedas da Autoridade Portuaria derivan da construción dun Porto Exterior, unha obra pública declarada de interese xeral polo Estado. O goberno estatal atopou as vías para perdoar a débeda en Valencia, e pode atopalas tamén na Coruña: o novo regulamento da UE relativo a axudas aos portos marítimos e de réxime económico dos portos, tras a aprobación dos Regulamentos 2017/1084 e 2017/352, respectivamente.

Moción no vindeiro Pleno do Concello

Todo isto recóllese na moción que a Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o 10 de setembro. Nela xa se indica que o camiño a seguir é que o Estado asuma a iniciativa, con medidas normativas e orzamentarias, similares ás que se aplicarán en Valencia. Deben supoñer, en todo caso, a condonación da débeda da Autoridade Portuaria. Unha débeda herdada da mala xestión do PP, é innegable, pero que non pode hipotecar o futuro do borde litoral da nosa cidade. A Coruña non o merece.

Lamentamos que o goberno do Estado non estea á altura das expectativas sobre o futuro do borde litoral da Coruña