Novas da Marea

Langosteira

Porto Exterior: menos propaganda electoralista e máis compromiso das administracións

O desembarco de Pemex en Punta Langosteira rematou en naufraxio. É necesario repensar o modelo do porto e non basealo en promesas falsas

A marcha de Pemex non pode ser unha escusa para volver cometer os mesmos erros e malvender os terreos portuarios no centro da cidade

 

Se hai algo que debe ter claro unha institución, sexa cal for, é que as palabras non as pode levar o vento. Os anuncios non poden ser feitos de fume, porque este acaba sempre por esvaecer. Pemex non se instalará no Porto Exterior da Coruña a pesar das promesas que no seu momento fixeron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o ex alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o propio presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada.

É unha mala nova que, tristemente, podía anticiparse. Deixa ás claras que é necesario repensar o modelo económico do Porto coruñés, o seu financiamento e a necesidade dun compromiso real por parte das administracións. Punta Langosteira non se pode construír sobre promesas falsas, do mesmo xeito que non se pode levantar soterrando o patrimonio da cidadanía.

Os xornais de agosto de 2012, ao fío das eleccións á Xunta de Galicia, anunciaban un desembarco triunfal da petroleira mexicana en Punta Langosteira, que ía deixar 57 millóns nunha planta de hidrocarburos. Os xornais de hoxe confirman que o desembarco rematou en naufraxio.

 

Beijing 3E: Isto xa ocorreu antes

Non é a primeira vez que ocorre. En maio de 2012 a propaganda do PP organizou un acto oficial, con Feijóo, Carlos Negreira e o mesmo Rajoy, para anunciar que a empresa china Beijing 3E investiría 270 millóns no Porto Exterior. Un ano despois demostrouse que tras a cortina de fume só había dársenas baleiras.

Urxe cambiar de modelo. Os anuncios e os grandes titulares non serven para facer viables as instalacións de Punta Langosteira. As promesas electoralistas non farán que A Coruña, nin Galicia, aumente a súa riqueza e o seu emprego. Cando se fala do futuro de moitas persoas, veciños e veciñas, non valen as trolas.

Un porto non pode sosterse sobre a propaganda electoral. Precisamos compromiso de todas as Administracións, especialmente da Xunta e do Estado, para apoiar e desenvolver un proxecto que xa custou case 1.000 millóns de euros. Compromiso que deberá plasmarse, cando antes, no impulso real e definitivo da conexión ferroviaria, sen a que o Porto Exterior nunca poderá ser competitivo.

 

Nin conexión ferroviaria nin calado para grandes petroleiros

Como é posible encher a boca falando de novas empresas que desembarcarán nunha infrestrutura millonaria, se non se dota dunha conexión ferroviaria que é cualificada de imprescindible por parte do propio ente Portos do Estado? Como é posible que a Xunta de Galicia non faga valer a súa posición e reclame en Madrid, ao seu partido, que os orzamentos estatais teñan en conta, dunha vez por todas a necesaria conexión? En Marea introduciu unha emenda neste sentido nos Orzamentos do Estado para 2017, pero foi rexeitada polo PP.

Como é posible dicirlle á poboación que o Porto poderá atraer empresas cando vén de anunciar un proxecto para mellorar o calado de Langosteira, que agora é insuficiente para poder acoller grandes petroleiros? O propio informe de Portos do Estado sobre a obra de ampliación indica que “o calado actual é insuficiente para os requerimentos dos operadores de graneis líquidos interesados na dársena exterior”.

Este proxecto, que inclúe a construcción dun novo peirao, ten un orzamento de 24,4 millóns de euros que serán financiados só pola Autoridade Portuaria, a pesar da súa situación económica e sen ningún tipo de axuda europea. Por certo, unha cantidade equivalente a que pretendía obter pola venda especulativa dos terreos portuarios históricos, propiedade e patrimonio de todas e todos.

Especular non é unha opción

Este fracaso con Pemex, apadriñado polo Partido Popular, non pode ser unha escusa para volver cometer os mesmos erros e refuxiarse na especulación. O Porto non pode caer na tentación de financiarse malvendendo os terreos portuarios no centro da cidade para facer pisos e centros comerciais.

Ese camiño foi rexeitado por máis de 4.000 persoas na manifestación do 7 de maio. E foi un camiño que só levou a que a Autoridade Portuaria acumule unha débeda de máis de 300 millóns de euros, que é incapaz de pagar. E A riqueza non se atopa no ladrillo, senón no mar, na pesca, na economía azul e nos sectores produtivos.

Have your say