Saltar ao contido

A Rede da plataforma municipalista acordou onte lanzarlle unha proposta á iniciativa das Mareas En Común para avanzar na confluencia a través dun momento constituínte

Serviría para abrir este proceso a outros axentes sociais e políticos, e decidir cuestións coma o código ético, a fórmula de primarias e o modelo organizativo

A Rede da Marea Atlántica, celebrada onte no local da Praza dos Ovos (Praza do Humor) aprobou presentarlle unha proposta de Marea Viva ao proceso das Mareas En Común para impulsar a confluencia cara as inminentes eleccións autonómicas.

A iniciativa das Mareas en Común, participada por varias ducias de mareas municipalistas galegas e que arrincou coa xuntanza que se celebrou na Estrada en xaneiro, precisaría dun momento constituínte para dar un salto cara adiante, recuperar a ilusión e facilitar a confluencia entre as forzas do cambio.

Con estes obxectivos en mente, a Marea Atlántica propón desenvolver un procedemento no que se definirían aspectos fundamentais coma o código ético, a metodoloxía das primarias para configurar unha candidatura, a fórmula para presentarse ás eleccións e o modelo organizativo da confluencia. Un proceso aberto, participativo e participado, que facilite a reflexión e a toma de decisións informadas, froito do debate e do traballo colaborativo. Chamamos a este proceso Marea Viva.

Un espazo para todas as voces

A Marea Viva debería funcionar coma un espazo de formación, debate e toma de decisións, por unha banda, e de impulso, consolidación e escenificación da confluencia de actores políticos e sociais das Mareas en Común. Todo iso redundaría, ademais, na sensibilización da potencia e músculo do proceso.

Desde a Marea Atlántica cremos que nun espazo como as mareas, plural, onde participan persoas organizadas e non organizadas en partidos políticos, persoas con máis e menos experiencia política, se pode aproveitar este procedemento para facilitar a reflexión.

Funcionaría cun sistema de propostas aberto para cada un dos asuntos a tratar, no que todas as participantes poidan conformar grupos de traballo para propoñer, debatir, acordar e, finalmente, confluír nunha proposta única onde nos identifiquemos todas, baixo as premisas de pluralidade e xenerosidade. En todo caso, esta idea da Marea Viva achegarase ao espazo das Mareas en Común para o seu debate e confrontación, como tamén aos diferentes axentes políticos e sociais chamados a participar.

É o momento de avanzar, de sumar todas as voces que queren recuperar ás institucións galegas para a cidadanía. É tempo de unirnos para rematar coa ditadura da austeridade e as políticas insolidarias do PP, que significan desemprego, precariedade laboral, pobreza, exclusión social, que poñen aos poucos por enriba dos moitos. E tempo de axitar a sociedade cunha Marea Viva.

Por unha Marea Viva para impulsar a confluencia nas autonómicas