Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “O goberno municipal non quere que calquera cidadán reciba toda a información sobre os contratos do Concello”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña acudiu ao último Pleno municipal do actual mandato, onde o PP negouse a sequera debater a moción impulsada pola plataforma cidadá e presentada por EU que pedía máis transparencia e coñecer a declaración de IRPF dos concelleiros de concelleiras do PP. “A cidadanía é tratada como sospeitosa na que debería ser a súa casa”, dixo Ferreiro.

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, acudiu como público ao último Pleno municipal deste mandato, no que o PP negouse a sequera debater sobre a moción presentada pola Marea Atlántica por medio do grupo municipal de Esquerda Unida-Os Verdes -que apoia e participa da plataforma cidadá nas eleccións do 24 de maio- na que se solicitaba do goberno local a publicación de todos os contratos do Concello, incluídos os menores, e tamén que se fixeran públicos na web datos da declaración de IRPF de 2011 e 2014 dos membros do goberno municipal. “O Goberno municipal non quere que calquera cidadán reciba toda a información sobre os contratos que se adxudican cos seus cartos. Hai fórmulas para facilitar o acceso a eses datos, non só aos concelleiros e concelleiras, senón a calquera que o pida. Iso é transparencia, non o ocultamento que é norma no goberno do señor Negreira, onde máis do 35% dos contratos concédense a dedo”, indicou Ferreiro ante os medios de comunicación na praza de María Pita.

Así mesmo, o candidato da Marea criticou “a sensación de incomodidade que se sente ao acceder como público ao Pleno do Concello, onde ao cidadán se lle trata como sospeitoso cando só está entrando ao que debería ser a casa de todos e todas, e polo tanto a súa propia casa”. “Loxicamente, é unha cuestión de normativa, non dos funcionarios municipais que cumpren co que lles encomendan”, indicou.

Por último, Ferreiro ironizou coas acusacións de extremismo que lanzou contra a Marea o tenente de alcalde, e imputado pola trama Pokémon, Julio Flores, que non repetirá na lista electoral do PP. “Só somos radicais á hora de defender a democracia. Quen nos acusa de radicais por poñer os intereses das maiorías sociais por riba dos dunha minoría adiñeirada debería revisar seriamente os seus valores”, afirmou.

Por que non quere o Concello amosar os seus contratos?