Concello

unidade-popular

Pola Coruña sumamos

Polo seu interese reproducimos a continuación a proposta política que o alcalde enviou aos voceiros de PSOE e BNG solicitando o seu apoio para aprobar os Orzamentos Municipais de 2016.


 

O pasado 13 de xuño abrimos unha nova etapa no Concello da Coruña. Unha nova etapa á que lle marca o paso unha maioría social emerxente, maltratada nos últimos anos pola xestión austericida da crise e unida agora por un desexo de cambio e democratización. A vontade popular expresada nas urnas en maio do ano pasado traduciuse felizmente, no pazo de María Pita como noutras administracións, na investidura dun goberno cun amplísimo respaldo no pleno: o apoio de 17 das 27 persoas elixidas pola cidadanía, a suma do PSOE, o BNG e a Marea Atlántica.

Ao longo destes case nove meses, máis alá de desencontros puntuais e do lexítimo e sempre proveitoso debate entre visións plurais, pero nunca incompatibles, esta nova maioría plenaria volveuse manifestar cando as necesidades dos máis e a defensa dos intereses da Coruña nolo demandaron. Así foi:

  • Na reforma das ordenanzas fiscais, onde procuramos un sistema máis xusto e redistributivo
  • Na defensa do carácter urbano da Avenida da Vedra, que queremos converter nunha ferramenta para coser e facer cidade
  • No demorado cumprimento da Lei de Memoria Histórica, que devolve a dignidade ás nosas rúas
  • Ou no combate contra a ameaza especulativa sobre a nosa fachada marítima, un ben común que non debe servir ao interese particular de ninguén

Cando se trata da Coruña, sumamos. Se traballamos arredor de obxectivos concretos, sen interferencias e dende o respecto á diferenza, somos maioría. Esa lección coherente co mandato da cidadanía nas pasadas eleccións municipais prometer ser útil no futuro mesmo máis alá da nosa cidade, para Galicia e para o conxunto do Estado. Pero debe selo tamén aquí e agora. Na Coruña. E confiamos en que se traduza axiña na aprobación dos novos orzamentos que a cidadanía demanda e na constitución dunha mesa de diálogo que prolongue ese amplo respaldo, permitíndolle ás forzas que cooperen neste paso o seguemento da aplicación das políticas públicas que estamos a poñer sobre a mesa.

 

A Coruña suma

Os orzamentos non son unha arma arreboladiza nin un trofeo de caza. Son o principal instrumento para a transformación dunha cidade. A máxima expresión dun proxecto de cambio nun lugar concreto e durante un periodo determinado. Dito doutro xeito, os orzamentos do Concello da Coruña para 2016 deben ser o reflexo do acontecido o pasado 13 de xuño, un acordo sobre medidas e recursos concretos para o cumprimento dun programa de goberno de progreso. A iso dedicamos os últimos 90 días: á procura dun orzamento que sume. Porque en efecto, se trata da Coruña.

O proxecto presupostario que o goberno municipal está en disposición de aprobar nos vindeiros días para o seu inmediato debate no Pleno da Corporación é un documento integrador e con vocación de consenso. A partir das conversas cos grupos municipais do PSOE e o BNG, da análise das súas propostas e dos programas electorais cos que concorremos ás eleccións municipais do pasado mes de maio, incrementamos o esforzo no investimento e incorporamos unha man de medidas que non figuraban no primeiro borrador:

  • As obras de mellora nos Campos da Torre: 180.000 €
  • A recuperación e actualización do Plan de Mobilidade e Espazo Público
  • Maior compromiso de gasto en reparacións e melloras en colexios públicos, incrementado en 190.000 €
  • Mercados municipais, que aumenta 130.000 €

En definitiva, elaboramos unha proposta nova e máis acabada, máis útil para a cidade e a maioría social.

As prioridades seguen a ser as que nos deron a confianza da cidadanía e nos empurraron a poñernos de acordo ao comezo do mandato. Porque queremos unha cidade para as persoas, unha cidade sostible e viva e unha cidade aberta e participativa, contemos o gasto vinculado ao funcionamento ordinario da Administración para centrar os maiores esforzos en materia de políticas sociais (vivenda, emprego e promoción económica, educación, servizos sociais, igualdade e diversidade), mobilidade, medio ambiente, cultura, deporte, atención á cidadanía, transparencia, participación e innovación democrática.

Rexeneración urbana e dereito á vivenda

Na programación anual de intervencións no espazo público, o goberno municipal prioriza aquelas nas que hai pleno consenso cos grupos municipais do PSOE e o BNG. Prevense, por tanto, investimentos en:

  • Renovación e mellora do parque infantil da Praza da Tolerancia: 200.000 €
  • Mellora da iluminación e as beirarrúas no Castro de Elviña: 300.000 €
  • Creación dun espazo cuberto na Praza Elíptica: 80.000 €
  • Construción dunha praza pública e na mellora dos camiños de Bens: 100.000 €
  • Rehabilitación do Barrio das Flores: 120.000 €

Todas estas contías serán executadas en 2016 e complementadas con novos investimentos en 2017.

Os obxectivos compartidos esténdense ao ambicioso Plan de Acceso a un Hábitat Digno nos asentamentos precarios, o impulso dunha bolsa de vivenda municipal en aluguer, a activación dun servizo municipal de mediación e asesoramento en materia de vivenda a través da empresa pública EMVSA e á aposta pola rehabilitación. Tamén á ampliación da rede de hortas urbanas, ás primeiras obras de accesos á estación intermodal e ás melloras na accesibilidade, o saneamento, as sendas peonís, a iluminación e os equipamentos e espazos públicos no Camiño do Cura, Feáns, Mesoiro, Agra do Orzán, San Pedro de Visma, Cidade Vella, Pescadería, Sagrada Familia, Durmideiras, Monelos, Oza, A Gaiteira, Os Castros, O Ventorrillo, A Silva, Catro Camiños, A Zapateira, O Peruleiro, Os Mariñeiros, Nostián, Matogrande, Santa Margarida, Vioño e o Ensanche.

Nos mercados municipais o investimento amplíase, con respecto ao primeiro borrador dos orzamentos, en 130.000 euros, o que permite abordar melloras nos de Santa Lucía, San Agustín, Durmideiras, Ramón Cabanillas e Monte Alto. Seguindo cos equipamentos, hai coincidencia tamén na posta a disposición de locais sociais para a veciñanza en Novo Mesoiro, Durmideiras e A Zapateira e na reforma dos de Elviña e O Birloque. Con respecto á residencia universitaria no edificio Calvo Sotelo, a recuperación do antigo cárcere provincial e a construción dun colexio en Novo Mesoiro, proxectos de amplo consenso, as xestións do goberno municipal xa están iniciadas.

Políticas sociais

A inminente posta en marcha da Renda Social Municipal, cunha dotación inicial de 2,1 millóns de euros (proporcional ao que resta de exercicio), é o principal punto de encontro en materia de políticas sociais, pero tamén hai sintonía programática, a priori, noutras medidas incluídas no orzamento que poñemos á disposición do PSOE e o BNG. É o caso de:

  • Activación dun programa de acollida de baixa esixencia para persoas sen teito: 125.000 €
  • A reformulación do talón restaurante: 600.000 €
  • A ampliación do programa de comedores de verán, que este ano contará con servizo a domicilio, irá acompañado cun plan para a promoción de hábitos alimenticios saudables: 60.000 €.

O goberno municipal traballa tamén, con medios propios, no desenvolvemento dun plan de inclusión social e inclúe o xiro social da tarxeta Millenium entre os obxectivos vencellados á estratexia integral de cidade (EIDUS) e á captación de fondos europeos.

Emprego e economía social

A reactivación económica e a creación de emprego de calidade son preocupacións comúns ás forzas de cambio na Coruña. É doado, por tanto, a partir do expresado nos diferentes programas, chegar a unha folla de ruta de consenso. A que propón o goberno municipal, a partir da análise das diferentes propostas e incorporando algunhas delas, inclúe:

  • Un plan de impulso á actividade portuaria: 700.000 €
  • Un programa de revitalización e rehabilitación do comercio local: 630.000 €
  • Un banco de baixos comerciais: 200.000 €
  • A posta en marcha dunha oficina de asesoramento ao sector: 41.000 €
  • Medidas de apoio á industrialización da comarca: 100.000 €
  • Un plan de apoio á creación de empresas con especial atención ao emprendemento: 70.000 €
  • Unha importante oferta de formación: 650.000 €

Boa parte das medidas da área xiran arredor do Plan Municipal de Emprego, que suma globalmente un investimento de 2,5 millóns de euros.

Culturas e deporte

As políticas para o deporte, un dos eixes do borrador de orzamentos que o goberno presentou a comezos do pasado mes de decembro, dan un salto cualitativo no documento que se presentará para o seu debate no Pleno da Corporación. Mantendo as prioridades expresadas daquela pero con ánimo integrador, súmase agora un importante investimento de 180.000 euros para a mellora das instalacións deportivas da Torre de Hércules. Destacan tamén a reforma das pistas de atletismo de Elviña, en colaboración coa Universidade da Coruña, e a posta en marcha dun plan de actividades físicas en espazos non convencionais, o que vai supoñer a reinterpretación do paseo marítimo como un equipamento público vinculado á práctica deportiva e á saúde.

En canto ás políticas culturais, refórzanse agora as adquisicións para a rede de bibliotecas públicas (20.000 euros máis) e recupérase a aposta pola Feira do Libro (20.000 euros), conservando en todo caso as liñas mestras contidas no borrador:

  • Decidida aposta polo fomento do talento e da innovación:museos científicos, cidade da música, plan do audiovisual e apoio ao emprendemento tecnolóxico
  • Creación dunha mesa de planificación cultural
  • Constitución dunha ferramenta de promoción do sector local da ilustración gráfica
  • Programa de residencias artísticas en instalacións municipais
  • Reactivación de equipamentos públicos como a sala O Túnel
  • Impulso ao Festival Noroeste

Todo isto, xunto ás accións derivadas da celebración do Ano das Irmandades da Fala, a descentralización da actividade cultural cara aos barrios, que combinará a posta en valor do patrimonio comunitario coa contribución á autoorganización veciñal, e á avaliación e dinamización das bibliotecas municipais, xa en curso.

Medio ambiente e mobilidade sostible

A dotación orzamentaria para a recuperación e a actualización do Plan de Mobilidade e Espazo Público, en colaboración coa Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona (60.000 euros), é unha das principais novidades na materia e suporá un importante avance no desenvolvemento dun modelo de cidade sostible, investimento dentro do que se inclúe o estudo de reforma das liñas de transporte público urbano. A maiores, impulsarase a implementación dunha vía ciclable que comunique Novo Mesoiro co carril bici da Universidade (60.000 euros) e a conexión deste co centro da cidade (80.000 euros).

En paralelo, a área de Medio Ambiente propón unha serie de medidas compartidas polas forzas do cambio:

  • A ampliación da rede de hortas urbanas ao control das especies invasoras nas zonas verdes, neste caso acompañado da formación do persoal municipal e á elaboración dun Mapa da Biodiversidade da cidade da Coruña: 10.000 €
  • O desenvolvemento de Elviña como barrio ecolóxico, con medidas de optimización da compostaxe e a recollida selectiva no Castro e na Universidade: 20.000 €
  • A erradicación das verteduras de augas residuais ao río Monelos: 60.000 €
  • A redacción do proxecto e a primeira fase da execución da recuperación do río de Mesoiro: 150.000 €
  • Completar o saneamento na Zapateira e adoptar medidas de control para reducir a contaminación e as molestias por ruídos e olores, coa tramitación do plans do ruído: Custo cero
  • A calidade do aire: 20.000 €

Sen custo, pero incluídas na programación anual e en sintonía co que propoñen outras forzas, prevense a regulación dunha área canina no Paseo das Pontes, o impulso dun plan director para o Parque de Bens, a rexeneración da praia de Bens e a súa contorna, un maior control nas descargas de carbón a través do Foro Ambiental da Autoridade Portuaria e a recuperación do miradoiro da Finca dos Mariño.

Igualdade e Diversidade

Non hai cambio posible sen políticas transversais de igualdade e diversidade, e por iso os programas das forzas do cambio converxen de maneira natural nesta materia. Só é preciso estar de acordo na programación anual e na distribución dun orzamento que medra exponencialmente con respecto a exercicios anteriores. Cruzando as diferentes demandas, destínanse 295.000 euros ao reforzo do servizo municipal de canguraxe, como apoio á conciliación, e varias partidas para facer da Coruña un lugar de acollida: 53.000 euros para o reforzo da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI), a Escola Intercultural e unha campaña de sensibilización, 80.000 euros para un novo plan de emerxencia e acollida, 9.000 euros para a reedición da guía de acollida para emigrantes e refuxiados e 86.000 euros para un plan de nova creación consagrado á xestión da diversidade.

Así mesmo, no orzamento desta área transversal contémplanse:

  • Desenvolver unha estratexia integral contra as violencias machistas: 230.000 €
  • Elaborar un plan municipal de prevención e repulsa da violencia de xénero: case 50.000 €
  • Posta en marcha do Observatorio Municipal para a Igualdade e a Diversidade: 128.000 €
  • O espazo LGTBQI, así como o servizo asociado: 50.000 €

Transparencia, participación e innovación democrática

As políticas de bo goberno, que aglutinan un amplo espectro de medidas vinculadas á transparencia, o acceso á información pública, a participación e a innovación democrática, están a ser unha das prioridades do goberno municipal dende a súa investidura en xuño do ano pasado. A miúdo, estas medidas teñen máis que ver con mudanzas metodolóxicas que con grandes investimentos, pero non sempre é así. Se queremos facer do Concello da Coruña unha institución de cristal, participada e innovadora, é preciso apostar. Por iso, e apelando ao consenso que sobre esta materia existe entre as forzas comprometidas co cambio, esta área é unha das que máis importancia gaña nos orzamentos de 2016 con respecto a anos anteriores. Entre as medidas, destacan:

  • Deseño da metodoloxía de presupostos participativos, a súa posta en marcha e a súa difusión pública: 90.000 €
  • Subvencións a entidades co fin de fortalecer o asociacionismo veciñal: 40.0000 € (increméntase en 10.000 €)

 

Have your say