Saltar ao contido

Tamén se aprobou unha moción da Marea Atlántica para crear un Consello da Memoria Democrática, que recupere a dignidade das vítimas do franquismo

A Corporación apoiou, ademais, a manifestación que as Marchas da Dignidade convocan na Coruña para o 25 de febreiro, en defensa das pensións públicas

 

O Pleno ordinario do mes de febreiro no Concello da Coruña serviu para aprobar as modificacións na ordenanza da ORA que permiten, entre outras cousas, anular as multas nos parquímetros a cambio dun recargo. Esta medida podería ter entrado en vigor hai un mes, pero no último momento o PSOE decidiu votar en contra, a pesar de que o texto incluía modificacións súas.

Deuse o absurdo de que o Partido Socialista apoiou a modificación das ordenanzas fiscais para esta mellora no servizo de ORA, pero non o cambio normativo necesario para aplicala. “Tras ese estraño xogo no sentido do voto, a realidade é que as dúas ordenanzas quedaron descoordinadas, cando están obrigadas a bailar ao mesmo ritmo”, afirmou o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío.

Díaz Grandío lamentou que “a pinza entre PP e PSOE que tivo lugar no anterior Pleno obrigara a deixar polo camiño melloras na ordenanza da ORA tales como a eliminación do parking exprés totalmente ineficiente, ou que as persoas con mobilidade reducida poidan ter dúas horas ao día de balde para aparcar na zona azul, ou o plan piloto para que as zonas verdes con menos uso poidan ser empregadas polas persoas que traballan nos arredores”.

Doutra banda, o texto deixa claro que as anulacións das multas no parquímetro non chegan a ser infraccións, e polo tanto será o Concello, e non a empresa concesionaria, quen as cobre, “en virtude do equilibrio económico do contrato”. É unha interpretación apoiada polo informe do interventor, e que evita problemas xurídicos.

 

Impulso ao Consello da Memoria Democrática

No Pleno tamén se aprobou unha moción da Marea Atlántica para impulsar a creación dun Consello da Memoria Democrática, que servirá para dignificar ás vítimas da represión franquista e as súas familias, “en termos de verdade, xustiza e reparación, establecendo un mecanismo oficial que promova a participación”.

O texto, defendido por José Manuel Sande, inclúe tamén a posta en marcha dunha oficina de atención ás vítimas da ditadura e a incorporación do concello á Rede de Municipios polo Acceso á Xustiza das Vítimas do Franquismo, impulsada en outubro coa sinatura do manifesto municipalista Verdade, Xustiza e Reparación. Recibiu o voto afirmativo do PSOE, o BNG e a Marea Atlántica, e a previsible abstención do PP, que preferiu falar de Venezuela antes que do franquismo.

 

Marchas Pleno2

A Coruña, coas Marchas da Dignidade

Outra moción aprobada serviu para apoiar a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade para o próximo 25 de febreiro na Coruña, en defensa das pensións públicas. Tamén fai un chamamento á veciñanza a participar na mesma. De novo, contou co voto favorable de todo o pleno agás o PP, que se abstivo.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, defendeu a proposta e asegurou que “este Goberno local é consciente da situación dramática que están a padecer as persoas maiores que dependen dunha pensión para poder vivir despois de toda unha vida de traballo, e se sitúa en contra das medidas impostas desde organismos como o FMI, o Banco Mundial ou a Troika, ao entender que son medidas pensadas para favorecer os plans de pensións privados”.

Nas seis horas que durou o pleno, o PP apelou varias veces ao Partido Socialista, facéndolle ás beiras a unha presunta moción de censura. Mentres, o goberno da Marea Atlántica segue a traballar polo ben común. Nunca vai ser doutro xeito.

O Pleno desbloquea (por fin) a opción de anular as multas da ORA no parquímetro