Saltar ao contido
Xiao Varela, no Pleno do Concello da Coruña

Non existe ningunha irregularidade no concurso organizado polo goberno local para aumentar o parque de vivenda pública dedicado ao alugueiro social

O PP demostra que nin entende nin lle interesa o dereito á vivenda. Só tenta enlamar un proceso limpo e que beneficia ás persoas máis desfavorecidas

 

O PP xa nin se esforza en facerse pasar por un partido político honesto. Asediado pola corrupción, só lle queda unha saída: facer ver que todo o mundo é igual. Por iso está a botar lama contra un proceso limpo e correcto como o concurso para a compra de vivenda con fins sociais que vén de completar o Concello da Coruña. Pero non somos iguais. Aquí non hai trampa ningunha, só o desexo de aumentar o parque de vivenda municipal e ofrecerlla en alugueiro social a colectivos desfavorecidos. Imos ao detalle.

  • Neste concurso de vivenda, que se abriu en maio de 2017, participaron un total de 45 propostas. Foron valoradas por unha comisión técnica, composta por persoal funcionario de carreira, non por cargos políticos.
  • Esta comisión escolleu seis ofertas entre toda as presentadas, por un prezo máximo de 1.700 euros o metro cadrado, inferior ao valor de mercado. O resto non cumprían as condicións do concurso. Os motivos poden verse en detalle nesta acta do 5 de outubro de 2017, que é pública no Perfil do Contratante. Alí pode atoparse toda a documentación.

Extracto da acta da comisión de valoración

  • Entre esas 6 propiedades hai unha, na rúa Joaquín Martín Martínez, que estaba rexistrado como oficina. Neste caso, a comisión pediu información adicional e viu que reunía as condicións e era legalmente posible cambiarlle o uso a vivenda. Así que aprobou por unanimidade a súa compra, para convertelo nun piso de alugueiro social. Custou 54.575 euros, por debaixo da taxación efectuada por Tinsa, empresa especializada, que estaba nos 65.490€.

 

A dobre (e triple) moral do Partido Popular

  • Tan legal é mudar este piso de oficina a vivenda que o goberno do PP, o 23 de setembro de 2011, aprobou a licenza de cambio de uso do piso do lado, na mesma planta e edificio. Era un local comercial, pero xa figura no catastro como vivenda.
  • Tan normal é esta medida que a Xunta de Galicia, no seu Plan RehaVita para a rehabilitación de vivendas, permite optar aos locais que teñan a intención de mudar de uso. Literalmente: “Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda”.

Como salientou no Pleno o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, “ao PP non lle gusta nin a medida nin a súa finalidade, que non é outra que aumentar o patrimonio municipal para darlle un uso social. O PP só trata de difamar ao goberno desta cidade, atribuíndolle ou insinuando condutas que coñece moi ben porque foron práctica habitual no pasado, pero que remataron coa chegada da Marea Atlántica ao Concello; prácticas, por certo, que cada ano lle custan ás arcas municipais, e á cidade, millóns de euros en procedementos xudiciais derivados dos desastres urbanísticos que agora queren achacarnos”.

Probas hai abondo de como entende o PP a xestión do dereito á vivenda. Que llo digan se non aos centos de persoas que ficaron sen casa en Madrid cando o goberno de Ana Botella vendeu os seus pisos sociais a un fondo voitre. Quen queira irregularidades, pode ir buscalas ao ático de Ignacio González en Marbella.

O plan de compra de vivenda social do Concello da Coruña: Transparencia máxima