Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Xulio Ferreiro: “A Marea prohibirá a cesión de calquera espazo do Concello para eventos que supoñan maltrato animal” 

 O candidato á alcaldía da Coruña da Marea Atlántica asegura que, “de facto, esta medida suporía o fin das touradas na cidade” , unha demanda “maioritaria entre a cidadanía”. “Para a Feria Taurina utilízanse fondos públicos que despois se negan para afrontar auténticas necesidades sociais”, denuncia

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou outra das medidas que a plataforma cidadá tomará nas súas primeiras semanas no goberno: “A Marea negará a cesión de calquera espazo municipal para a celebración de eventos que supoñan maltrato animal”. “A nosa proposta vai máis alá, pero no máis rechamante supón, de facto, o fin das touradas na Coruña. Malia que o Concello non pode abolilas, ao seren unha competencia autonómica, esta iniciativa significa que os bens públicos da cidade non serán cómplices dun evento baseado no maltrato a un ser vivo. Se alguén quere torturar touros na Coruña terá que facelo sen colaboración municipal, o que é sabido que resulta case imposible”, engade o cabeza de cartel da plataforma cidadá.

“O pasado mes de outubro preto de 4.000 persoas manifestáronse no centro da Coruña contra as touradas, que segundo algunhas enquisas son rexeitadas polo 75 por cento da poboación local. Non obstante, o sentir cidadá volveu ser ignorado polo goberno municipal, que de novo se pregou ao desexo dunha pequena elite e organizou á desesperada a Feria Taurina no Coliseum”, indica Ferreiro. “O goberno do PP sumouse durante a presente lexislatura ao realizado anteriormente polos gobernos de PSOE e impulsou corridas de touros que sistematicamente resultan un enorme fracaso de asistencia, pese ao cal reciben importantes subvencións do Concello, que regala fondos públicos para espectáculos denigrantes e rexeitados pola maioría ao mesmo tempo que os nega para as auténticas necesidades sociais”, engade Ferreiro, que tamén considera “moi significativo que outras formacións que se din modernas e renovadoras tamén defendan publicamente estes espectáculos de barbarie medieval”.

“Mediante a cesión do Coliseum, o gasto no acondicionamento do recinto, a cartelería, a limpeza ou a Banda Municipal de Música o goberno do señor Negreira subvencionou cuns 100.000 euros en 2014 a celebración dunhas touradas ás que acudiron pouco máis de 3.000 persoas por xornada a pesar de que se repartiron de balde milleiros de entradas. Polo tanto, estamos ante un gasto cruel e sen xustificación ningunha que A Coruña leva demasiados anos aturando e ao que a Marea porá fin, dentro das competencias municipais, nada máis chegar a María Pita, a pesar da existencia dunha concesión para que se celebren touradas dous anos máis, outra das numerosas rémoras que o señor Negreira deixa a todos os coruñeses e coruñesas”, asegura Xulio Ferreiro, que engade que “o maltrato animal, nas touradas pero tamén a calquera outro nivel, é incompatible cos valores que defende a Marea Atlántica”.

 

Pechar a billa ás touradas