Saltar ao contido
A Marea Atlántica organizou este venres, 13 de novembro, a palestra aberta TTIP, un tratado para dar máis poder ás transnacionais, na que participaron, Gonzalo Rodríguez, membro de ATTAC Galicia, e Antón Sánchez, deputado de Anova no Parlamento Galego.  Coas súas intervencións botaron luz sobre este tratado que a UE e os Estados Unidos están a negociar con opacidade case total, e que pon os intereses das grandes empresas por enriba dos dereitos dos cidadáns e a autonomía dos estados. Aquí podedes ver o vídeo do acto ao completo.
Gonzalo Rodríguez explicou que o TTIP creará tribunais propios, de dubidosa independencia, aos que as multinacionais poderán recorrer se consideran que teñen ‘lucro cesante’. É dicir, se gañan menos cartos do previsto, aínda que non teñan perdas, poderán apelar a estas salas e pasar por enriba das normativas laborais, alimentarias ou medioambientais.
Tamén lembrou que a aprobación deste tratado poría en perigo ao sector agrario europeo, pois “abriría ás fronteiras ao excedente agrícola dos Estados Unidos, onde os impostos son moito máis baixos. Arrasará cos produtores locais”. En resumo, “o que está en xogo é a nosa soberanía”.
 
_MG_6688
Foto: Antía García Sendón

Antón Sánchez, de Anova, lembrou que dende o Tratado de Maastrich, os estados europeos foron cedendo a súa autonomía, nun proceso que se acelerou desde 2012, co austericidio, “e no que o TTIP é un paso de xigante”. Lembrou que o PP, nos último catro anos, “está a laminar a nosa soberanía dende o interior”, como se pode ver con normas como a pouco coñecida Lei de Unidade do Mercado ou a Lei de Racionalización da Administración Local, que supedita toda acción dos concellos ao principio de estabilidade orzamentaria.

“Queren que asumamos que aos países só lles irá ben se seguen a filosofía das empresas”, afirmou o deputado de Anova. Tamén sinalou,  que de aprobarse este tratado de “libre comercio”, as empresas mineiras poderían ignorar a moratoria do fracking aprobada polo Parlamento de Galicia ou vender produtos sen ter en conta a nosa normativa sanitaria e medioambiental. 
 
Na palestra lembrouse que o TTIP aínda está en fase de negociacións, e hai moitos puntos no seu articulado que son descoñecidos. Pero aínda estamos a tempo de poñerlle freo. A súa aprobación definitiva será responsabilidade do Parlamento Europeo, polo que deberiamos reclamarlles aos nosos representantes en Bruxelas que exerzan o seu deber de defender aos cidadáns que os elixiron.
O PP deixou clara en varias ocasións que apoia este tratado, pero o PSOE mantén unha postura ambigua. Mentres aprobaron mocións contra o TTIP en concellos como Sevilla, rexeitaron na Coruña rexeitaron a proposta da Marea Atlántica no mesmo sentido. Escribirlle aos eurodeputados deste partido para pedirlles responsabilidade é coherencia pode ser un camiño para lograr o non ao TTIP. É posible facelo a través da web do Parlamento Europeo.
 
 
 
 

Palestra. TTIP, un tratado para dar máis poder ás transnacionais