Saltar ao contido

A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, defenderá no Pleno do Concello unha moción na que se insta ao aos gobernos do Estado e a Xunta derrogar as normativas que introduciron o copago na axuda a domicilio

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá este luns, no Pleno Ordinario do Concello da Coruña, unha moción para instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a derrogar todas as normativas que supoñan recortes nos dereitos sociais das persoas, e en concreto aquelas que implantaron copagos como que se pretende aplicar no servizo de atención a domicilio. O texto, que defenderá a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, pídelle ao executivo de Mariano Rajoy “que impulse un pacto de Estado en materia de dependencia que garanta a atención e a sustentabilidade do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia de Galicia (SAAD)”.

A iniciativa lembra que o goberno local da Coruña “négase a ser cómplice de políticas que recorten os dereitos sociais das persoas, especialmente, aquelas que se atopan en situación de vulnerabilidade”, e fai mención ao requirimento da Xunta de Galicia que pretende obrigar ao concello a adaptar as ordenanzas municipais reguladoras do Servicio de Atención ao Fogar (SAF) ao decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, o que derivaría, na práctica, na aplicación aos e ás usuarias do servizo de axudas no fogar “dun brutal copago”.

Na actualidade, é o Concello o que asume a diferenza entre o que pagan as persoas polo servizo e o que deberían pagar segundo a Xunta, pero ao goberno galego non lle vale a solución. “Entendemos que é parte da nosa autonomía, se o goberno local decide aboar o que teñen que pagar as súas usuarias, non entendemos que a Xunta teña nada que dicir”, reitera Cameán, á vez que garante que “pase o que pase, o servizo de atención a domicilio vaise manter. Se a Administración autonómica non o financia, o fará o propio Concello”.

“Ante este ataque ás persoas en situación de dependencia, ás súas familias e a todas as mulleres, o Goberno local rexeita ser cómplice destes recortes, que xa ocasionaron demasiado sufrimento ás nosas veciñas”, di a moción.

Non ao copago dos servizos sociais

Tamén denuncia os problemas sociais derivados das numerosas normativas que introduciron o copago sanitario. Así, e aludindo non só ao decreto 99/2012, senón tamén ao que o modificou (decreto 148/2014), as leis de Orzamentos Xerais dos anos 2012 a 2015 e as denominadas Medidas para Garantir a Estabilidade Orzamentaria, a moción recolle as consencuencias destas políticas, entre as que sinala “un recorte do 15% na prestación económica das coidadoras, que foron expulsadas da Seguridade Social”, o “recorte acumulado nos Orzamentos do Estado de máis de 3.000 millóns de euros en materiais sociais” ou a redución das horas máximas de atención no que se denomina servizo de SAF Dependencia, de 90 a 70 horas.

Á vista de todos estes datos, a moción tamén propón ao Pleno que “o Goberno local solicite aos servizos municipais os informes que estipulen a viabilidade legal da eliminación total do copago nos servizos de atención ao fogar”, así como o rexeitamento de todos os recortes nesta área.

A Marea Atlántica propón no pleno un Pacto de Estado para a atención á dependencia