Saltar ao contido

A concelleira de Medio Ambiente, María García, advirte da proximidade destas instalacións a praias, zona de baño e marisqueo, que quedarían afectadas polas posibles verteduras.

 

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia está disposta a autorizar unha planta de almacenaxe e pre-tratamento de aceites industriais e hidrocarburos no peirao de Oza, cos mínimos informes ambientais, e sen ter en conta a súa proximidade a praias, zonas de baño, áreas de marisqueo e a xa moi maltratada Ría do Burgo.

Desde o goberno municipal da Coruña, a concelleira de Medio Ambiente, María García, advertiu da “contradición” deste proxecto coa evolución prevista para os peiraos de Oza, que deixarán a actividade industrial para ter un uso público e aberto. E tamén coa necesaria rexeneración da Ría do Burgo, coa que o goberno autonómico di estar de acordo. O informe ambiental do Goberno autonómico fala en varias ocasións de que a planta se instalará en “entorno industrial” do emprazamento proposto, por ubicarse no porto, pero a zona de Oza é xa plenamente urbana.

Non pode ser que mentres o Concello traballa en políticas de vertido cero para mellorar a calidade das augas, a Xunta pense en autorizar un proxecto con risco de contaminación e verteduras ao carón dunha das zonas máis poboadas da cidade.

 

A Xunta só esixe declaración de impacto ambiental simplificada

Como recorda a responsable municipal, a planta é unha instalación sometida a Avaliación Ambiental Integrada e polo tanto, competencia ambiental da Xunta de Galicia. “O Concello, durante o período de consultas, o que fixo foi recomendar, vía informe, que este proxecto se sometese a una Avaliación Ambiental ordinaria e non simplificada, debido ao significativo risco ambiental que a planta pode ter nesa ubicación ante un posible accidente”, sinala García. Pero a Xunta non fixo caso e seguiu adiante coa mínima documentación permitida pola lei.

O Concello propuxo tamén  diferentes medidas para minimizar o risco de contaminación por vertedura, das cales algunhas foron incorporadas ao proxecto, como a conexión dos sumidoiros á rede de saneamento do Porto, incluídos os pluviais. Pola contra, outras propostas de prevención e protección non foron incorporadas. É o caso da cubrición das instalación para evitar arrastres pola choiva.

 

Dúas direccións xerais da Xunta altertan dos riscos

“A propia Xunta de Galicia, desde a Dirección Xeral de Saúde Pública, alerta da proximidade de zonas de baño e reclama un seguimento da calidade das augas de baño e una análise de riscos para elaborar o plan de emerxencias, e no mesmo sentido se pronuncia a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro”, fai notar María García.

Tamén é “preocupante a futura transparencia en canto ás analíticas sobre calidade das augas do porto, dado o escurantismo co que Autoridade Portuaria adoita tratar as cuestión ambientais e a súa negativa a convocar o Foro Ambiental para tratar colaborativamente co Concello cuestión ambientais de interese común, un espazo que nunca foi convocado desde a chegada deste goberno a María Pita”, censura a concelleira.

A Xunta autoriza unha planta de hidrocarburos en Oza, con risco de contaminación