Novas da Marea

Franco e Millán Astray cantando o himno da 'Legión'. Marrocos, 1926. Foto de Bartolomé Ros

Os nomes do rueiro coruñés

O cambio de nome da praza de Millán Astray suporá o inicio da aplicación da Lei da Memoria Histórica  na Coruña, tras anos de demora alimentada ou consentida polas propias institucións

Desde hai demasiado tempo resulta vergoñento para a cidadanía coruñesa ver o rueiro infectado e colonizado por persoas que representan os valores antagónicos da convivencia e da tolerancia. A brutalidade, a violencia, a vulneración da legalidade, a violación de dereitos humanos, a adhesión aos fascismos non merecen o recoñecemento dunha sociedade democrática. Algúns que se dicían socialistas nunca lle deron á cidade a ledicia de percorrer neste asunto o camiño correcto. Doutros pouco se esperaba máis aló de parabenizar a quen nos avergoña a todas e de non ousar mirar a historia cun mínimo de obxectividade.

A aplicación da Lei da Memoria Histórica de 2007 leva unha demora alimentada ou consentida polas propias institucións. É outra tarefa pendente entre nós e a celebración da Primavera da Memoria que propón o concello este outono será unha ocasión para homenaxear ás vítimas do horror franquista. Nada mellor que o cambio de nome da Praza Millán Astray que será de contado a Praza das Atochas. Unha praza para a xente. A biografía do fundador da “Legión” representa o ideario violento da extrema dereita e unha barbarie fanática que non debe ser unha referencia pública. Houbo quen falou do personaxe como dun “coruñés de pro” ofendendo a alma, a memoria e a dignidade de todas as coruñesas e de todos os coruñeses.

O labor da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica sumado ao de moitos cidadáns, entidades ou historiadores foi determinante para concienciar á veciñanza da necesidade de restaurar a dignidade, corrixindo a preguiza e o desleixo de moitos gobernos municipais que non quixeron actuar nesta área. Xa tocaba que un goberno como o da Marea, nacido nas entrañas da cidade, rectificase a inanición. Acontece en moitos asuntos como a división distrital ou o escano cidadán. Cantas cousas hai por facer!

Na Coruña como noutras cidades e vilas do estado hai moitos fillos adoptivos, moitas placas, distincións honorarias, monumentos, símbolos, rúas e prazas que homenaxean a quen non só non o merece senón que constitúen unha desconsideración moi grave para as respectivas poboacións. E un exemplo fatal de como non se debe actuar. Denunciábao o alcalde de Iruña no encontro de cidades rebeldes en Barcelona. Podémolo testemuñar nós desde a Coruña cun rueiro inzado de militares golpistas e franquistas comezando polo propio Franco, Mola ou Sanjurjo.

O camiño que emprende o goberno que encabeza Xulio Ferreiro goza de aceptación entre todos os grupos políticos e entre a cidadanía. Para a Marea Atlántica constitúe un novo motivo de orgullo. A Coruña presume de cidade avanzada e progresista e precisa liberarse dos virus que afectan ao seu rueiro para camiñar con menos lastre e con máis orgullo. Con máis decencia.

Todas lembramos estes días os gritos en Salamanca de Millán Astray en favor da morte e en contra da intelixencia. Gritos que agora tamén desouvimos porque estamos a favor da vida e a favor dunha intelixencia partillada para resolver os graves problemas que nos asexan.

A rectificación e democratización do rueiro coruñés foi cualificado por algunhas persoas –moi poucas– como algo secundario e marxinal. É un erro moi grave velo así. Dificilmente poderemos edificar unha convivencia democrática se non somos capaces de compartir un relato da nosa historia máis recente e de ofrecerlle a moitas persoas e familias unha pouca calor e un máximo respecto. Pondo a cada quen no seu lugar.

Para rematar e en vésperas do centenario das Irmandades da Fala queremos lembrar á familia dos irmáns Villar Ponte tan intimamente ligada á nosa cidade e á súa historia máis lúcida. Esa familia padeceu de múltiples maneiras as dentelladas e os desprezos dun réxime que impediu as homenaxes a Antón e que dificultou a existencia de Ramón e os seus. Agora faremos o contrario. A memoria ten a súa primavera. Os que venceron non convenceron. Lembrarémolo tamén cos nomes das rúas e prazas onde se han criar os nosos fillos e fillas, netos e netas, lonxe da barbarie, desconectados do fanatismo, afastados para sempre do terror e da morte.

5 comments

  1. Gustaríame que algunha praza ou rúa rebautizárase con nome de “Dereitos Humanos”

    Responder
    • Non é mal nome en absoluto, Luis, pero en xeral e na medida do posible, a intención do Concello é recuperar a toponimia tradicional.

      Responder
  2. Estoy deseando el cambio de nombre de la Avenida de General Sanjurjo, doble golpista, por el de Avenida de Oza. ¿Para cuando?

    Responder
    • De seguido teremos máis datos, Ángela. Grazas polo teu interese.

      Responder
  3. Eu sería partidario de cambios non traumáticos, coma no caso de Valladolid, onde un cambio foi “Héroes del Alcázar de Toledo” por “Héroes de Alcántara”(reximento de cabalería históricamente presente na cidade).
    No caso de Coruña, dou algunha idea: ” División Azul” por “División del Sil” (guerrilla antinapoleónica galega), “Juan Canalejo” por “Juan del Águila” (maestre de campo dos tercios que morreu en Coruña).
    ¿Parécevos unha idea válida?

    Responder

Have your say