Autonómicas

photo_2016-07-18_19-30-31

Os alcaldes da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, convocan o 30 de xullo, en Vigo, a Marea Constituínte da confluencia en Galicia

Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez anunciaron que neste encontro se dará forma á candidatura, co proceso de primarias e as bases programáticas

A proposta que os tres rexedores fixeron no seu manifesto conxunto, o 5 de xullo, tivo “unha moi boa acollida” entre todos os axentes da confluencia

Os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro, Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e Ferrol, Jorge Suárez, anunciaron esta tarde, en rolda de prensa na Coruña, que o vindeiro sábado 30 de xullo, en Vigo, celebrarase a Marea Constituínte que lle dará forma á confluencia para as eleccións autonómicas galegas. De alí sairá a candidatura que representará o espazo político do cambio nos vindeiros comicios autonómicos, o regulamento de primarias, a súa cronoloxía, os principios políticos e as bases dun programa que represente os intereses da maioría social. Despois de facer público un manifesto conxunto en Ferrol, e de celebrar encontros en Santiago coas partes implicadas na confluencia, conclúen esta primeira etapa dando conta dos resultados destas semanas de traballo.

No local da Marea Atlántica, os tres rexedores fixeron balance da rolda de conversas que mantiveron a semana pasada cos partidos que forman En Marea (Podemos, Anova e Esquerda Unida), coas mareas municipalistas das sete cidades, coas alcaldías das candidaturas de unidade popular de toda Galicia, coa mesa de diálogo das Mareas en Común, e con representantes do Foro Galego.

photo_2016-07-18_19-29-59Xulio Ferreiro explicou que “nestas xuntanzas, observamos unha moi boa acollida do manifesto que presentamos en Ferrol hai dúas semanas. Recibimos un voto de confianza, extenso e forte, para facilitar o proceso de confluencia de cara ás autonómicas, o reforzamento de En Marea e a súa apertura a novos actores, e a construción dunha candidatura radicalmente democrática, que estea en condicións de disputarlle ao PP a presidencia da Xunta de Galicia nas próximas eleccións. Os primeiros contactos foron moi esperanzadores”.

Martiño Noriega confirmou o bo ambiente dos primeiros contactos e sinalou que “todos os actores do proceso amosaron a súa disposición para participar nesta Marea Constituínte, sen condicións previas nin liñas vermellas. Comprometéronse a colaborar na construción dun proxecto de todos e todas, participado e baseado na vontade común. O día 30 ten que nacer un espazo superador, con mecanismos de consenso e non de competición. Así se configuraron as candidaturas municipalistas da Coruña, Compostela, Ferrol, Barcelona, Madrid… e cremos que son exportables ao ámbito autonómico”.

Pola súa banda, Jorge Suárez lembrou que “estamos ante un momento histórico, e o que constrúamos o 30 de xuño en Vigo ten vocación de permanencia moito máis alá das eleccións autonómicas. Trátase dun proxecto político con adscrición individual, sen cotas, e coa vontade de ser moito máis que a suma das partes que conformaron no seu día AGE e En Marea”.

A construción desde o consenso

photo_2016-07-18_19-30-23Os rexedores aseguraron que os documentos elaborados polas Mareas en Común, con amplo consenso e coa participación de máis dun cento de persoas, “foron aceptados por todas as partes como a base do traballo para a Marea Constituínte do día 30”. E, nestas dúas semanas, serán debatidos por todos os axentes do cambio, para introducir as modificacións que poidan ser necesarias e dotalos do máximo respaldo. Estes textos regularán o proceso de primarias, a forma de goberno que se adoptará despois das eleccións, o código ético dos cargos electos e a organización interna da confluencia.

Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez aclararon que o seu papel neste proceso é “impulsar a confluencia e achegar o capital simbólico das mareas municipalistas, pero non condicionar o proceso de ningún xeito”. Por iso, evitaron falar de nomes para encabezar a candidatura á Xunta, pero apostaron por buscar un perfil que sume e sexa capaz de representar a todo este amplo espazo político.

As negociacións para preparar a marea constituínte serán responsabilidade dunha comisión xestora, formada “por persoas do máximo consenso”, designadas polos alcaldes a petición de todas as partes contactadas. Os seus nomes daranse a coñecer nos vindeiros días.

En breve, habilitarase a páxina web mareaconstituinte.gal, na que calquera persoa interesada en participar o día 30 en Vigo poderase inscribir, coa única condición de asinar o manifesto asinado polos tres alcaldes, e presentado en Ferrol o 5 de xullo.

Have your say