Saltar ao contido

Tan só un 15% da veciñanza da Coruña está conforme co traballo e os investimentos que desenvolven na cidade as administracións central e autonómica

Oito de cada dez habitantes da cidade sosteñen que o compromiso da Xunta de Galicia e do goberno do Estado coa Coruña é regular, malo ou moi malo. Son datos tirados dunha enquisa encargada pola Marea Atlántica e que se realizou sobre unha mostra de 400 persoas, todas residentes na cidade e maiores de idade.

En concreto, a enquisa indica que un 49,9% da poboación da Coruña cualifica o compromiso de ambas administracións coa cidade de “regular”, mentres que un 16,9% o considera “malo” e un 9,9% “moi malo”. Por tanto, case o 77% das persoas que participaron na enquisa desaproba a xestión de ambas institucións na cidade. Por contra, tan só un 14,6% ve “bo” o grao de compromiso coa cidade e unicamente un 1,7% o atopa “moi bo”.

Nulo compromiso da Xunta e o Goberno Central

Para a Marea Atlántica non hai ningunha sorpresa no resultado, tendo en conta as previsións de investimento da Xunta na cidade o próximo ano e a que vén sendo a dinámica nos dous últimos anos. O goberno galego non está a tratar A Coruña como o que é, a primeira cidade de Galicia, e o seu compromiso coa veciñanza deixa moito que desexar. É curioso que, por un lado, o grupo municipal do PP saque peito dicindo que o 2018 será o exercicio no que se rexistre un maior investimento da administración autonómica na cidade mentres que, polo outro, apunta a que non se inviste o suficiente “por culpa do Concello”. Dende logo, o PP debería entender que poñerlle paus nas rodas sistematicamente á acción do executivo municipal non é ir na súa contra, senón contra a cidadanía á que di dar servizo.

A Marea Atlántica pídelle ao líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que deixe de facerlle oposición á cidade e se decida a apostar por ela xa que, dende logo, existen moitos proxectos, e de envergadura; por exemplo, a constitución da Área Metropolitana da Coruña ou o rescate, con recursos públicos e non con fotografías, do conxunto do borde litoral da Coruña, dende o Finisterre até o peirao de San Diego, ademais de todas as obras da súa competencia que ten pendentes nos centros escolares da cidade.

O goberno central, pola súa banda, ten moitos compromisos pendentes coa Coruña e con toda Galicia. Para empezar por algún lado podería, dunha vez, dotar ao Porto Exterior de Langosteira dunha conexión por ferrocarril que segundo o propio órgano de Puertos del Estado é “fundamental” para a súa viabilidade.

Oito de cada dez habitantes da cidade cre que o compromiso da Xunta e do Estado coa Coruña é regular, malo ou moi malo