Novas da Marea

Obxectivo cumprido: 2.500 sinaturas, hai marea!

Temos un desexo: acabar coas políticas que esmagan a maioría social e rescatar a democracia na Coruña poñendo as institucións ao servizo da xente. E agora sabemos que ese desexo é común.

Hai dous meses publicamos un manifesto e puxémonos unha condición: se non hai, como mínimo, 2.500 persoas que compartan o noso desexo e o digan publicamente antes do 1 de outubro, tampouco haberá Marea Atlántica. Hoxe é 26 de setembro. Quedan cinco días para que remate o prazo e xa superamos o noso obxectivo. Seguimos, daquela. #HaiMarea.

Até o vindeiro día 1 de outubro seguiremos recollendo sinaturas, tanto na rede como nas rúas da cidade. Hoxe na Praza das Conchiñas e na Sagrada Familia e mañá no Mercado de San Agustín e no Obelisco. Cando rematemos, difundiremos unha análise completa dos apoios que recabou o manifesto e convocaremos un acto público. Aí comezará unha nova fase do proceso.

Cronograma da Marea Atlántica

Porque a Marea Atlántica é un proceso en construción. O manifesto foi só o principio, e as sinaturas unha maneira de evidenciar que o noso desexo é o desexo de moitas e moitos. Agora a prioridade está nas rúas e nas prazas. Nas mareas, asembleas abertas nas que empezar a construír a ferramenta coa que rescatar María Pita en maio de 2015. Porque é o momento de gañar e facer democracia, si, pero sen protagonismo cidadán non haberá cambio.

A tal hora hai sete mareas activas, unhas de barrio e outras sectoriais: a Marea da Agra do Orzán, a da Cidade Vella, a dos Mallos e A Falperra, a do Outro Urbanismo, a da Cultura, a Feminista e a da Mobilidade. E axiña virán máis. En Novo Mesoiro, en Elviña e no Birloque, en Monte Alto, en todos os barrios. E no ensino, entre a mocidade, na diáspora, no pequeno comercio ou contra as touradas.

Con toda esa forza, entre os meses de novembro e decembro chegaremos á Marea Viva, un gran foro social no que poñer en común o traballo feito e abordar, se queremos seguir, a última fase do proxecto: construír entre todas e todos un programa e decidir con que metodoloxía construímos unha candidatura cidadá ás eleccións municipais de maior de 2015.

Hai Marea. Participa!

En maio seremos o 99%

Have your say