Mareas

O transporte público: primeira opción de mobilidade

Xulio Ferreiro anuncia que a Marea “mellorará o mapa de rutas do transporte colectivo” e “reducirá os custes para os usuarios mediante tarifas planas por anticipado” e acusa a Negreira de recorrer ao “electoralismo máis descarado” co prezo do bus  

 O candidato á alcaldía da Marea Atlántica aposta “polo transporte público como primeira opción de mobilidade na cidade” e acusa ao Goberno local de “tratar con desprezo á cidadanía ao querer enganala con improvisacións de última hora pensando que a xente non ten memoria do abandono do transporte público que caracterizou a súa xestión”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de “descarado electoralismo” o anuncio do Goberno local da implantación dunha tarifa plana “insuficiente” que faga gratuítas as viaxes a partir dos 44 traxectos. “Negreira recorre ao electoralismo máis rancio e lanza ás portas das eleccións ocorrencias que nin sequera explica como se van pagar, símbolo do nervioso que está ante a cita coas urnas”, indica Ferreiro.

“Esta forma de actuar supón un desprezo á cidadanía moi característico do PP, que debe pensar que a xente non ten memoria do abandono do transporte público que caracterizou a súa xestión e pode ser enganada con calquera anuncio de última hora e sen detallar, xa que descoñecemos quen vai pagar o que propón, que debería repercutir tamén na Compañía de Tranvías, cuxos últimos beneficios coñecidos foron de 3,5 millóns de euros, cantidade que podería investirse na mellora do servizo, non no peto duns poucos”, engade o candidato da Marea.

Así, Ferreiro indica que, “ao contrario do que fixo durante case catro anos o señor Negreira, a Marea Atlántica traballará para que o transporte público sexa a primeira opción de mobilidade na cidade”. “Implementaremos un sistema alternativo que permita aos usuarios e usuarias máis necesitados acollerse á tarifa plana por anticipado e poremos en marcha bonificacións para familias numerosas”, indicou o cabeza de lista da Marea, que adiantou outras propostas da plataforma cidadá para mellorar o transporte urbano: “Queremos adaptar á realidade o mapa de rutas actual, concibido hai xa moitos anos e rectificado de forma continua, pero que segue a acusar déficits de servizo nos grandes xeradores de movementos, como os polígonos industriais ou os xa non tan novos crecementos urbanos como o de Novo Mesoiro. E aquí será clave o transbordo co transporte público metropolitano en ubicacións máis aló da estación de autobuses”, dixo.

Ademais, Ferreiro considera “indispensable facilitar e axilizar o tránsito dos propios autobuses. De nada serven as frecuencias baixas se o servizo ofrece tempos de 40-45 minutos entre Monelos e Monte Alto, por exemplo. De cara a facilitar o tránsito e a velocidade media do transporte público, buscaranse as mellores solucións, como habilitar vías de paso preferente para o transporte público en vías con maior densidade de tránsito ou reformar as paradas de autobús, nas que, evitando o aparcamento indebido, se axilicen os tempos de subida e baixada dos usuarios e se asegure a accesibilidade universal”.

Por último, Xulio Ferreiro, avogou por “unha política de mobilidade que permita que A Coruña sexa unha cidade máis amable para os peóns, as bicicletas e o transporte colectivo, o que de seguro beneficiará tanto ao benestar común como aos comerciantes, sexan do centro ou dos barrios”. Tamén defendeu o candidato da Marea a posta en marcha “tras anos de espera” de alternativas metropolitanas, “como o tren de proximidade”.

 

1 comment

  1. Un comentario de algo sempre me chamou a atención respeito do transporte público, pasa na Coruña e en moitos sitios. ¿Porque non se obriga as estacións de tren e autobuses a ter información dos horarios da outra? Quero dicir que estando a 4/5 minutos unha da outra e compartindo destinos; Santiago, Pontevedra, Vigo, Ferrol… non é posible saber horarios e prezos sin pasar polas dúas. Hoxe moita xente leva internet no móvil, pero hai anos se falaba de obras costosísimas para unir as estacións e non se facía algo tan simple. O de obrigar o digo obrigar porque imaxino que comercialmente hai un interese polas dúas partes (non dar a información) que é contrario ao interese xeral (tela dispoñible),
    un saudo !

    Responder

Have your say