Deputación

24-feb-2017___PLENO__4S1_2

Ao PP cáelle a careta. Votan contra a cultura na Deputación

Ao grupo provincial do PP volveulle caer a careta hoxe no pleno da Deputación da Coruña. Foi a única formación que votou en contra da concesión por parte do ente provincial dunha subvención nominativa ao Concello da Coruña para financiar o denominado Programa de Axudas a Creadores Locais

 

A pesar de que o convenio resultou aprobado grazas aos votos favorables dos e das deputadas do grupo da Marea Atlántica, PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, destaca a postura que adoptou o grupo popular, que por boca de Rosa Gallego dedicouse a manifestar que as perceptoras destas axudas á creación local sería “okupas ou asinantes da Marea”.

O Goberno local da Coruña, grazas ao investimento que destina aos e ás creadoras locais, poñendo en valor un dos principais activos da nosa cidade, dá soporte e difusión cultural a obras de artistas do mundo da cinematografía, o audivosual, a banda deseñada, ou a música.

 

Un convenio para axudar á creación artística

Por medio do convenio entre Concello da Coruña e Deputación, o ente provincial achegará ao municipio unha partida de 132.912 euros que teñen como obxectivo axudar “a difusión de creadores, empresas culturais, e colectivos e grupos informais que realizen proxectos de creación ou intervención artística de carácter orixinal e inédito en disciplinas como o son, a palabra, a escena, as artes plásticas ou a imaxe”.

Un dos “problemas” que argumentou o PP para votar en contra deste asunto está supostamente nas axudas a “colectivos informais”. Unha vez máis, o grupo popular amosa a súa verdadeira cara, non só dende o punto no que entende a cultura e a creación cultural como un investimento innecesario, senón porque trata de impedir a participación da cidadanía non organizada.

 

Aprobada a moción en apoio ás Marchas da Dignidade

Doutra banda, no pleno da Deputación Provincial celebrado hoxe, foi aprobada unha moción presentada pola Marea Atlántica, en apoio á concentración que as Marchas da Dignidade convocan mañá, na Coruña, en defensa das pensións e dos servizos públicos. Tivo o voto positivo do grupo da Marea Atlántica, PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, e, unha vez máis, a oposición do PP. Unha moción similar fora tamén aprobada polo Concello da Coruña o 6 de febreiro.

Tal e como di o texto da moción, “somos conscientes da situación dramática que están a padecer as persoas maiores que dependen dunha pensión para subsistir despois de toda unha vida de traballo. Dada a situación dramática de moitas familias, a pensión é o único sustento que teñen para poder sobrevivir cunhas mínimas condicións. Estamos vendo como se poñen en perigo con medidas impostas desde organismos antidemocráticos como o FMI eo Banco Mundial a través da Troika Europea”.

As Marchas da Dignidade son un colectivo no que están representadas máis de 300 organizacións sociais, sindicais e políticas de todo o Estado, baixo o lema “pan, traballo e teito”. Levan tres anos convocando manifestacións e actos reivindicativos en defensa dos servizos públicos e dos intereses da maioría social. Súa foi a manifestación que reuniu a máis dun millón de persoas en Madrid en marzo de 2014.

Have your say