Mareas

observatorio

O Parque do Observatorio: falsas promesas e falsas solucións

O pasado martes o alcalde achegouse ao barrio da Agra do Orzán para anunciar a cesión dunha pequena parcela (uns escasos 2.000 ) do Parque do Observatorio, retrasando o muro da Rúa Canceliña. Hai que lembrar que este espazo xa pertence a unha entidade pública, como é o Ministerio de Medio Ambiente, e a pesar disto permanece pechado aos veciños a maior parte do tempo, no barrio coa maior densidade de poboación de Galiza. O uso público deste parque, que se sitúa no corazón da cidade e chega a contar cun espazo superior aos 30.000 m², é unha das reivindicacións históricas do movemento veciñal da Agra do Orzán, e foi sempre postergado mediante promesas incumpridas das diversas administracións locais durante os últimos 20 anos. Ademais, estas promesas sempre se artellaron baixo a forma de proxectos urbanísticos encubertos, que baixo o enganoso nome de “Parque da Agra”, reservaban a mellor parte dos terreos para a súa edificación ou a construción de aparcadoiros; e sempre foron rexeitadas pola veciñanza organizada. “Parque si, vivendas non”, era e segue sendo a súa demanda, da que nos facemos partícipes.

Extracto da ficha da urbanización do parque prevista para 2010, destinábanse 14.000 m² a espazos libres

Plano de ordenación do PXOM do 2013, actualmente vixente, no que se contemplan 16.000 m2 de espazos libres

Agora que estes proxectos urbanísticos se tornan complicados debido á situación económica, o goberno de Negreira –que durante a lexislatura anterior, como líder da oposición, declaraba estar a favor das demandas da cidadanía– realiza esta manobra puramente electoralista, xogando cos problemas sen resolver no barrio durante décadas, e de novo sen escoitar as demandas da veciñanza, como xa fixeran os gobernos do PSOE no seu día. Faino, ademais, presumindo dunha negociación co Ministerio –tamén contrario á apertura do parque– cando podería ocupar a totalidade dos terreos dotacionais do mesmo, regulados mediante o PXOM como sistemas locais, sen necesidade de convenio algún, mediante o denominado sistema de ocupación directa establecido na lexislación municipal.

Este pequeno espazo –que representa aproximadamente o 6% da superficie do parque–, no caso de que finalmente se ceda, non vai mellorar significativamente o problema do espazo público do barrio, no que se establece unha relación de un metro cadrado por cada tres habitantes. Non podemos deixar de preguntarnos, asemade, canto deste espazo sería realmente aberto e utilizable, se nos escasos 2000 m² (unha superficie menor que a da Praza das Conchiñas) se van acometer “a instalación dunha área infantil, a urbanización do entorno e a creación de 12 prazas de aparcamento en superficie”, como di a nota do concello.

Desde a Marea da Agra denunciamos esta política de falsas promesas e falsas solucións, e demandamos a apertura e acondicionamento da totalidade do Parque do Observatorio para uso e desfrute de toda a cidadanía da Coruña, especialmente a da Agra do Orzán. Demandamos que o Concello deixe de escudarse en argumentos falsos, xa que, de haber vontade política, estes terreos poderían ser reclamados para o seu uso sen necesidade de ningún convenio, como establece a lexislación urbanística. Reclamamos un verdadeiro parque para a Agra, non unha urbanización nin un remendo. Reclamamos, unha vez máis, vida fronte á política de asfalto.

Have your say