Saltar ao contido

Máis paro, máis débeda, recortes en sanidade e educación, desmantelamento dos sectores produtivos… Manuel Monge analizou nunha charla o verdadeiro resultado dos sete anos de Feijóo na Xunta

Manuel Monge, profesor, sociólogo, expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e ex concelleiro do BNG na nosa cidade, presentou no local da Marea Atlántica o seu último libro O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro (Laiovento) no que, con datos e feitos obxectivos, desmonta o mito da boa xestión do Partido Popular na Xunta de Galicia.

O autor foi presentado por Henrique Rabuñal, tamén mestre e escritor, quen destacou que traballos como o comentado nesta xornada son “libros incómodos, que non atopan eco nos grandes medios de comunicación, pero que botan luz con rigor e precisión sobre os currunchos que quedan fora da verdade oficial”.

Pola súa banda, Manuel Monge salientou que a intención do seu volume é “amosar o verdadeiro balance da xestión de Alberto Núñez Feijóo, que se atopa secuestrado”. Así, sinala datos como que en 2009, cando o actual presidente da Xunta chegou ao goberno, en Galicia había 162.700 persoas desempregadas (12,22% de paro), mentres que o 2015 remataba con 222.700 persoas sen traballo (17,74%). No mesmo período, a débeda pública multiplicouse por tres, pasando dos 3.923 millóns de hai sete anos aos 10.375 millóns da actualidade.

Ferida nos servizos básicos

photo_2016-10-15_12-34-02Tamén sinalou o evidente retroceso en servizos básicos como a sanidade, onde o goberno de Feijóo recortou un 18% do orzamento e deixouno con 237 millóns de euros menos. Tamén se perderon uns e 3.000 postos de traballo. Polo que respecta á educación, nos sete anos do PP quedaron polo camiño 256 millóns de presuposto e 2.000 docentes.

Igual balance nefasto amosa a xestión da dependencia, un eido no que 23.672 persoas teñen dereito a unha prestación pero non a están a cobrar. Os últimos informes amosan que case 700.000 galegos e galegas viven no limiar da pobreza, sen os ingresos necesarios para garantir as súas necesidades básicas.

No libro e na charla, tamén se repasou o desmantelamento do sistema financeiro galego, coa venda das caixas a prezo de saldo en beneficio dun banco venezolano, e a total desatención aos sectores produtivos como o leite, a pesca e o naval.

Ademais, sinalou a sempre esquecida relación do PP galego coas tramas de financiamento ilegal do partido, ao que non é alleo Feijóo, quen conviviu durante anos con Pablo Crespo, un dos principais imputados na Gürtel e tesoureiro do PPdeG.

Manuel Monge é un autor moi prolífico, que vén de publicar nos últimos anos outros traballos como Perdemos o tren. As claves políticas do atraso; O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira; Incidencias e corruptelas, ou Os Borbóns, unha monarquía escandalosa.

O mito da boa xestión de Feijóo