Concello

20160905 REUNIÓN ALCALDE E VOCEIRO PSOE

O goberno da Marea Atlántica ofrécelle ao PSOE abrir unha nova etapa de diálogo, polo ben da cidadanía

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo un encontro co voceiro municipal socialista, José Manuel Dapena, para afondar na colaboración entre os dous grupos, na que presentou as principais medidas que o goberno quere incluir nos Orzamentos de 2017

“É preciso que o PSOE recoñeza que o rival común son as políticas austericidas do PP, e deixe de lado os pactos con esta formación”, sinalou Ferreiro

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo este 5 de setembro unha xuntanza co portavoz do grupo municipal socialista, José Manuel Dapena, para reiterarlle a súa intención de abrir “unha nova etapa de diálogo, marcada pola colaboración e a lealdade institucional, pensando no ben da cidadanía”. Como lembrou Ferreiro, “son moitas máis as cousas que unen a ambos grupos que os que as separan”, polo que o goberno da Marea Atlántica, coma sempre, seguirá a ter a man tendida. O que demandamos é que se traballe, unicamente, pensando no ben da cidadanía”.

O rexedor, para afondar nunha colaboración leal, ofreceulle ao Dapena un foro bilateral de caracter mensual, non que dialogar e valorar diferentes propostas. Iso sí, para que o ententemento sexa posible, “é indispensable que a formación socialista respecte as competencias deste Goberno e teña claro que é o equipo da Marea Atlántica o que ten os poderes executivos, e non outro”. Do mesmo xeito, é
necesario, “que o PSOE recoñeza que o rival común son as políticas austericidas e destinadas a favorecer a uns poucos en vez de á maioría social que levou e pretende levar a cabo o PP”, feito polo que Ferreiro invitou ao portavoz socialista non repetir os pactos co Partido Popular aos que chegou puntualmente no pasado curso político en María Pita.

Durante o encontro, Ferreiro explicou os asuntos que o goberno municipal quere poñer sobre a mesa, como a aprobación de dous modificativos de crédito necesarios, ou “como preciso “iniciar canto antes o proceso de diálogo dos Orzamentos municipais de 2017”, para que poidan ser levados a pleno en novembro e estean en vigor no comezo do ano que vén.

 As bases dos Orzamentos 2017

Nesta xuntanza, o alcalde tamén compartiu co voceiro socialista as liñas mestras dos Orzamentos 2017, que se centran en afondar nas áreas de participación e xustiza social, claves durante o primeiro mandanto, e en impulsar novas actuación en vivenda, mobilidade e emprego e economía social. Detallamos aquí os as principais actuacións previstas polo goberno da Marea Atlántica, que deben estar garantidas nas contas munipais do vindeiro ano:

Xustiza Social e Educación:

  • Reforzar a atención ás persoas maiores, en especial a aquelas en risco de exclusión social,
  • Impulsar programa específicos para axudar ás persoas coidadoras
  • Desenvolver a fondo a Renda Social Municipal aprobada este ano, e que comeza a aplicarse neste mes de setembro.
  • Dotar dos recursos necesariosa ao servizo de orientación xurídica para as persoas en situación ou risco de vulnerabilidade,
  • Poñer en marcha campamentos de verán con servizo de comedor.
  • Incrementar os fondos destinados a programas educativos, aumentar o investimento nas Escolas Municipais Infantís e reforzar os
    convenios coa FANPA para a realización de actividades extraescolares.
  • Manter a histórica contía aprobada en 2016 para a realización de obras maiores no centros educativos públicos da cidade.

Rexeneración Urbana

  • Ampliar o parque público de vivenda coa á rehabilitación de edificios, para que o  investimento público supoña unha
    rexeneración dos distintos barrios da cidade.
  • Mellorar o espazo público con obras de investimento axustado e de máximo impacto na vida cotiá das persoas.
  • Atendendo a demandas históricas dos barrios, avanzarase na peonalización e na implanación de zonas verdes, e mellorarase a accesibilidade en todo o tecido urbano.
  • Manter e incrementar as redes de servizos
  • Coidar e acondicionar o mobiliario urbano, tendo en conta as necesidades das persoas usuarias.
  • Poñer en uso novos espazos públicos que hoxe se atopan infrautilizados, cun importante investimento
  • Mellorar os locais públicos propiedade do Concello, para  dar cabida neles ás demandas da cidadanía.

Mobilidade Sostible

  • Reestruturación de liñas, paradas e nodos de intercambio do transporte público, tendo en conta a futura construción da Estación Intermodal, como parte dun proxecto integral de optimización do transporte urbano colectivo.
  • Novo procedemento de adquisición e renovación da tarxeta Millenium, que poderá facerse de xeito non presencial
  • Mellora de accesibilidade nas paradas de bus urbano
  • Implantación de zonas de carril bus
  • Mellora nos servizos de información da estación de autobuses.
  • Impulso definitivo ao plan municipal para o fomento do uso da bicicleta e a execución de vías ciclables
  • Revitalización do espazo urbano e a mobilidade na Cidade Vella
  • Aprobación dun novo Plan de Mobilidade que veña substituír e corrixas as eivas do de 2014.

Emprego e Economía Social

  • Aumentar un 21% os fondos destinados ao Plan Municipal de Emprego
  • Impulsar o plan trienal Coruña Emprega, para favorecer a inserción laboral de colectivos especialmente desfavorecidos.
  • Aumentar nun 40 % os recursos do Plan Integral de Apoio ao Emprendemento
  • Crear un plan de  Fomento do Emprego Estable, destinado a dar pulo, a través de distintas liñas de axudas, a contratación estable
  • Promoción do alugueiro de baixos comerciais que se atopan baleiros na actualidade.
  • Abordar a seguinte fase do Plan de Dinamización dos Mercados Municipais
  • Remodelación das prazas de abastos de Santa Lucía e Monte Alto.

Igualdade e Diversidade

  • Reforzar as accións encamiñadas a que esta sexa unha cidade libre de violencias machistas
  • Afondar nos nos programas de atención as familias en situación de violencia de xénero
  • Implantar proxectos de apoio e atención psicosocial a menores
  • Impulsar así como procesos de empoderamento persoal das mulleres.
  • Aumentar substancialmente as partidas encamiñadas a promover conciliación e corresponsabilidade
  • Repensar e mellorar o actual servizo de canguraxe
  • Levar a cabo un ambicioso proxecto sobre roles de xénero e novas masculinidades.

Facenda e Administración

  • Completar a revisión das ordenanzas fiscais iniciada en 2016, avanzando en criterios de progresividade, xustiza social,
    mellora medio ambiental e impulso á actividade económica
  • Implantar plenamente os procedementos da Administración Electrónica, de cara a mellorar o servizo que se ofrece á cidadanía e suprimir as restriccións espaciais e de horarios.

Culturas, Deporte e Coñecemento

  • Abordar o proceso de remunicipalización da rede municipal de bibliotecas xa iniciado este ano.
  • Establecer programas de formación para o emprendemento cultural.
  • Proxecto piloto de coxestión de espazos escénicos.
  • Incremento de fondos para o proxecto Coruña Gráfica de cara a realizar actuacións durante todo o ano para promocionar a cidade como eixo de creación no mundo da banda deseñada e a ilustración.
  • Poñer en marcha os premios Viñetas desde o Atlántico.
  • Creación dunha oficina técnica de apoio á produción e difusión, ou a coprodución de proxectos audiovisuais.
  • Levar a cabo un ambicioso plan de posta en valor do patrimonio material e inmaterial da cidade, centrado especialmente no Castro de Elviña e no proxecto Caixa da Memoria.
  • Programación e produción das Festas de María Pita, destacando o Festival Noroeste como evento a potenciar debido a forte repercusión acadada na presente edición.
  • Abordar un plan de rehabilitación do patrimonio municipal en materia deportiva
  • Construción de novas instalacións que respondan as demandas históricas da cidadanía, como  a mellora das instalación do estadio de Riazor, o plan integral de rehabilitación de equipamentos deportivos exteriores, o complexo deportivo do Castrillón ou a base náutica de Oza.

Medio Ambiente

  • Impulso dun plan de expansión do arborado na cidade
  • Fomentar o uso ecolóxico de parcelas en desuso.
  • Reparación de nichos e acondicionamento xeral de Santo Amaro
  • Naturalización das redes de ensino e comedores escolares
  • Avanzar nas acadar o vertido cero e nas accións de saneamento de cara ao non realizar verteduras á Ría do Burgo.
  • Asinar  un novo contrato de recollida e tratamento de residuos
  • Iniciar o proceso de declaración do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre de Hércules e Punta Herminia, e finalizar o das Illas de San Pedro

Participación e Innovación Democrática

  • Garantir a participación da cidadanía no codeseño da normativa de participación do Concello
  • Reformar do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) en materia de participación.
  • Poñer en marcha un Laboratorio de Innovación Cidadá.

Have your say