Concello

21-10-16-foto-silvia-camean

O goberno da Marea Atlántica négase a incrementar o custo da axuda a domicilio

A Xunta esixe aumentar o copago tanto na categoría básica como na atención a dependentes, consolidando os recortes do Partido Popular

“Non seremos cómplices da perda de dereitos sociais”, asegurou a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán

 

A Xunta de Galicia esíxelle ao goberno municipal da Coruña que suba o custo do Servizo de Asistencia ao Fogar, (SAF) tanto na categoría básica como na de dependentes, para adaptar a súa normativa aos recortes que o PP fixo na Lei de Dependencia. Porén, o executivo local négase a tomar esta medida prexudicial para a cidadanía. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, asegurou que “non seremos cómplices nin colaboraremos de xeito ningún, en actuacións que supoñan un recorte de dereitos sociais”. Cumprir o que pide a Xunta suporía que a maioría das 1.200 beneficiarias da axuda a domicilio na nosa cidade terían que pagar máis polo servizo.

Segundo os cálculos técnicos da Concellería, adaptar a ordenanza municipal ao Decreto 99/2012, que modifica a Lei de Dependencia, suporía que as persoas usuarias do SAF Básico con rendas de 400 euros mensuais pasarían de estar exentas de pagar copago a ter que poñer cartos pola axuda. E as as persoas dependentes pasarían a pagar entre un 30% e un 60% máis polo servizo. Actualmente é o goberno local o que paga a diferenza, pero á Xunta de Galicia non lle vale. Son “conclusións alarmantes”, en palabras de Cameán, e ante a “brutalidade dos datos, a determinación deste goberno local é dicir que non”

Así, e pese a ameaza da Xunta de retirarlle o financiamento autonómico ao SAF, “dicimos alto e claro que non a este ataque ás persoas en situación de dependencia, as súas familias e a todas as mulleres. As persoas en situación de dependencia xa sufriron demasiado os recortes. Non imos a ser cómplices da súa falta de humanidade”, dixo. “A nosa prioridade son as persoas, e polo tanto non estamos dispostas a incrementar o copago ás usuarias do servizo de atención no fogar. Garantiremos o servizo aínda sen o apoio da Xunta”.

A este respecto, a concelleira solicitou ao resto dos grupos políticos da Corporación “que apoien a moción que pensamos presentar no próximo Pleno municipal reclamando á administración autonómica e a estatal a revertir os recortes en dependencia”. “A dignidade das nosas veciñas maiores e con diversidade funcional é unha cuestión de cidade”, engadiu.

 

O servizo está garantido, con ou sen a Xunta

Segundo os datos da Concellería de Xustiza Social, na Coruña, más de 1.200 persoas benefícianse destes servizos. En concreto, 413 reciben as axudas SAF Dependencia e 787 as de SAF Básico. “De pregarnos, e adaptar a nosa ordenanza ao Decreto 99/2012, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, estariamos contribuíndo a incrementar de forma exponencial a achega de deben facer a meirande parte destas persoas por recibir unha axuda que non deixa de ser un dereito social”, explicou.

“A actualización dos pagos dos usuarios que reclama á Xunta de Galicia non é de recibo. Por iso, temos conformado un equipo específico que está a traballar neste tema e co que levaremos a cabo as medidas oportunas, todo baixo a premisa, como anunciamos, de que non seremos cómplices desta medida”, explicou a concelleira. E insistiu en que “á marxe das reclamacións que está a facer a Xunta, dende o Concello aseguramos que o servizo de atención a domicilio vaise manter. Se a Administración autonómica non o financia, o fará o propio Concello”.

 

O Concello paga a diferenza, pero á Xunta non lle vale

A titular aclarou que a diferencia entre o que o actualmente abona o usuario do servizo de atención a domicilio e o que debería pagar segundo a Xunta e en base a aplicación do decreto 99/2012 “é cuberto polo propio Concello”. “Entendemos que é parte da nosa autonomía local, se o
Concello decide aboar o que teñen que pagar as súas usuarias, non entendemos que a Xunta teña nada que dicir”, reiterou.

Os concellos prestan atención domiciliaria domiciliarias a persoas en situación de dependencia recoñecida, para atender as súas necesidades básicas e diarias e incrementar a súa autonomía. Existen dúas modalidades o SAF-Dependencia e o SAF-Básico, que se diferencian fundamental nas horas de asistencia. En ambos casos, os e as usuarias que poden acceder a este servizo deben estar incluídas no Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia de Galicia (SAAD), sendo o Programa Individual de Atención (PIA) o que establece a prestación da axuda a domicilio.

 

2.000 millóns menos para a dependencia en catro anos

Cameán lembrou que “a Lei de Dependencia trouxo unha mellora na calidade de vida de milleiros de persoas, con servizos e prestacións para unha parte importante da cidadanía que, por razóns derivadas da idade, enfermidade ou diversidade funcional precisan dunha atención que lles facilite as actividades básicas da vida diaria”.

“Non obstante, a chegada do PP ao Goberno central supuxo unha serie de recortes nun servizo tan esencial. Nada máis e nada menos que un recorte de 2.000 millóns de euros en 4 anos”, comentou. “A Xunta de Galicia, pola súa banda, lonxe de rexeitar estes recortes, xustificounos e consolidounos”.

Have your say