Saltar ao contido

Desde a autocrítica, o goberno municipal traballa para obter os fondos europeos para A Coruña na segunda convocatoria. Pero, aìnda sen eles, comprométese a levar adiante as actuacións incluídas da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible

 

A proposta do Goberno da Coruña para a Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS),  que optaba a  15 millóns de euros de fondos da Unión Europea, quedou ás portas de ser aprobada na primeira convocatoria destas axudas. O proxecto da Coruña obtivo unha puntuación de 57,5, cando o corte estaba en 60,2. Non é unha boa nova, pero tampouco unha sentenza irreversible.

Abrirase agora unha segunda convocatoria para estes fondos, e o goberno local reaccionou rápido. Onte mesmo, o alcalde Xulio Ferreiro, mantivo una xuntanza con responsables do programa no Ministerio de Facenda, para informarse dos puntos que se deben matizar no proxecto. Por iso, é mellor evitar o alarmismo e centrarse en traballar para aproveitar as vindeiras oportunidades.

O alcalde  fixo un chamamento á tranquilidade en relación aos fondos europeos necesarios para sacar adiante a EIDUS. “Non se conseguiu á primeira, pero haberá unha segunda e posiblemente unha terceira oportunidade. Logo das explicacións que recibín onte no Ministerio de Facenda, estou seguro de que A Coruña acabará por ter eses fondos comunitarios. Estou convencido”.

Neste encontro co persoal técnico encargado de avaliar os proxectos, o alcalde foi informado de que “A Coruña ía polo bo camiño, pero en Galicia había un nivel moi alto de propostas, o que provocou que estratexias boas como a nosa quedaran fóra na primeira convocatoria. Iso non quere dicir que houbese erros. Falamos de décimas de puntuación”.

 

Pouco valen as críticas das persoas responsables de Someso ou do Ofimático

En todo caso, Ferreiro sinalou que lle chama moito a atención a “reacción furibunda” dalgúns sectores ante esta situación. “Noutras cidades a indignación é co Ministerio, cuxos criterios semellan diverxer cos da Unión Europea, mentres que aquí o que temos é unha operación de acoso e derribo contra o goberno municipal, e todo por un feito que non é irreparable”. Curiosamente, nada semellante se viu con outras decisións que si custaron millóns de euros ás arcas públicas, como Someso, a Agra de San Amaro, o Ofimático… onde ás perdas económicas se suman problemas graves para moitas familias.

Finalmente, o alcalde pediu confianza para o equipo de goberno e para o persoal técnico que está a avaliar a convocatoria. “Calma e tranquilidade, porque imos utilizar a información que temos para afinar a proposta de acordo cos criterios do Ministerio de Facenda. E eses fondos rematarán por vir para a cidade”.

 

Compromiso co investimento

Porén, aínda no peor dos casos, o goberno da Marea Atlántica comprométese a poñer en marcha as políticas incluídas na EIDUS: plan de vivenda digna, reformas pendentes nos mercados, plan para reducir as emisións contaminantes…  Porque acadar unha Coruña verdadeiramente sustentable, integradora, que participe dun modelo de economía social en beneficio da maioría da poboación e, en especial, dos sectores máis vulnerables, é un firme compromiso deste Goberno.

Como dixo o alcalde, “ninguén prometeu acertar sempre, só traballar duro e con prioridades claras”. O goberno local fai autocrítica e emendará as carencias do proxecto. Pero hai que lembrar que se desenvolveu nun tempo récord e que a proposta da Coruña foi, até agora, moi ben valorada en distintos foros. A semana pasada, sen ir máis lonxe, tivo o recoñecemento de persoas da Comisión Europea no Seminario de desenvolvemento urbano celebrado en Córdoba (Urban Development Network), diante doutras 70 cidades. Curiosamente, nin ningunha destas dúas cidade pasaron o primeiro corte do reparto de fondos.

A EIDUS ten unha segunda oportunidade