Saltar ao contido

A Marea Atlántica acepta a fórmula para os debates electorais que propón o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

O candidato d a Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, insiste na disposición da plataforma cidadá para participar “en todos os debates que faga falta” e critica que “Negreira intente facer trampas ás ordes de Feijóo e seguir coa opacidade tamén á hora de medir ideas con outras propostas electorais, especialmente coa Marea”

 

A Marea Atlántica respondeu formalmente e de xeito positivo ao documento emitido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) respecto da organización de debates electorais entre as distintas forzas que se presentan ás eleccións municipais do 24 de maio. O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, recordou que a plataforma cidadá que encabeza “defende e aplica a transparencia a todos os niveis e, polo tanto, está disposta a participar en todos os debates necesarios”, ao tempo que asegurou que “o contido da proposta do CPXG parécenos do máis razoable”.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera “os debates entre as distintas ofertas electorais como unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto” e, entre outras cuestións, aposta por que estes teñan lugar baixo o criterio “básico” do “interese cidadán, é dicir, o dereito da cidadanía a ser informada das distintas opcións políticas”. Así mesmo, desde o CPXG aseguran que “as candidaturas que deben participar son aquelas que teñan interese informativo para a maioría dos electores, ou sexa, aquelas que teñan posibilidades de ter representación en cada concello a partir do 25 de maio”.

“Estamos de acordo cos criterios que indica o Colexio de Xornalistas de Galicia e aceptaremos calquera proposta súa para debater, así como outras que poidan chegar en términos semellantes. A Marea cre na transparencia, a participación e a radicalización democrática. Pola contra, o PP e o señor Negreira intenta facer trampas á hora dos debates, seguindo as ordes que lle marca Feijóo, propoñendo limitacións e evidenciando unha vez máis que pon por diante os intereses do seu partido aos da cidadanía da Coruña”, asegura Xulio Ferreiro, que lembra que “a Marea leva varias semanas debatendo con outras forzas sen a presenza do PP nin o señor Negreira, que segue instalado na opacidade que caracterizou a súa xestión, talvez porque tema confrontar o seu proxecto en decadencia coa ilusión que representa a Marea Atlántica, que, como cada vez está máis claro, sabe que é a principal alternativa contra as súas políticas”.

 

O debate, baixo criterios informativos e de interese cidadán