Mareas

Foro Animalsita1

O debate animalista nos novos gobernos municipais

O I Foro de Políticas Públicas de Protección Animal puxo sobre a mesa os problemas da fauna urbana, o abandono e o maltrato

Daráselle continuidade a este traballo en novembro, cunha serie de obradoiros sobre dereito animal, educación e xestión de fauna urbana

O pasado sábado, 5 de setembro, tivo lugar na Coruña o I Foro sobre Políticas Públicas de Protección Animal e Convivencia, no que participou a concelleira de Medio Ambiente, María García, xunto a representantes municipais de Ferrol, Santiago, e o voceiro da Fundación Franz Weber en Europa, Leonardo Anselmi. Asistiron case un cento de activistas e tamén edís de Ourense e de Xixón e Pola de Sieiro, da veciña Asturias. O obxectivo inicial foi de marcar unha axenda de traballo para o avriance do respecto e da convivencia entre cidadanía e animais.

O foro, que se celebrou no centro Ágora, amosou o interese real e crecente da sociedade civil por fornecer aos novos gobernos municipais de propostas e ideas para a aplicación efectiva de políticas de protección animal.

Entre as preocupacións que se puxeron en riba da mesa atópase o descontrol absoluto da fauna urbana, que se pode ver nas colonias felinas e na sucesión de casos de abandono e maltrato que cada ano aumentan nas nosas cidades.

Tamén se falou do uso de animais en espectáculos. A Marea Atlántica adquiriu, no seu programa electoral, o compromiso de eliminar o apoio municipal a eventos nos que se maltraten animais, que xa comezou a materializar coa rescisión do contrato da feira taurina, e coa continúa coa redución do uso de seres vivos en festas como a Feira das Marabillas.

Foro Animalsita2O movemento animalista ten diante de si unha oportunidade única para avanzar na confluencia propositiva e favorecer o desenvolvemento de políticas imposibles co anterior entorno político. As asistentes coincidiron en sinalar que as mudanzas nos pazos dos concellos contribúen a xerar interese por como os novos gobernos traballarán neste eido habitualmente esquecido polas institucións.

No peche do foro,  fíxose a promesa da realización dun encontro máis práctico onde os promotores, como a Asociación Animalista Libera, ofreceron convocar obradoiros sobre dereito animal, educación e xestión de fauna urbana a mediados do mes de novembro. A Coruña ten a intención de se converter en referencia da defensa dos animais, cunha perspectiva baseada na convivencia e no asociacionismo veciñal.

1 comment

  1. Ya era hora. A ver si es verdad! !.Por algo se empieza. Retirar las concesiones de las perreras ya . organizar las colonias felinas en colaboración con las asociaciones animalistas.

    Responder

Have your say