Saltar ao contido

Xulio Ferreiro, durante a inauguración das xornadas Pensando en Xustiza, reivindicou a contestación social como motor de cambio. E ten toda a razón, porque non se pode entender a orixe da Marea Atlántica sen esa contestación social a unha situación de precariedade democrática e perda de dereitos que levamos moitos anos padecendo. A Marea Atlántica creouse para dar resposta, desde o concello, a unha demanda de cambio no xeito de facer política, desde a honestidade e a transparencia, na procura do ben común e na defensa das persoas máis necesitadas.

24obradoiro-zocos-01Por iso apoiamos ás Marchas da Dignidade, un movemento de movementos que conseguiu unir en grandes mobilizacións á cidadanía non afiliada a partidos, sindicatos, movementos sociais e tamén aos partidos políticos. As Marchas da Dignidade creáronse buscando a confluencia entre moitos colectivos e persoas que tiñan un obxectivo común, resumido nunha frase: pan, traballo e teito. Foron capaces de agrupar a máis de 300 organizacións de todo o Estado e mobilizalas en manifestacións multitudinarias que reflectían o sentir dunha gran parte da poboación. Nós tamén traballamos por unha confluencia para tomar as institucións, nun camiño paralelo ao que percorren as Marchas.

O vindeiro 24 de outubro ás 12 do mediodía, as Marchas da Dignidade volverán ao Obradoiro a reivindicar os dereitos que nos roubaron. Desde a Marea Atlántica apoiamos esa mobilización e animamos a todas as persoas a que acudan ese día a Compostela a reclamar os nosos dereitos e a facer fronte a unha situación inxusta provocada pola cobiza do poder económico. De feito, no vindeiro pleno municipal, a Marea defenderá unha proposta en apoio das Marchas. #Obradoiro24O Nós tamén imos.

O 24 de outubro, estaremos nas Marchas da Dignidade