Novas da Marea

09_NuevoMesuero

Novo Mesoiro: A Coruña nova

Rendición de contas do traballo realizado no barrio nestes tres últimos anos, con transparencia e humildade.

Novo Mesoiro é o barrio máis novo da Coruña. Novo porque foi o último en construírse e novo porque ten a media de idade máis baixa de toda a cidade. É un centro lonxe do centro, coa súa lóxica e identidade propias. É o lugar no que moitas familias están a construír o seu futuro. E, desde logo, é un barrio inxustamente tratado polos gobernos e administracións desde as súas orixes.

Na Marea Atlántica sabemos que A Coruña non remata na praza de Lugo e desde que chegamos ao Concello tentamos corrixir as carencias que o barrio foi acumulando en anos anteriores. Puidemos con algunhas, non con todas. Seguimos traballando cada día para que a vida en Novo Mesoiro, en toda a cidade, sexa mellor para o 99% da cidadanía.

  • Locais TEUs en Ribeira Sacra: Debidamente reformados, os dous locais da rúa Ribeira Sacra abriron o 2 de decembro, cun novo modelo de espazos municipais. Poden ser solicitados libremente por calquera persoa maior de idade. Os seus usos decidíronse nun proceso participativo.
  • Melloras no parque: Reparación de valados e zonas coa terra afundida. Tamén se instalaron 60 farolas e se cambiaron 19 que estaban danadas.
  • Coidados nas rúas: Ampliación de beirarrúas no acceso ao barrio, xa en 2016, recolocando un paso de peóns para facilitar o desprazamento a pé. Reparación de beirarrúas deterioradas na entrada de 24 garaxes.11_NovoMesoiro1
  • Renovación da zona de xogos da rúa Ancares: Xa no verán de 2015 unha das primeiras accións do goberno da Marea Atlántica foi mellorar a área infantil da rúa Ancares, cun novo xogo e reformas do valado, o pavimento e a xardinería.
  • Novas Hortas Urbanas: 29 parcelas e 4 mesas de cultivo (217 en total na cidade) , que se repartiron mediante sorteo entre a veciñanza.
  • Plantación de 130 árbores autóctonas, dentro do plan do Concello para aumentar un 10% a superficie arborada en toda a cidade. Para respirar mellor e loitar contra o cambio climático. As zonas verdes multiplicaranse no futuro, coa creación do Bosque de Breogán e a senda fluvial do río de Feáns.
  • Non ao couto de caza: Da man da veciñanza e os colectivos animalistas, esiximos a fin do couto de caza San Fernando-Vicente, perigosamente próximo ás vivendas e áreas públicas de Novo Mesoiro. Levamos ao Concello e á Deputación varias mocións que foron aprobadas e seguimos facendo presión para que a Xunta de Galicia o anule e se preocupe pola seguridade no barrio.
  • Punto de lectura: Desde outubro de 2017 funciona un punto de lectura e préstamo de libros no Centro Cívico de Novo Mesoiro. Acolle actividades da Rede de Bibliotecas Municipais, como os contacontos infantís.
  • Proceso participativo sobre servizos culturais: O punto de lectura e os usos dos locais TEUs naceron do diálogo coa veciñanza. Foron propostas recollidas no proceso participativo que se celebrou no barrio ao comezo de 2017.
  • 11_NovoMesoiro2Non á planta de residuos en Santa Icía: A Marea Atlántica e o Concello da Coruña sumáronse á mobilización veciñal para impedir que se instalara unha planta de residuos industriais no lugar de Santa Icía, a menos dun quilómetro de Novo Mesoiro, a mans dunha empresa con varios directivos imputados por irregularidades nun proxecto similar en Coristanco. Mentres a Xunta miraba para outro lado, presentamos alegacións e levamos a denuncia aos plenos do Concello e a Deputación provincial.
  • Colexio de Novo Mesoiro: Desde 2016, o Concello cedeulle á Xunta unha parcela de 8.000 metros cadrados para facer un colexio público en Novo Mesoiro. O mes pasado, por fin, presentaron o proxecto de obras e déuselles licenza municipal. Seguimos agardando a que comecen as obras.
  • Camiño do Convento: Mentres chega o novo cole, nós xa imos facendo. Desde comezos de este ano arranxouse o Camiño do Convento, que une Novo Mesoiro e Feáns e que será un paso a pé seguro para a rapazada do centro escolar.
  • Patio aberto ao barrio: Durante o verán de 2018, o colexio Manuel Murguía sumouse ao programa Aberto ao Barrio, para que o seu patio puidese ser empregado pola rapazada durante as tardes. Traballamos nun contrato estable para que esta iniciativa estea en marcha todo o ano e permita usar as instalacións fóra de horas lectivas.
  • Traballo social: No ano 2016, o Concello realoxou a 4 familias que vivían de xeito irregular en pisos propiedade da Xunta, resolvendo os problemas de convivencia derivados desta situación. As catro familias foron realoxadas, cunha vivenda digna e apoio dos servizos sociais. Pedímoslle a Xunta que cedera estes pisos, agora baleiros, para darlle aloxamento temporal a persoas que o precisen (vítimas de violencia machista, familias ás que un banco pon na rúa, etc). Non houbo resposta.
  • Festas do barrio: O Concello coidou da programación cultural e festiva nos últimos anos, con especial atención ás festas do barrio, que nunca faltaron á súa cita a finais do mes de agosto.
  • Corredor verde: É a gran conta pendente que o Concello ten neste barrio, un corredor peonil para unir as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume. A falta de acordo entre os propietarios dos terreos nos que se realizarán as obras impide, por agora, sacar adiante o proxecto. Pero o goberno municipal continúa a negociar para facelo posible.

Sabemos que aínda queda moito por facer, temos un proxecto para Novo Mesoiro e para toda a cidade que precisa tempo para desenvolverse. E seguirémolo facendo, loitando contra a especulación nos terreos portuarios, contra a instalación de vertedoiros contaminantes e por unha área metropolitana que rache a fronteira con Arteixo e outros concellos limítrofes. Por unha Coruña mais viva, máis verde, máis igualitaria e participativa.

11_NuevoMesuero

Have your say