Saltar ao contido

Fanse hoxe dous meses desde que botou a camiñar a Marea da Agra. Foi no soto da Própolis, a verdadeira ágora do barrio, como ben saben centos de cidadáns dos máis diversos colectivos que alí se teñen sentado a deliberar e que veñen construíndo, desde hai anos, un movemento subterráneo de resistencia e rebeldía que está a emerxer.

Entre a ducia de persoas que comezamos a xuntarnos o 9 de setembro hai xubilados, amas de casa, estudantes, mariñeiros, desempregados… Hai moita indignación e ganas de gañar para botalos. Pero sobre todo hai unha conciencia nítida de que así –deliberando abertamente, entre iguais e sen xerarquías– se fai a nova política. E só así, cunha participación democrática radical, se conseguirá erguer un poder cidadán.

Cada vez somos máis os que dende a Agra do Orzán formamos parte dese proceso que impulsa a Marea Atlántica para poñer a cidadanía en pé e levala ata María Pita.

foto marea agra

Non é casualidade que a da Agra fose a primeira marea que xurdiu no seo da Marea Atlántica. O barrio da Agra clama por atencións e coidados. E non é cousa de hoxe. Vén de moito antes da chegada dos inoperantes gobernos municipais, de antes de que as elites que os controlan implantaran a imaxe dunha “Coruña bonita” na fachada da Mariña mentres se agocha todo o demais. Non, non poderán disfrazar sempre a súa estratexia clasista. De cando en vez soben as mareas. Mareas que, mentres o réxime político se amosa obsoleto e inmobilista, intentan levar a voz cidadá aos centros de poder.

Desde o punto de vista administrativo, a Agra do Orzán corresponde co distrito 6 dos planos do censo, que agrupa a maior densidade de poboación de todos os barrios da Galiza (688,87 habitantes/ha). O noso é o barrio que conta coa maior porcentaxe de persoas chegadas do estranxeiro (un 10%), e nel, catro de cada dez habitantes naceron fóra da cidade. Se o barrio foi unha construción en aluvión, sen planeamento e baixo a bandeira da especulación urbanística; dun xeito desordenado foi crecendo tamén a poboación, nos primeiros anos procedente do rural galego e nos últimos de África e América Latina. Representamos, deste xeito, a Coruña máis mestiza e cosmopolita.

Precisamente, a especulación é a que explica a carencia de espazos para o esparcimento, exceptuando a Rúa Barcelona e a malograda Praza das Conchiñas, das que dispoñemos grazas á acción dos veciños organizados. En conxunto, segundo o estudo realizado polos arquitectos de A Cidade dos Barrios, existe na Agra do Orzán unha relación de 1 m² de espazo público por cada 3 habitantes. Trátase dunha carencia de espazos e equipamentos especialmente grave nunha área envellecida –case o 26% dos habitantes tiña máis de 65 anos segundo o Padrón do 2013– e con moitas familias en situación de exclusión social, pendentes das axudas que son recortadas día tras día e do reparto de alimentos en institucións desbordadas ante a alta demanda e a falta de apoios.

Por outra banda, a citada Rúa Barcelona é a de maior densidade de tránsito de todas as rúas comerciais galegas, mais estase a ver condenada a un continuo descenso de visitantes e ao peche de negocios, debido á forte aposta que o Concello fai polas grandes superficies comerciais. Esa é a Coruña Futura que se nos vende, mostra unha vez máis da non correspondencia entre o que os veciños demandan e o que o poder determina. Segundo as enquisas de A Cidade dos Barrios, o 75% dos coruñeses afirma preferir que predomine o pequeno comercio.

O barrio da Agra abrangue un imaxinario moito máis amplo do que sinalan os mapas. Por iso chamamos ás xentes do Ventorrillo, de San Pedro de Visma, de Bens, de Labañou ou dos Rosales a que participen connosco nesta marea, porque todos –máis de cincuenta mil veciños– sufrimos os mesmos problemas e dificultades, e só traballando xuntos poderemos darlles solución.

Desde a primeira vez que nos xuntamos na Própolis andamos á procura de dar visibilidade aos problemas da xente. Cooperando en rede, con horizontalidade, desde a rúa. Por iso nos constituímos o 17 de setembro como asemblea aberta e igualitaria, que pula por poñer, a través dunha participación cidadá plena, as institucións públicas baixo o control efectivo da cidadanía. E por iso nos orientamos segundo os principios de non discriminación, acción non violenta, reparto equitativo do poder, deliberación, transparencia e autonomía. Por iso somos Marea.

A Marea da Agra xa marcou, nestes dous meses de percorrido, os seus primeiros fitos públicos: a recollida de sinaturas do 26 de setembro para validar o proceso das mareas; a pegada de máis de 300 carteis polas rúas do barrio o mércores 15 de outubro; o discurso de Begoña, abrindo a rolda de mareas, no acto do Paraninfo do venres 17; a mesa informativa do 18, xunto ao mercado das Conchiñas, para darmos a coñecer o noso boletín –a primeira ferramenta de comunicación cos veciños onde faremos unha diagnose do barrio–…

Hoxe lanzamos este blog e lembrámosvos que nos podedes seguir a través do twitter @mareatlantica e da conta de facebook Marea Atlántica co hashtag #MareaAgra. E se queredes participar, non tedes máis que escribir un correo ao enderezo mareadaagra@mareatlantica.org.

Contamos convosco. Queremos traballar, con toda a cidadanía resistente e rebelde, nunha nova forma de facer política. Non nos chega con reivindicar, queremos gobernarnos a nós mesmos para construír un presente e un futuro dignos. Queremos zonas verdes para respirar e fuxir do cemento. Queremos espazos para a vida en común. Queremos lugares de lecer para nenos e maiores. Queremos dinamización económica e habitabilidade urbanística. Queremos equipamentos e servizos que garantan unha vida digna para todas. É de xustiza. Xa non nos chega coa mera subsistencia en permanente estado de angustia. É a nosa vez.

cartel agra-page-001

A nosa vez