Concello

ima4

Non máis CIE: Polo peche dos Centros de Internamento de persoas Estranxeiras

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no pleno unha moción na que insta a que se inicie o proceso de peche dos CIE “por non respectar os dereitos humanos”

A iniciativa chama a esclarecer os feitos ocorridos o pasado 19 de outubro no CIE de Aluche, en Madrid, e á adopción de medidas de transparencia e atención sanitaria nestes centros ata o seu desmantelamento

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá, no Pleno Ordinario do Concello da Coruña deste 7 de novembro, unha moción para instar ao Goberno central a que peche os sete Centros de Internamento de persoas Estranxeiras (CIE) que existen no Estado español, e que funcionan como cárceres invisibles, onde non se respectan os Dereitos Humanos, e onde se encerran a persoas que non cometeron máis delito que cruzar a fronteira sen papeis.

Na iniciativa, lémbrase que os CIE “demostraron durante anos non conseguir os seus obxectivos institucionais e non respectar  os dereitos humanos das veciñas e veciños que os habitan”. Propóñense tamén unha serie de medidas a adoptar en tanto que no se fai efectivo o peche dos CIE, como son a transparencia na xestión cotiá destes recintos, e a “facilitación do acceso de entidades cidadás dedicadas ao apoio á poboación inmigrante”, así como a esixencia de atención social, sanitaria e xurídica “realmente efectivas e adecuadas ás persoas internas”.

Do mesmo xeito, o grupo da Marea Atlántica propón un acordo para que o Concello pida ao Congreso dos Deputados a “inmediata posta en marcha dunha mesa ou comisión parlamentaria na que se reformule toda a normativa referente a estranxeiría, incluíndo o peche dos CIE”. Esta moción ven a referendar o xa acordado polo Pleno coruñés noutra moción anterior, aprobada en novembro de 2015, en favor do peche deste tipo de centros.

Investigación no CIE de Aluche

Neste caso, ademais, quere facerse un chamado ás autoridades para investigar e esclarecer os feitos ocorridos na madrugada do 19 de outubro no CIE de Aluche (Madrid) –cando un grupo de persoas iniciou unha protesta, subíndose a un dos tellados do recinto para denunciar as condicións que sofren as persoas internas– , así como das consecuencias que se derivaron e das actuacións que se produciron durante as 72 horas seguintes.

A moción pide que non se expulse ás 39 persoas que protagonizaron a protesta, “no seu libre exercicio do dereito constitucionalmente recoñecido de reunión pacífica”. O de Aluche é o centro ao que se derivan a maioría dos casos desde Galicia.

A proposta que se levará ao pleno alerta da “opacidade que envolve a xestión destes centros”, á que se suman as reiteradas denuncias relativas á violación de dereitos das persoas internas nos o CIE. “Estes feitos provocan que este Concello mostre a súa preocupación pola defensa dos Dereitos Humanos daquelas veciñas e veciños, tamén da Coruña, que se atopan internados nos CIE”, faise constar no texto, que reclama a declaración expresa do Concello da Coruña en favor do peche destes espazos.

Have your say