Mareas

“Na Agra, a relación m² edificado por m² de espazo libre non cumpriría os estándares da lei vixente”

Concepción García forma parte do equipo multidisciplinar que, baixo o nome de pescadería20, elaborou a parte do informe correspondente a Agra do Orzán dentro do proxecto “A Cidade dos Barrios” (2010). A súa análise revela serios problemas relacionados coa xestión do espazo público do barrio, así como grandes potencialidades.

Creo que o nome do estudo, Límites na densidade, fala por si mesmo. Os únicos espazos realmente públicos, libres, son a praza das Conchiñas –agora en obras– e a rúa Barcelona”. O estudo, realizado no 2010, sinala unha cifra preocupante: a praza das Conchiñas, con 3.000 , e a rúa Barcelona, con 8.500 , constitúen a única superficie de espazo libre público no barrio; o que cunha poboación cifrada en 29.139 habitantes establece unha relación de un metro cadrado de espazo público por cada tres persoas. “Na Agra a relación de metro cadrado de espazo libre público por metro cadrado edificado non cumpriría os estándares da lei vixente. A lei determina que cada tantos metros cadrados edificados ten que haber unha proporcionalidade cunha cifra de metros cadrados de espazo libre, de esparexemento. Por sustentabilidade, por saúde urbana”. Non obstante, explica, aínda quedan espazos potenciais que están infrautilizados.

IMG_3148

O máis importante dese tipo de espazos é o Parque do Observatorio, que conta cunha superficie maior que a rúa Barcelona e as Conchiñas xuntas. Concepción lamenta que este espazo, que pertence, en parte, ao Ministerio de Medio Ambiente, non estea “integrado no barrio”. “Os terreos posúen calidades intrínsecas excepcionais, non se trata dun solar máis. A súa posición privilexiada en cota alta respecto da cidade central dótano de singulares vistas sobre esta”, sinala a arquitecta. “Posúe ademais, pegadas históricas de grande calidade urbana, como o propio edificio do Observatorio, construción racionalista de principios do século XX, e unha escaleira de conexión do mesmo coa Cidade xardín, estrutura urbana excepcional, e que necesariamente debe recuperarse como paradigma dos últimos vestixios dun saber facer urbano local patrimonio de todos”. O barrio vese así seriamente ameazado por un proxecto urbanístico que pretende construír unha “urbanización de alta densidade” que levará o nome de Parque da Agra, algo que Concepción considera “un eufemismo” xa que o parque forma parte dunha “operación especulativa”.

IMG_3168

Especulativo tamén é a palabra que utiliza para cualificar o obxectivo da recente construción do aparcadoiro das Conchiñas. “É necesario liberar de coches unhas rúas tan estreitas, e por iso hai que propoñer alternativas na periferia do barrio. A Agra ten a sorte de ser un barrio final, con moito espazo baleiro na contorna, polo que cabería a posibilidade de crear aparcadoiros disuasorios sen invadir o pouco espazo público do que dispón o barrio”. Outra alternativa sería a “dinamización e mellora do transporte público” co obxectivo de reducir o tráfico de automóbiles. Preguntada pola relación entre estas intervencións e o proxecto Coruña Futura, marco da política urbanística do Concello, Concepción teno claro: “arredor da Terceira Ronda proponse o crecemento de toda a cidade futura, pero planificado nas condicións anteriores a crise económica, por iso a Agra ten que resolver os seus problemas dentro de si mesma”.

A conversa flúe e nela conflúen as ideas de todos os presentes. Falamos do Ágora, equipamento construído cunha importante financiación de fondos europeos. Concepción critica a falta de participación cidadá no proceso, xa que o diñeiro, opina, “recibiuse, entre outros aspectos, debido á densidade demográfica que ten o propio barrio, e son os propios residentes os que terían que decidir o que se fai con el”. Sinala a pouca imaxinación coa que se levou a cabo o proceso, xa que, explica, “a forma na que se realizou o Ágora foi encamiñada a facer o mínimo traballo de xestión: sacamos un concurso público e construímos no exterior do barrio, sen preocuparnos de se é realmente a mellor solución. As políticas públicas deberían estar confeccionadas doutra maneira”. É paradoxal, engade, “querer solucionar todos os problemas de falta de equipamento cultural da Agra nun espazo concentrado nos seus arrabaldes mentres que o problema do aparcadoiro se soluciona no corazón do barrio, cando debería ser xustamente ao revés”. Os efectos destas políticas maniféstanse a través das opinións da veciñanza da Coruña sobre o barrio. As enquisas da A Cidade dos Barrios amosan que tanto a rúa Barcelona como a praza das Conchiñas figuran entre os lugares de menor interese para os coruñeses.

IMG_3203

A Agra forma parte da idiosincrasia, da socioloxía coruñesa”, subliña, porén, a arquitecta. É un barrio cunha forte cultura popular que se podería aproveitar. Hai un cosmopolitismo que non existe no resto da cidade e pode converterse nun activo. Habería que afondar e aproveitar estas redes de convivencia tecidas pola propia cidadanía”. A conversa vaise movendo, inevitablemente, cara o eido económico. Como se financiaría este modelo alternativo? “Como xa dixen, a Agra do Orzán conta con fondos europeos, xa que un dos criterios máis importantes para distribuílos é o da densidade de poboación.”

7 comments

  1. * O Ágora aínda que esta perto non esta nos límites do Agra do Orzán, senón na zoa dos Mariñeiros-Ventorrillo. O problema do Agra, aparte das zoas verdes é que non existen aparcamentos pra os vehículos dos cidadáns que habitan no barrio, xa que moitos edificos, principalmente os contruídos antes da chegada da democrácia non teñer garaxe. Un dos últimos edificios levantados no barrio foron as “Torres Mantiñan”, se prazas de garaxe pra todos os residentes. Hai que loitar por conquerir que o Parque do Observatorio pase a ser zoa de lecer, cerrando as manzás de Edificios existentes, e abrindo o menor número de rúas novas.

    Responder
    • É certo, hai un Agra administrativo (o distrito 6) e outro que está no imaxinario da xente (un pouco máis amplo como subliñamos nun post anterior, e que ten que ver coa composición social da veciñanza); e dentro do distrito 6 non hai ningún equipamento. Están, iso si, nas marxes (caso do Ágora ou do centro de saúde do Ventorrillo). O que di a arquitecta é que o problema do aparcamento deberíase resolver nos arralbaldes e dotar aos equipamentos de algo máis de centralidade. Pódese estar ou non de acordo. Pero o criterio parece outro. E mesmo varía en función da zona da cidade. Soterrar a circulación é bo para o caso da Mariña; non para o das Conchiñas. Aquí aumentará o tráfico (xa moi denso) en superficie. Pensade que o Agra (o distrito 6 ou máis amplo imaxinado…) está atravesado por tres das principais vías de entrada e saída da cidade (as dúas rondas e a avenida Fisterre). O barrio leva demandado un parque no Observatorio desde fai décadas. Neso hai unha coincidencia case unánime. Queremos respirar.
      Asina: Marea da Agra

      Responder
      • Vivín uns anos na rua Pascual Veiga, no numero 12, enfronte da barbería de Antón e do bar no que hai redadas cada pouco. Falo para sinalar unha grave problemática existente no barrio e que non sei se teredes contemplado. Ule mal. O barrio enteiro, cando non é pola refinería é polo tráfico (denso, como dicíades) e cando nón porque as alcantarillas soltan un arrecendo letal. Estas últimas desbordan en varios puntos todolos invernos, coido que debe haber atascos e acumulacións de merda na rede de saneamento pública case tanto como nos gobernos dos actuais gobernos da casta. Tedes falado algo sobre esto? Pq eu o estiven pensando e non sei se o do ar ten solución. O das alcantarillas sí a ten dende logo, por favor pensade nesto para o voso programa. Outra cousa que me veu á cachola lendovos é que máis abaixo do observatorio hai un campiño o que lle chamabamos “campo da burra” os veciños que está totalmente abandoado, hai podería haber un espazo verde marabilloso, sexa en forma de xardín coma de leira comunitaria, asfaltalo non é unha opción, xa que entre Peruleiro e Manuel Murguía xa hai bastante cemento no parque que hai entre os edificios. Algo máis quería dicir pero xa non me acordo. Son moi novo para ter parkinson, non vos preocupedes. Forza e saude compañeiros!

        P.D: FRRAAAANNHUEEEENDEEEEEEERRRRR!!!!

        Responder
        • Estase a traballar, non só desde a Marea da Agra, senón tamén desde as mareas de Urbanismo e Mobilidade, en todos os aspectos que afectan a calidade de vida dos veciños da Agra. Os espazos verdes son una necesidade clara e urxente. Concretamete para o chamado Campo da Burra vense propostas interesantes dos propios veciños. Algunha aposta por recuperar ese espazo incorporando tamén o muíño de Agramela.

          Responder
          • 🙂 Conténtome có que me contas. Se me concretaras algunha proposta das que falas pode que fora felíz. Bo traballo rapacxs.

          • Unha liña de traballo segue a reivindicación histórica para un aproveitamento público do espazo do Observatorio. É una reivindicación que conta cun consenso cada vez máis amplo. Outra que hai interese en abordar é a promoción de hortas urbanas en zonas verdes da contorna do barrio. No tocante a aspectos urbanísticos estas son agora mesmo as dúas liñas de traballo que temos máis claras.

          • Moi ben. O que me contas o presupuxen por un video que tendes colgado. O do espazo do observatorio cae de caixón e non entendo como non hai xa algún plan en marcha, bueno, si que o entendo, estamos gobernados por langráns. O das hortas urbanas conta tamén co meu apoio. Eu vivín en Alcobendas e tiñamos unha hortiña que coidabamos os rapaces de secundaria, era boa cousa e levabamos verduras para casa. Se seguides nesta liña e vexo que involucrades aos actores sociais da cidade na candidatura municipal, eivos apoiar na campaña se o meu Círculo está de acordo. (E se a xente de Podemos Coruña non ten unha aposta mellor, claro.) Bó día e grazas poña labor.

Have your say