Saltar ao contido

A Marea Atlántica aposta por “unha nova política cultural” que se afaste “do modelo dunha concelleira cuxo fracaso foi tan evidente que nin sequera repite na lista do PP”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, defende “a creación dun Laboratorio que facilite proxectos culturais na cidade” e “un Plan Municipal de Lectura que reavive a actividade das bibliotecas do Concello”

José Manuel Sande, número cinco da Marea, denuncia que “a xestión de Ana Fernández centrouse en proxectos tan baleiros de contido como custosos” e lembra que “o seu departamento viuse gravemente salpicado polo caso Pokémon”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, defendeu “unha nova política cultural” desde o goberno local e avanzou algunhas das propostas da plataforma cidadá nese sector, que cualifica de “vital para unha cidade creativa que sempre foi quen de situarse á vangarda nese ámbito pero que non sempre contou co impulso do Concello, que mesmo nos últimos anos só achegou retrocesos e obstáculos, ademais dunha imaxe turbia moi afastada da potente realidade cultural de base que sempre definiu A Coruña”.

Neste sentido, Ferreiro expuxo algunhas das propostas culturais que inclúe o programa electoral da Marea, entre as que destacou “a creación dun Laboratorio Municipal que impulse a creación e o diálogo cultural. Trataríase dun centro que favoreza o desenvolvemento de talentos artísticos e novas propostas; a formación e promoción de novos proxectos; a investigación cultural constante e a produción de ideas e accións concretas, abertas e, en moitos casos, participadas pola cidadanía”. “Non propoñemos ningún novo contedor cultural, senón o aproveitamento e uso racional das importantes infraestruturas xa existentes”, engade.

Así mesmo, Xulio Ferreiro —en coincidencia coa celebración do Día do Libro este xoves 23 de abril— aposta por “intervir contra a precarización da Rede Municipal de Bibliotecas, reavivándoas mediante o deseño rigoroso dun Plan Municipal de Bibliotecas, que conteña tamén un Plan Municipal de Lectura, onde se interpele a todo tipo de colectivos sociais, así como á iniciativa pública e privada, nomeadamente ás librarías”. A “ampliación da programación de Viñetas desde o Atlántico, o salón da banda deseñada que ten lugar anualmente na Coruña, ou a celebración en 2016 do centenario das Irmandades da Fala, destacando a súa fundación coruñesa, a súa importancia cultural e tamén a súa visionaria actitude no relativo á igualdade de xénero”, son outras das moitas propostas culturais da Marea Atlántica, que organizou un acto de presentación do seu programa neste ámbito para o próximo venres.

Pola súa banda, o número cinco da candidatura da Marea, o crítico de cine e historiador José Manuel Sande, afirma que “a ausencia da actual responsable de Cultura do Concello da Coruña nas listas da candidatura do PP para as próximas eleccións supón unha proba do fracaso da xestión municipal nesa área”. “A xestión de Ana Fernández supuxo un retroceso xeral para a vida cultural coruñesa, centrándose en promover proxectos tan baleiros de contido como custosos, que amosaron a súa incapacidade para disociar o público do privado do que ela forma parte. A concelleira caracterizouse polo seu sectarismo e pola súa nula receptividade na interlocución cos axentes da cultura local e un afastamento e desconfianza patolóxica dos xestores municipais, funcionarios e funcionarias con experiencia e competencia contrastada”, indica Sande.

“Tampouco podemos esquecer a nefasta imaxe que ofreceu a súa xestión, xa que a concellería de Ana Fernández veuse afectada ata con cinco imputacións por corrupción, no marco do caso Pokémon, correspondentes a cinco directivos do seu departamento, incluíndo a dúas colaboradoras directas da titular, todo sen que a concelleira, nin tampouco o señor Negreira, tomase máis medidas que trasladar simplonas e incribles explicacións e non asumise ningunha responsabilidade”, engade o candidato da Marea Atlántica, que tamén recorda que na candidatura presentada polo PP ás municipais do 24 de maio “non hai ningún perfil especializado no eido cultural, o que parece suxerir o seu desinterese sobre todo o relativo a este sector ou á súa actividade, onde A Coruña conta cun enorme potencial historicamente demostrado”.

Mudar o modelo cultural