Concello

Votos Marchas

A Marea Atlántica denuncia no Pleno o bloqueo ás remunicipalizacións desde o Goberno do Estado

A través de disposicións nos Orzamentos Xerais, o goberno de Mariano Rajoy tenta impedir a recuperación de servizos públicos prestados por empresas privadas

A Marea Atlántica tamén defenderá no Pleno do Concello unha moción na que reclama un maior apoio ao aeroporto de Alvedro

O grupo municipal da Marea Atlántica presentará hoxe, no Pleno do Concello, dúas mocións nas que insta ao Goberno do Estado a abandonar as súas pretensións de bloquear a recuperación de servizos públicos e a apoiar o desenvolvemento do Aeroporto de Alvedro.

Na primeira destas iniciativas lémbrase que, a través de disposicións escondidas no proxecto de Orzamentos do Estado para 2018, dánase seriamente a capacidade dos Concellos de poder realizar contratacións, “poñendo serios impedimentos para que as administracións públicas poidan ofrecer directamente servizos que no pasado foron externalizados e privatizados”.

“O Goberno de Mariano Rajoy presentou un proxecto de orzamentos do Estado cuxas liñas mestras fundamentais son o recorte no investimento, no medio ambiente, nas infraestruturas e sen novidades no que é a política social”, indica a moción, que fai fincapé ademais en dúas disposicións adicionais que afectan directamente “a autonomía dos concellos”.

 

Dúas disposicións trampa

Segundo a moción do grupo de Goberno, a disposición adicional 27 impide incorporar como empregados públicos ao persoal de empresas con axudicacións de obras obras ou servizos no caso de que os contratos “se extingan polo seu cumprimento, por resolución, incluído o rescate, ou se se adopta o secuestro ou intervención do servizo”.

Por outro lado, a disposición adicional 35 prohíbe que os concellos poidan atribuír a condición de indefinido non fixo a persoal cun contrato de traballo temporal, nin ao persoal de empresas que á súa vez teñan un contrato administrativo coa institución, salvo por sentenza xudicial.

“Estas dúas normas, xunto coas limitacións da taxa de reposición de persoal instauradas polo ministro Montoro, son un ataque directo contra os procesos de reversión de privatizacións por parte dos concellos”, destaca a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito.

“É curiosa esta aposta do Goberno central porque as ansias privatizadoras só desembocaron en menos servizos públicos, máis caros e peores. Ademais as tramas Gürtel , Zeta ou Pokémon , por mencionar unicamente casos ocorridos en Galicia, son casos de corrupción que non serían posibles de non ser pola externalización de servizos.

 

Apoio ao aeroporto de Alvedro

Por outro lado, o grupo municipal da Marea Atlántica presentará outra moción na que se lle pide a AENA que corrixa á alza a previsión de tráfico para o aeroporto de Alvedro no período comprendido no recente Documento de Regulación Aeroportuaria 2017-2020, que define o reparto de fondos e investimentos estatais nesta infraestrutura.

A moción tamén propón solicitar a AENA, ente dependente do Ministerio de Fomento, que incremente a súa previsión de investimentos no aeroporto de Alvedro para garantir que a súa operatividade e capacidade sexan axeitadas a demanda real da cidade no presente e no futuro.

“Solicitamos tamén a AENA que dote a Alvedro, á maior brevidade posible, dun sistema de axuda á aterraxe que poña freo á elevada taxa de desvíos que existe na actualidade por esta cuestión”, destaca o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, que posúe tamén as competencias en materia de turismo.

 

Have your say