Saltar ao contido

O grupo da Marea Atlántica reclama nunha moción a volta do tráfico de contedores a San Diego e a súa integraciòn nunha rede metropolitana de transporte de viaxeiras

O grupo municipal da Marea Atlántica presentará o luns, 12 de novembro, unha moción no Pleno do Concello da Coruña para instar ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), dependente do Ministerio de Fomento, e a Renfe, a que restitúan o servizo de transporte de contedores na cidade. “É necesario ademais, que se volva a poñer en marcha coas condicións adecuadas, de forma que se oferte un servizo atractivo para os e as usuarias, tanto no relativo ás tarifas como ás frecuencias nas que se operan”, resalta o texto da iniciativa.

Do mesmo xeito, tamén se demanda o necesario restablecemento “das infraestruturas necesarias para poder operar un ferrocarril de transporte de contedores na terminal de San Diego”, á que define como “unha instalación básica para esta cidade”. A moción busca, tamén, o apoio do Pleno, do para pedirlle a ADIF “a integración da estación de San Diego nunha rede metropolitana de transporte de viaxeiros”, para o que deberá realizar os traballos e estudos necesarios.

 

As decisións de Adif e Renfe deixaron de facer competitiva a estación de San Diego

O grupo municipal da Marea Atlántica lembra que o 1 de maio Renfe decidiu “eliminar a única liña regular existente nese momento para o transporte ferroviario de mercadorías por contedor desde a estación de San Diego, rematando con este servizo na cidade da Coruña (…) Esta resolución foi precedida dunha serie de decisións por parte da empresa pública que foron deixando de facer competitivo o medio de transporte para as diversas empresas que o viñan utilizando”, engade.

A moción tamén recorda que non só o goberno da Coruña, senón diversas entidades sociais e económicas da cidade, pronunciáronse contra esta decisión do ente ferroviario“Para dar axeitado servizo ao porto e ás empresas que operan na Coruña e na área metropolitana, así como para aproveitar de xeito adecuado unha infraestrutura como a terminal de carga de San Diego, debe restablecerse o servizo de transporte de contedores por ferrocarril”, conclúe a moción.

Defendemos no Pleno a reactivación da Estación de San Diego