Saltar ao contido

A Marea Atlántica levará ao Pleno una iniciativa para instar a que se investigue a xestión da Autoridade Portuaria, que negociou a venda da Solana violando os seus propios acordos

A intención do Porto “ademais de supoñer a privatización de solo público, pretende alterar o ben mais prezado da cidade da Coruña, a súa fachada marítima”

 

O grupo municipal da Marea Atlántica levará ao pleno do vindeiro luns, 9 de xaneiro, unha moción para defender a titularidade pública dos terreos da Solana e os peiraos de Calvo Sotelo e Batería. Fronte aos movementos especulativos da Autoridade Portuaria, a iniciativa procura o apoio da Corporación Municipal para reclamar unha investigación da súa xestión, que levou á entidade a encadear perdas nos últimos catro anos, e fai que arrastre unha débeda de máis de 300 millóns de euros, xerada en boa medida pola obra do Porto Exterior.

En concreto, a moción insta ao Ministerio de Fomento e a Portos do Estado a indagar nas negociacións entre o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, e a inmobiliaria Río Mero, nas que pactaron unha oferta de compra polos terreos da Solana e o Hotel Finisterre. Esta actuación fíxose violando o acordo unánime do Consello de Administración do Porto, asinado o 30 de xuño de 2016, no que se comprometeran a parar a poxa durante seis meses. Nese prazo, o Concello da Coruña tiña prioridade para unha solicitude de adxudicación directa da parcela da Solana, a cambio de 1,4 millóns de euros, prezo de saída fixado pola propia Autoridade Portuaria.

 

Un porto que xoga a ser unha inmobiliaria

15385327_1402319609779829_5162880195842303150_oComo se di no texto que irá a pleno, “quebrar e violentar os propios acordos do Consello de Administración é causa de ilegalidade de tales acordos, e evidencia unha persistente actuación do presidente do Porto contraria ao interese público da cidade da Coruña e ao propio interese xeral portuario, que, como toda entidade do sector público, debe someterse nas súas actuacións ao supremo interese xeral e ao de legalidade, que deben prevalecer sempre sobre o económico”.

Tamén se pon de manifesto que a venda dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre –e a que con toda probabilidade virá despois, dos peiraos interiores– “ademais de supoñer a privatización de solo público (terreos gañados ao mar nun caso, antigos bens comunais da cidade, noutro), pretende alterar o ben mais prezado da cidade da Coruña, a súa fachada marítima e borde litoral”. Por iso, a moción tamén insta a exercer, cando resulte procedente, as medidas legais que correspondan.

 

Non serviría para pagar a débeda do Porto Exterior

solana-antiga-2O documento tamén advirte que esta operación especulativa, “non solucionaría a actual situación estrutural de débeda do porto da Coruña e o reequilibrio das súas contas”. Agardan obter 10 millóns pola Solana e o Finisterre, e 25 polos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, cando o seu burato económico supera os 300 millóns.

O interese da Autoridade Portuaria “non é outro que a venda a promotores privados para a urbanización dos terreos con destino maioritario a vivendas e usos terciarios-comerciais”. Pola contra, se queda en mans públicas, “supón unha oportunidade para a reordenación territorial e urbanística da fachada marítima da Coruña”, que permitiría que toda a veciñanza gozase dela.

“Persistir na venda de terreos para financiar a débeda sería seguir ancorados en hipóteses e situacións do 2004. Daquela prevíase que os ingresos obtidos financiarían un terzo do custo do porto exterior”, di a moción, mentres que agora supón pouco máis que o 10%.

 

Moi mala xestión dunha entidade pública

14964423Na mesma liña, o texto denuncia que a mala xestión do Porto da Coruña nos últimos anos “evidencia unha regresión acelerada dos seus resultados, a elevada débeda e carga financeira e a incapacidade da xeración de recursos para reequilibrar a situación e facer fronte aos vencementos nos próximos anos”, e sinala o “evidente fracaso da xestión da Autoridade Portuaria, que non pode ampararse en causas externas ou situacións de coxuntura”.

Como a cidade non pode pagar o desastre, a moción reclama que o Ministerio de Fomento e Portos do Estado refinancien a débeda da Autoridade Portuaria da Coruña e destinen fondos estatais e portuarios a sanear as súas contas. Ese é o camiño a seguir, en lugar de especular coa fachada marítima da cidade.

Finalmente, a iniciativa lembra que en marzo de 2016, o ente portuario se comprometera a cederlle ao Concello os terreos da Mariña, promesa que aínda non cumpriu. E fai un chamamento a “recuperar o diálogo e a cooperación institucional, a prol do interese xeral da Coruña, preservando a integridade do dominio público e da súa posta en valor, evitando a afectación negativa á fachada marítima e o borde litoral”.

Moción polo uso público da Solana e os peiraos interiores