Saltar ao contido
Porto da Coruña

Texto íntegro da moción de o grupo da Marea Atlántica presentará no Pleno do 10 de setembro, en defensa do borde litoral da Coruña. Reiteramos  a nosa demanda de condonación da débeda da Autoridade Portuaria, despois da quita de 350 millóns no caso do Consorcio de Valencia.

Pídese o apoio da Corporación para esixir, ademais, a reforma dos convenios de 2004, a creación dun consorcio público para xestionar os peiraos interiores e a construción do ferrocarril ao Porto Exterior.

A entrada en funcionamento do Porto Exterior de Punta Langosteira, así como o esperado traslado dunha parte das instalacións comerciais que hoxe aínda ocupan os peiraos interiores da Coruña, abren unha oportunidade extraordinaria para a cidade. A recuperación destes terreos portuarios, incluídos no seu día nos convenios urbanísticos asinados en febreiro e outubro de 2004, e que abranguen os peiraos de Calvo Sotelo, Batería e San Diego, permite deseñar as bases dun novo horizonte litoral contando coa imprescindible participación da veciñanza. É para isto que o goberno municipal puxo en marcha, tras a celebración do Foro Cidadán Tecendo Litoral, un concurso de ideas no que terán voz todas as administracións públicas, os principais axentes sociais e económicos e a cidadanía no seu conxunto.

A cidade da Coruña ten por diante o reto de impulsar un proxecto de transformación urbana que a libere do peso de decisións agora discutibles, debedoras dun contexto económico xa superado e encamiñadas a perpetuar un modelo de crecemento inadecuado e insostible. Hoxe, a veciñanza esixe a mellora da calidade do medio urbano, favorecendo a continuidade e a interrelación entre a cidade, o porto e o mar e gañando novos espazos para a vida cívica ao tempo que se relanza a actividade económica e a innovación en torno ás economías do mar, e todo isto cunha mirada metropolitana, pensada para A Coruña de hoxe e de mañá.

O Pleno da Corporación da Coruña pronunciouse en reiteradas ocasións, por ampla maioría, a favor de deixar sen efecto os convenios asinados no seu día sobre o destino e os usos dos terreos portuarios e de avaliar a situación actual e a previsión de ordenación dos mesmo, así como de concertar novas fórmulas de financiamento do Porto Exterior e de reducir ou condonar a débeda derivada da construción desta infraestrutura, procurando fórmulas de xestión dos espazos portuarios que conxuguen a renovación do borde litoral e a eficiencia das actividades portuarias.

Esta folla de ruta, maioritariamente respaldada pola Corporación da Coruña pero rexeitada de maneira sistemática polo anterior Executivo de Mariano Rajoy, vén de cobrar de novo actualidade e de amosarse, como sostén o goberno municipal dende o primeiro día, razoable e plausible. O Goberno do Estado, no marco das negociacións no Consello de Política Fiscal e Financeira, vai asumir, a demanda do goberno autonómico de Valencia, a condonación da débeda do Consorcio Valencia 2007 por un montante duns 350 millóns de euros, derivada da organización da Copa América, da Fórmula 1 e de instalacións para deportes náuticos, e formalizada daquela nun préstamo ICO.

De non aplicarse tamén na Coruña, esta fórmula de alivio da débeda do Consorcio Valencia 2007, que cómpre saudar na medida en que pode constribuír á rexeneración dos terreos portuarios da capital do Turia, converteríase nun agravio comparativo para a nosa veciñanza e frustaría as expectativas depositadas na nova etapa aberta no Goberno do Estado coa presidencia de Pedro Sánchez. Máis aínda cando a débeda da Autoridade Portuaria da Coruña con Puertos del Estado, un préstamo de 200 millóns de euros outorgado en xullo de 2011, tivo por obxecto a execución dunha obra de infraestrutura portuaria declarada de interese xeral do Estado. Crédito que, Convenio de Normalización Financeira e Plans de Empresa por medio, pretendía amortizarse coa venda de terreos portuarios, nunha operación deseñada nos convenios de 2004.

É cuestión de vontade política, non hai outro impedimento. Existen mecanismos e procedementos máis que suficientes para condonar o préstamo da Autoridade Portuaria da Coruña, especialmente nun escenario de maior flexibilidade  no réxime europeo de axudas aos portos e infraestruturas portuarias. Con independencia das diferenzas que poden existir entre os dous casos, a realidade é que o Goberno do Estado condona un préstamo en Valencia a unha entidade de dereito público, na que participa o Estado, a quen está adscrito, de acordo cos seus estatutos, e non o fai até o momento na principal cidade de Galicia con outra entidade de dereito público dependente de Puertos del Estado e, por tanto, do Ministerio de Fomento.

A situación económico-financeira da Autoridade Portuaria da Coruña caracterízase pola elevada débeda (308,2 millóns de euros de pasivo non corrente a 31 de decembro de 2017, para unha cifra de negocios de pouco máis de 30 millóns e un resultado de explotación de 4,2 millóns de euros) e, asociada a esta, unha elevada carga financeira, da que, por certo, se nutre Puertos del Estado (o 81% dos ingresos financeiros da administración portuaria en 2017 proceden dos intereses da débeda portuaria da Coruña). Unha situación que evidencia a incapacidade de xerar recursos ordinarios suficientes para facerlle fronte aos vencementos da débeda nos próximos anos e reequilibrar a situación. Esta situación verase agravada a partir de 2021, cando a Autoridade Portuaria empece a amortizar os 200 millones de euros do préstamo de Puertos del Estado; unha amortización que acumularía a correspondente ao préstamo concertado co Banco Europeo de Investimentos.

ACORDO

1.- Instar ao Goberno do Estado a condonar o préstamo concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, acordando para isto as medidas normativas e orzamentarias que correspondan para o exercicio 2019.

2.- Instar á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a convocar de inmediato a Comisión de Seguimento prevista no convenio asinado polas administracións o 2 de febreiro de 2004 para a reordenación dos terreos portuarios,  para negociar e asinar co Concello da Coruña un protocolo de colaboración que teña por obxecto a revisión dos convenios de 2004, e con ela a do PXOM do 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade baseado nos seguintes principios reitores básicos: titularidade pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios e complementarios.

3.- Instar á Autoridade Portuaria da Coruña, a Puertos del Estado, ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia, así como a ADIF, a constituír xunto co Concello da Coruña un consorcio público como forma de participación e xestión dese novo horizonte litoral, no que, asegurando os obxectivos sinalados no apartado anterior, o Concello da Coruña teña garantida a participación suficiente para a súa execución.

4.- Instar ao Ministerio de Fomento e Puertos del Estado a impulsar e financiar a execución da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira e, a tal efecto, demandar a correspondente inclusión do orzamento correspondente e suficiente tanto no Plan de Investimentos de Puertos del Estado como nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2019. Do mesmo xeito, instar ao conxunto das administracións e entidades competentes a incrementar os esforzos na plena operatividade, conectividade e promoción internacional do porto exterior.

5.- Trasladar o presente acordo á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Fomento, á Autoridade Portuaria da Coruña, a Puertos del Estado e a ADIF, así como ao conxunto dos grupos parlamentares tanto no Parlamento de Galicia como nas Cortes Xerais.

Reclamamos no Pleno que o Estado asuma a débeda da Autoridade Portuaria