Municipalismo

Voceiro de EnMarea na moción censura

Moción de censura á corrupción

A Marea Atlántica apoia a iniciativa do grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea para desaloxar ao goberno de Mariano Rajoy pola vía democrática

O goberno de Mariano Rajoy e o Partido Popular que o sustenta son a corrupción mesma. Cada novo día, cada novo sumario xudicial, cada novo dato desvelado déixao máis claro. Non son casos illados, batracios alleos ou mazás podres. A corrupción está no mesmo seo do PP, é a súa forma de entender a política, propia dunhas elites que entenden as institucións como instrumentos para o enriquecemento propio e dos afíns, mentres deixan só as migallas para o 99% da cidadanía.

Por iso, a Marea Atlántica apoia a decisión do grupo confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea de presentar no Congreso dos Deputados unha moción de censura para desaloxar a corrupción do poder executivo do Estado. Ábrese unha vía democrática para conseguilo, que esixe a colaboración dun amplo espectro de forzas políticas, pero que debería ser posible con xenerosidade, lealdade e poñendo por diante os intereses das persoas. Preto, en Portugal, temos un exemplo do que pode facerse. Un exemplo moito mellor que os populismos de ultradereita que están a agromar en Europa.

A pregunta que lanza o grupo confederal está clara. Estamos coa corrupción do PP ou estamos co ben común?

Estamos cos que mercadean con obras públicas para financiar unha vida de luxo ou con quen ten que retorcer a matemática para chegar a fin de mes cun emprego lixo? Estamos con quen pon e quita fiscais e presiona á xustiza ou estamos coas persoas? Estamos cos corruptos que fuxen a Suíza ou coas mozas condenadas por facer humor en Twitter? Estamos con quen ordena os desafiuzamentos ou con quen os sofre?

As respostas dos distintos partidos políticos escoitaranse no Congreso dos Deputados, durante o debate da moción de censura. O Partido Socialista e Ciudadanos, responsables de que Rajoy siga a ser presidente, farían ben en pensar con calma se queren tropezar unha segunda vez co mesmo sobre cheo de cartos en B.

O uso de cartos e recursos públicos para o enriquecemento dos mesmos intereses privados de sempre é tan escandaloso que resulta moi complicado xustificar unha negativa á moción de censura que pode traer aire fresco ás institucións do Estado. Desde a Marea Atlántica temos claro que non queremos que continúe o saqueo. Non é non.

A situación afecta, e moito, aos concellos. As administracións locais, sobre todo aquelas que desde maio de 2015 foron conquistadas polas novas formas de facer política, son exemplo de que hai outro xeito de facer as cousas. Os concellos do cambio están a reducir a súa débeda mentres aumentan o gasto en políticas sociais. Mentres, o PP emprega as leis do Estado para impedir que invistan o seu superávit en servizos. E emprega os Orzamentos do Estado, na súa disposición 27, para blindar as concesións privadas, foco de incontables casos de corrupción: Pokemon, Pikachu, Gürtel, Púnica, Lezo…

A loita terá que darse no Congreso dos Deputados, no Parlamento de Galicia e en todos e cada un dos municipios do noso pais. Pero tamén, pero sobre todo, na rúa. Coa mobilización e a loita social que debe opoñerse á enorme trama de corrupción da que o Partido Popular é cómplice e parte central.

Have your say