Novas da Marea

SGR_20161130_carcere_G88B6044

O PP non critica a recuperación do cárcere, o PP minte e difama

O alcalde, Xulio Ferreiro, está a estudar accións legais contra o panfleto difundido polo Partido Popular nos buzóns da veciñanza da Coruña.

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou que está a estudar medidas legais contra o Partido Popular, polas mentiras e difamacións contidas nun panfleto que está a introducir nas caixas de correo de toda a cidade, e no que acusa ao goberno municipal de “adxudicar a xestión do cárcere a dedo”. Como sinalou o alcalde, “isto sobrepasa todos os límites da honestidade e o xogo limpo”.

“Estes feitos son moi graves. Por escrito, estase a faltar a verdade nun libelo difundido de xeito masivo, para atacar un proceso limpo, transparente e acorde coa legalidade. Se o PP ten dúbidas sobre isto, que vaia ao xulgado. E se non vai ou non lle dan a razón, que pida desculpas de maneira proporcional e en todos e cada un dos buzóns da veciñanza. Nós xa estamos a estudar que accións legais podemos emprender”, declarou Xulio Ferreiro.

 

En dous anos e medio, o PP non fixo unha soa proposta en postivo

O PP non critica, nin participa do lexítimo debate político. O PP minte e difama a moitas persoas: ao conxunto do goberno municipal, ao seu persoal de apoio e aos funcionarios que participaron no procedemento administrativo. Acúsaos en falso de cometer un delito. E iso non pode consentirse.  O expediente da adxudicación do uso da prisión da Torre é público desde hai tempo. E as insinuacións contra o proceso xa foron desmentidas con claridade.

O que amosa esta acción desesperada, como explica o alcalde, é que “o PP está moi nervioso, non sabe que facer para atacar a este goberno, porque se ve incapaz de propoñer nada para a cidade. En dous anos e medio nunca lles escoitei unha proposta en positivo”. Fala claro Xulio cando di que “veñen de sobrepasarse  todos os límites da honestidade e o xogo limpo”.

Podes escoitar aquí as declaracións completas de Xulio Ferreiro.

Have your say