Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A Marea impulsará un Plan Integral de Coidados fronte a un PP que non tivo ás persoas dependentes como prioridade”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña participou no primeiro #MareaCafé, no que a plataforma cidadá dialoga con distintos axentes, neste caso relacionados coa dependencia.

Dependencia

 

A Marea Atlántica comezou este luns os seus #MareaCafé de campaña, pequenos actos nos que convida a almorzar no seu local a axentes e persoas relacionadas cun determinado sector. O primeiro diálogo estivo dedicado á dependencia, e durante o mesmo Xulio Ferreiro, candidato da Marea á alcaldía da Coruña, indicou que a Marea cre na “promoción dun Plan Integral de Coidados que abordará a situación das persoas con diversidade funcional e/ou situación de dependencia”.

“As políticas do Concello da Coruña neste ámbito foron tendentes a non responsabilizarse da atención ás necesidades de coidados da cidadanía, asumindo así a sentenza de morte que os recortes estatais e autonómicos lle deron á Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia (LAPAD). Para o PP e o señor Negreira a dependencia nunca foi unha prioridade, pero para a Marea si que o é”, dixo o cabeza de lista, que engadiu que “este plan que propoñemos é un paso cara un horizonte que poña cada vez máis a sustentabilidade da vida no centro da nosa organización social. Dende o ámbito municipal é preciso recoñecer os traballos que ata o momento permaneceron invisibles, non remunerados e desempeñados maioritariamente polas mulleres”.

#MareaCafé da dependencia