Mareas

Marea Viva 2017 | Obxectivos políticos

Documento aprobado pola Rede da Marea Atlántica, o 16 de novembro de 2017, que fixa as metas a acadar pola organización no horizonte de 2019 e as vindeiras eleccións municipais.

1.- Balance 2014-2017 e análise de conxuntura

Para abordar a Marea Viva é preciso ter en conta que a conxuntura política, económica e social que nos levou a iniciar en 2014 un proceso político intenso e frutuoso, non é a mesma da actualidade. Temos diferentes retos, polo que cómpre repensar como enfocalos e como abordalos. Hai tres anos, tanto a realidade global como a estatal estaba marcada por un alto ciclo de mobilización social, cun punto de inflexión capital coa eclosión do movemento 15-M.

Aquel momento histórico derivou dunha serie de factores, entre os que destaca especialmente a crise económica, que excluíu a unha gran parte da poboación, empobreceu a outra gran maioría e furtou dereitos amparándose en políticas austericidas que acabaron incrementando o peso que tiñan que soportar aquelas que menos tiñan, mentres se aliviaban as cargas dos grandes grupos empresariais coa escusa (falsa) dunha pretendida xeración de emprego que, en ningún caso, foi de calidade.

Cando naceu, en 2014, a Marea Atlántica tiña un obxectivo claro, recoller a forza da mobilización social que viña en auxe dende o 2012 e transformala nun movemento de indignación política para iniciar un asalto institucional que levase á cidadanía organizada a entrar en María Pita. Quixemos levar a praza ao pazo. E esta aposta foi, indubidablemente, un éxito. Con máis de 36.000 votos nas eleccións municipais de maio de 2015, foi posible formar un goberno que logra avances en políticas sociais, culturais, en memoria histórica, participación, igualdade, medio ambiente e coidado do espazo público, pero que atopa enormes dificultades polo bloqueo institucional e mediático ao que se ve sometido a diario.

Consolidouse así unha organización política nova, con gran potencial creativo e humano. E nos tres anos transcorridos desde entón, o goberno e a Marea demostraron que son capaces de traballar xuntos e multiplicar forzas. Demostrouse cando foi necesario empregar a cuestión de confianza para aprobar os orzamentos municipais de 2017, e cando houbo que defender os terreos do porto interior das intencións especuladoras que estaban deseñadas para eles. En ambos os casos, o pazo de María Pita e a praza dos Ovos conseguiron que a súa postura pasase a ser de sentido común.

Porén, nestes dous casos, a iniciativa partiu do goberno municipal. Á organización estalle a faltar pulo para detectar as demandas da cidadanía e responder a elas independentemente do goberno municipal.

Os tempos mudaron. As experiencias políticas de transformación triunfaron en 2015, non só na Coruña, senón noutras partes do Estado e Europa. Non obstante, esta onda de cambio trouxo tamén consigo, de forma case inmediata, unha reactivación electoral, discursiva e ideolóxica das vellas e das novas dereitas europeas e globais.

Nun ciclo de mobilizacións que comezou a tender á baixa, a dereita atopou novas vías para aflorar aínda a pesar dos casos de corrupción e das súas prácticas políticas claramente antisociais. Iso si, mentres que en toda Europa xorden e medran novas formacións neoconservadoras, a situación no Estado español non muda, xa que o espectro se ve totalmente cooptado polo Partido Popular,.

Un Partido Popular marcado polas imputacións e a corrupción, pero que segue a sumar vitorias electorais no Estado e en Galicia, reforzadas polas novas dos grandes medios, que pintan a realidade da mesma cor que os argumentarios do PP. É o caso de Catalunya. Proceso, por certo, que referenda as teorías dos extremos discursivos, dentro dunha deriva autoritaria e recentralizadora por parte do estado español. E tamén é o caso que se vive na Coruña, cun desproporcionado ataque contra o goberno da Marea Atlántica, intentando invisibilizar as políticas que puxo en marcha nos últimos dous anos. É tarefa do noso espazo político construír un relato alternativo dos feitos e levar o debate político á cidadanía, para combater a desmobilización.

O PP ten unha estratexia de reconquista de María Pita, pero está lastrada polo seu uso partidista das institucións. Nótase na percepción, mala ou moi mala, que a poboación ten sobre o compromiso que está a amosar a Xunta de Galicia coa cidade da Coruña. Por outro lado, está por ver a posición definitiva que adopta o PSOE e as novas executivas local, galega e estatal. A pesar destas circunstancias, segundo as enquisas realizadas, non se detecta unha imaxe sólida da oposición ao goberno local e á Marea Atlántica.

 

2.- Que imos facer en 2019?

Nestes momentos, co 70% da lexislatura consumida e aproveitando a Marea Viva, cómpre reflexionar sobre o camiño a adoptar en 2019. Volvemos apostar pola vía institucional para seguir afondando no modelo de cambio do que nos dotamos en 2015? Ou renunciamos a ela en prol dun movemento sociopolítico de ámbito extrainstitucional?

Hoxe en día contamos cun proxecto de cambio cara a un modelo que se preocupa polas clases máis desfavorecidas, por ese 99% ao que apelabamos cando eramos pouco máis que unha ilusión. Políticas como a Renda Social Municipal son xa unha realidade.

Porén, aínda quedan moitos retos que non seremos capaces de resolver nesta lexislatura. Esta cidade aínda precisa unha forza municipalista que defenda o ben común, que aposte por un modelo de mobilidade sostible e pola política de proximidade. Necesita dunha institución local que estea á altura contra o rearme neoliberal.

Nestes dous anos demostramos que un cambio nas políticas públicas non é só posible senón imprescindible e positivo. Toda mudanza no sistema socioeconómico ten que comezar polos niveis máis próximos á cidadanía. Nestes ámbitos é onde se producen os mecanismos que permiten aglutinar esa forza e ilusión de cambio necesarias para levar a cabo o asalto aos lugares nos que tradicionalmente somos excluídas.

Os motivos que nos levaron da praza ao pazo hai dous anos e medio continúan a existir. Por iso, nesta Marea Viva reafirmamos a nosa aposta por continuar traballando na vía institucional, co obxectivo de gañarmos as eleccións municipais de 2019 e afianzar o cambio político na cidade. Para levalo a cabo, necesitamos manter ese outro modelo de facer política, ese espírito de impugnación e alternativa ás forzas do réxime que nos permitiu chegar a onde hoxe estamos. Ademais, debemos seguir afondando nas ferramentas de innovación e aglutinación de forzas, renovando e estendendo o noso tecido de alianzas e saíndo dos nichos de confort, aínda que sen perder o horizonte de ruptura democrática que forma parte do noso ADN. A nosa configuración como organización municipalista de adscrición individual e aberta á participación da cidadanía non está en dúbida. Agora, ampliemos a nosa base social.

Por outro lado, debemos deixar a nosa pegada na imaxe da Coruña. O goberno da Marea Atlántica debe ser lembrado como un concello que empoderou ás maiorías agredidas, que impulsou outro concepto de cidade. Neste sentido, fáltanos afondar na promoción das políticas realizadas ata agora e dotarlas de maior continuidade no tempo para que se espallen pola sociedade. Ao mesmo tempo, temos o reto de aumentar a transversalidade das políticas, de forma que os enfoques de xénero, medio ambiente e clase estean sempre presentes.

O noso maior obxectivo é gobernar para transformar. A Marea Atlántica non é un fin en si mesma, senón unha ponte para axudar na transformación da sociedade. Para iso necesitamos dar resposta aos conflitos, tanto a nivel interinstitucional como no eido social. De aquí en adiante apostamos por ter máis presenza nos barrios, como concello, pero tamén como organización. Recuperemos o espírito da praza, baixemos ao micro para desvelar as realidades ocultas das capas máis desfavorecidas e colaborar coa cidadanía para que sexa esta quen lidere o cambio social. Debemos fomentar e apoiar as distintas loitas, axudando a construír alianzas e tecer redes entre os distintos movementos sociais co fin de lograr unha intersectorialidade que multiplique a súa forza e supere as contradicións e límites da vía institucional. Debemos tratar de traballar en rede, non só con nós mesmas, senón cos movementos cidadás, empoderándoos e favorecendo a súa visibilidade e espazo.

Somos as de abaixo, somos o 99%. Queremos construír coa xente do común un relato hexemónico que produza cambios irreversibles para a cidade. Non nos conformamos con gañar as eleccións para unha mellor xestión do existente. Vimos para impugnalo todo, continuaremos no camiño.

3. A Marea Atlántica,  espazo municipalista.

A Marea Atlántica aposta pola proximidade na acción política e pola cidade como núcleo de convivencia. No mundo actual, as cidades son os focos do poder e a toma de decisións, son espazos dinámicos nos que vive a meirande parte da poboación. E, por iso mesmo, son os lugares dos que emanan as loitas e os cambios sociais, e o escenario desde o que se están a combater as políticas neoliberais que sementan desigualdade e inxustiza. O concepto do dereito á cidade expresa moito do noso programa político: o dereito a gozar en condicións de igualdade dos espazos e os recursos públicos urbanos.

Apostamos por un municipalismo consciente e proactivo, que procura ofrecer solucións a problemas concretos, e que amosa que outro xeito de facer é posible. Cada día, na Coruña, demostramos que é posible entender o urbanismo dun xeito humano, en lugar de poñelo ao servizo da especulación. Que se pode loitar contra a inxustiza e a desigualdade, deixar de contaminar as augas ou defender a lingua e a memoria histórica. E a cidade non crebou por iso, ao revés. A Coruña é un lugar mellor para vivir. Segundo os indicadores, dende a aparición da Marea e as súas políticas implementadas dende o goberno local, o número de persoas en risco de exclusión social diminuíu.

Pero municipalismo non significa localismo. Non supón unha mentalidade pechada que esquece todo o que hai tras as fronteiras do Concello. A prioridade clara é construír no local, pero o municipalismo ten que tecer redes de colaboración, cooperar con espazos similares en Galicia e no Estado, como quedou claro na celebración do encontro MAC3 na Coruña, coa presenza de máis de 70 organizacións de todo o territorio estatal e varias de ámbito europeo. O municipalismo é de código aberto, ofrece solucións adaptables a calquera lugar onde se defenda o dereito á cidade e, como tal, debe espallarse.

Ademais, estas redes de cooperación son unha ferramenta imprescindible para ofrecer alternativas aos poderes que transcenden o local, como os gobernos da Xunta e o Estado, que o PP emprega como ariete autoritario contra os rivais políticos.

Por iso, no horizonte 2019, a Marea debe facer un esforzo metropolitano, para estreitar a colaboración coas candidaturas de confluencia activas na comarca da Coruña, desde a fraternidade e a cooperación, para fomentar o intercambio de ideas e recursos en todos os concellos limítrofes.

E debe facelo en consonancia coa aposta decidida pola Área Metropolitana da Coruña que está presente no ideario e na acción do goberno municipal, que está impulsando unha serie de acordos de carácter histórico cos municipios veciños co obxectivo de levar ao Parlamento de Galicia unha Lei da Área Metropolitana da Coruña. Porque a cidade non cabe xa nun só concello, e os límites da nosa cidade xa non rematan na Pasaxe.

Doutra banda, a Marea Atlántica mantén unha aposta pola configuración dun suxeito político nacional, cunhas condicións definidas pola nosa Rede en varias ocasións: un espazo de confluencia, con mecanismos de transparencia e rendición de contas, feminizado e cun liderado colectivo. É o modelo que defendemos nas Mareas en Común e nos acordos da Asemblea Constituínte de En Marea, celebrada en Vigo.

Segue a ser necesario para levar ás institucións galegas o espazo político da ruptura democrática, porque a transformación que se está a iniciar a nivel municipal debe ter apoio e reflexo nelas. So así poderán desenvolverse políticas que agora son sistematicamente bloqueadas por unha Xunta que o PP emprega sen pudor como arma partidista.

O seguinte eido de colaboración é o estatal, onde cómpre seguir coidando a Rede de Cidades Rebeldes e as relacións con outros gobernos do cambio, para manter unha fronte unida contra os constantes ataques á autonomía local. E cómpre tamén mirar máis alá, cara ás experiencias municipalistas en lugares como Italia, Francia, Serbia, Reino Unido, Alemaña… porque as súas loitas son as nosas. A Marea Atlántica pode ser referencia para moitos movementos xurdidos en cidades de tamaño intermedio e, á súa vez, pode aprender das ferramentas desenvolvidas noutros lugares.

En resumo, temos que reforzar o papel da Marea Atlántica na proximidade, no traballo local, pero sen pechar os ollos ao que ocorre noutros ámbitos. Na medida en que os nosos recursos o permitan, temos que reforzar as redes de alianzas metropolitanas, galegas, estatais e internacionais. Temos moito que achegar, e moito que aprender.

 

4.- Obxectivos para o período 2017-2019.

A medio prazo (2017-2019) na Marea Atlántica márcase unha serie de obxectivos como organización, tanto a nivel interno como nas nosas relacións exteriores: na cidade, na área metropolitana, a nivel autonómico, estatal e mesmo internacional. É clave determinar como nos imos situar ante os principais retos da axenda política do cambio e do municipalismo. Así como determinar cales deben formar parte do noso ADN como organización cidadá.

Queremos unha organización viva, aberta e transparente, líquida, en constante formación e adaptación ao contexto. Unha organización descentralizada que estea presente nos barrios da cidade cunha axenda deseñada dende abaixo, a partir das necesidades das persoas, das veciñas e veciños dos barrios da Coruña. Esta idea debe convivir coa idea de contextualizar os problemas concretos dos barrios no marco global da cidade e das grandes liñas políticas, transversalizándoas e traballando conxuntamente: ámbitos temáticos e territorio.

Defendemos unha organización con axenda propia, coordinada coa axenda institucional do goberno. Unha organización con portavocías diversas, colectivas e rotatorias. Unha organización con voces propias, posicionada en relación aos grandes temas da axenda municipalista a nivel local, metropolitano, autonómico, estatal e internacional. Unha Marea Atlántica que faga pedagoxía política do dereito á cidade, o cambio climático, a igualdade, a violencia de xénero, etc.

Unha organización que teña presenza e se expanda nas diferentes plataformas cidadás e colectivos sociais do noso territorio de influencia, participando activamente delas, transversalizando coñecemento e ampliando saberes, colaborando para multiplicar.

Unha organización que actúe, medindo sempre as capacidades de traballo e aliñándoas coas capacidades da organización de marcarse unha axenda. Coidando ás persoas, abrindo espazos para a conciliación, adicando espazos á formación, á celebración, á experimentación, etc.

Queremos traballar por retos concretos, con grupos específicos, posibilitando modos de participación diversos, con igual valor, para procurar a participación de todas aquelas persoas que non participan pero queren facelo.

Facer unha organización acolledora, que acompañe ás persoas que se incorporan de novas, facilitando o acceso á información e clarificando o sistema de funcionamento e toma de decisións. Facendo unha estrutura transparente, horizontal e moito máis accesible que traballe para o 99% buscando consensos.

Unha organización, ao fin, que teza alianzas naturais con aquelas persoas, organizacións, colectivos, espazos políticos cos que compartimos axenda, inquedanzas, problemáticas… e con todas as veciñas da Coruña que desexen deseñar e pensar un programa participativo que nos sirva de ferramenta para traballar no espazo público, nos centros cívicos da cidade, sempre coa linguaxe da xente do comun, buscando proximidade e vínculos.

Have your say